GC Aberto

Incendios forestais. Nova política forestal para Galicia, e axudas directas aos propietarios dos montes

No país veciño (Portugal), vimos arder hectáreas e hectáreas de terreo e morrer máis de 60 persoas quedando centos de feridos, no ano 2017. Agora de novo, máis terra queimada, sete mortos e un gravísimo ataque ao medio ambiente.

Por Pablo | Compostela | 24/09/2024

Comparte esta noticia

PARTIDO GALEGO

Incendio de Crecente
Incendio de Crecente | Fonte: Adrián Irago - Europa Press

Isto ben a conto agora pola defensa que está a facer o Partido Popular da instalación da megapapeleira Altri no noso País. No canto de dar facilidades á instalación desta multinacional estranxeira, debería trazar unha política forestal axeitada para Galicia e os seus recursos ambientais, paisaxísticos e económicos.

Con Altri en Galicia, teríanse que incrementar substancialmente as plantacións de eucaliptos (ou é que van pechar Ence-Pontevedra ou Ence-Navia?). Polo momento negan que precisen plantar máis, pero igual que mentiron cos postos de traballo a crear (rebaixaron os 5.000 prometidos inicialmente aos 250-500 que din agora), a súa intención é multiplicar as plantacións de eucaliptos no noso país, aumentando así o risco de incendios e as súas consecuencias.

Se ben a causa directa dos incendios forestais non é a existencia mesma das plantacións de eucaliptos, estes si favorecen que a súa magnitude e perigosidade, a destrución do chan pola alta combustión e a contaminación posterior das augas, sexan de consecuencias catastróficas.

É necesario tamén recoñecer que os propietarios dos montes en toda Galicia, van estar sempre con maior disposición de facer plantacións de especies, e alugar ou vender as súas terras a negocios que garantan un maior rendemento directo e o máis pronto posible.

Para que as políticas de cambio de modelo forestal teñan éxito e poidamos evitar que en Galicia se produzan incendios como os que asolan Portugal cada certo tempo, propoñemos que se resolva da maneira máis urxente posible o seguinte:

1.    Concluír nun período de 4 a 8 anos as concentracións parcelarias das terras galegas.

2.    Planificar a distribución de especies en función das condicións de cada zona, garantindo a biodiversidade de forma indefinida.

3.    Garantir a rendibilidade a todos os propietarios das terras, en función das especies e do espazo dedicado á masa forestal, mediante subvencións directas igual que se doutro sector estratéxico se tratase.

4.    Traballar para concienciar á sociedade sobre a importancia de manter unha produción coidada, ordenada e sostible do monte; para que os case 1,5 millóns de hectáreas arboradas, que representan o 50% da superficie de Galicia, sexan unha fonte de recursos e benestar para o País.

5.    Compensación aos propietarios de terras afectadas directamente polas “autopistas da enerxía” (liñas de alta tensión), ben polas empresas propietarias das liñas ou pola Xunta previo recadación impositiva as produtoras da enerxía.

Fagamos producir o noso agro en equilibrio e aproveitemos os nosos recursos naturais que son moitos e ricos.

Temos enerxía, vento, terra, mares; poñámonos a traballar con sentidiño e fagamos un Pais posible, rico e próspero para hoxe e para o futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lagarteiro

Non vexo ningunha referencia á soberanía alimentaria. Sen terras para cultivar, cereais, tubérculos, vexetais e outras especies de alimentos, non faremos medrar a economía do sector agrario, porque, que eu saiba non comemos árbores. Precisamos máis terra de cultivo, menos especies que espallan o lume coma os piñeiros e os eucaliptos e máis diversidade nas plantacións para ter madeiras boas de carballo e de castiñeiro, senon seguiremos sendo escravos de ENCEs, ALTRIs e demais destructores do planeta.