Así é Safety.net, un programa de prevención multirisco no uso dos móbiles que se presenta en Galicia

Segundo un estudo de Unicef, o 94,8 % dos adolescentes dispón de móbil con acceso a Internet, cunha idade medio de acceso ao primeiro dispositivo de 10,96 anos. O 50,5 % teñen conexión á rede por contrato. Dende o Galicia Confidencial falamos cos psicólogos Joaquín González-Cabrera e Juan Manuel Machimbarrena, creadores de Safety.net, da necesidade da prevención conxunta de ameazas 'online'.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/09/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Problemas de adicción ao xogo. Problemas de adicción ás redes sociais. Problemas de acoso sexual. Problemas de 'bullying'. Problemas de 'grooming'. Problemas de 'sexting'. Estes son só algúns dos moitos problemas que levan anos axexando aos nosos rapaces e rapazas, sen embargo, dende fai unha década, o risco de padecelos de forma simultánea incrementouse expoñencialmente. Por que? Por un común denominador que os pode englobar a todos: o móbil. O acceso ao teléfono móbil é cada vez máis temperá. Ano tras ano a idade á que os menores teñen o seu primeiro 'smartphone' vai baixando, pero a súa mentalidade para poder facer del un uso correcto é a mesma que era antes. Segundo o 'Estudo sobre o impacto da tecnoloxía na adolescencia' de Unicef, o 94,8 % dos adolescentes dispón de móbil con acceso a Internet, cunha idade media de acceso ao primeiro dispositivo de 10,96 anos. O 50,5 % destes nenos teñen conexión á rede por contrato, fronte a un 7,7 % que a teñen por prepago (un 41,8 % non o sabe). 

Riscos asociados ao uso de móbiles en menores
Riscos asociados ao uso de móbiles en menores | Fonte: Commons

Así as cousas, nun pequeno dispositivo atópanse expostos a moitas ameazas que non se manifestan de forma individual, senón que unhas se solapan ás outras. Segundo os datos de Meltwater, en xaneiro de 2023 había en España 58,32 millóns de móbiles (o equivalente a un 122,7 % da poboación); 45,12 millóns de usuarios de Internet (o 94,9 % da poboación); e 40,70 millóns de usuarios activos nas redes sociais (un 85,6 % da poboación). Entre os nenos, volvendo ao informe de Unicef, o 59,1 % do alumnado da ESO ten por costume acudir ao centro educativo co seu móbil, porcentaxe que ascende ata o 71,3 % en Terceiro e Cuarto da ESO. Deles, só o 7,1 % recoñece usalo habitualmente durante as clases para fins non didácticos. Ademais, un 31,6 % pasa máis de 5 horas diarias conectado a Internet un día calquera da semana, cifra que ascende ao 49,6 % durante a fin de semana. Segundo as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE), en decembro do 2023 había un 91,7 % de nenos de 10 anos en España que se conectara a Internet nos últimos tres meses, dos cales o 23,3 % o fixeran a través do móbil. 

É por iso que, ante a falta dun programa de prevención multirisco, que englobase todas as ameazas das pantallas nunha serie concentrada de sesións, os psicólogos Joaquín González-Cabrera (UNIR) e Juan Manuel Machimbarrena (UPV/EHU) decidiron crear Safety.net, que este ano implementarase por primeira vez en Galicia no colexio compostelán Manuel Peleteiro. Neste centro educativo contará cun amplo equipo docente para ser impartido durante tres días, conformado por tutores de Primeiro e Segundo de ESO que comezarán a dar os contidos en novembro. Dende o Galicia Confidencial, e tras a súa participación na xornada de prevención 'Menores e Pantallas: da Investigación á Acción', organizada pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC-Psicom), falamos con eles para que nos conten máis pormenorizadamente a finalidade e os contidos do programa Safety.net. Conceden que "temos moitos programas xa que se centran na prevención do 'bullying', das adiccións, do 'looping'... pero fano de forma individual para cada cousa".

"HAI UN SUSTRATO COMÚN A PROBLEMAS COMO O 'BULLYING', AS ADICCIÓNS, O 'LOOPING'... PODEN ACONTECER DE MANEIRA SIMULTÁNEA TRAS AS PANTALLAS"

Sen embargo, para eles está claro que "hai un sustrato común a todos eses problemas, de tal maneira que eses riscos acontecen de maneira simultánea", é dicir, que "un neno ou nena pode ser vítima de interaccións sexuais con adultos e, ao mesmo tempo, sufrir acoso por parte dos seus compañeiros e ter problemas de abusos na parella, por exemplo". Por iso, os psicólogos comezaron a considerar que "non só era necesaria unha prevención por separado de cada un deses problemas, senón algo que abordase a todos de maneira conxunta". Foi así, con esa idea, como naceu Safety.net, deseñado como "unha rede de seguridade, como o seu propio nome indica, a través da cal poder construír ferramentas de alfabetización dixital que vaian axudar a previr cada un dos riscos de maneira individual tamén, pero, sobre todo, de maneira conxunta". De tal xeito que "se logre dotar aos adolescentes e preadolescentes dunha serie de ferramentas que os volvan quen de usar as tecnoloxías de forma adecuada".

Riscos asociados ao uso de móbiles en menores
Riscos asociados ao uso de móbiles en menores | Fonte: Commons

O proxecto de creación de Safety.net como tal naceu no ano 2020, no momento no que estes psicólogos se percataron de que os centros escolares demandaban algo así. "Contaban cun programa con 12 sesións centrado no 'ciberbullying', outro de 19 sesións sobre o abuso na parella, outro de 11 que abordaba a adicción ao xogo... pero para poder chegar a ter unha prevención sobre todas esas cousas os nenos case que debían cumprir 26 anos no colexio", chancean os profesionais. E é que "non había nada con esa filosofía de prevención conxunta", polo que se puxeron a traballar no deseño do Safety.net. Polo medio chegou a pandemia e, publicando os resultados previos que demostraban que o programa funcionaba ben, puideron garantir a continuidade do mesmo. Para as probas de Safety.net contouse coa participación de preto de 800 nenos na parte experimental, tanto no grupo de control como no de intervención, de 5 comunidades autónomas e de 8 colexios. Tras catro anos de implementación, chegouse a máis de 2.000 nenos e formouse a máis de 100 profesores en 17 colexios.

SAFETY.NET DIVÍDESE EN 16 SESIÓNS QUE "INTENTAN CONCENTRAR NO MÍNIMO TEMPO POSIBLE CADA TEMÁTICA PARA ACADAR O MAIOR BENEFICIO POSIBLE"

O máis importante de Safety.net é que se trata dun programa de prevención dividido en 16 sesións que "intentan concentrar no mínimo tempo posible cada temática para conseguir o maior beneficio posible". Algo que, como concenden os psicólogos, "non é doado, pois hai unha liña de cruce moi difícil onde obviamente o programa presenta unha limitación en tanto en canto non é quen de previr significativamente todas as problemáticas, pero cremos que fai o suficiente e trátase dunha liña moi boa de saída". "Os datos aválannos e, aínda que podemos mellorar e seguirémolo facendo, podemos dicir con seguridade que Safety.net é unha garantía de que se está facendo algo e de que se está facendo ben", afirman. Tamén habería que ter logo en conta que a realidade de cada centro é diferente: os profesores que van impartir o programa son diferentes, o grao de problemática dalgúns rapaces é diferente... Ademais, apuntan a que tamén hai unha prevención primaria que aporta Safety.net da que non se poden obter datos, pois acontece algo así como coas vacinas: se me vacinei e non enfermei, funcionou a vacina ou non ía enfermar igualmente?

Nun momento no que a tecnoloxía e as problemáticas asociadas avanzan máis rápido que o mundo científico, é importante que a investigación non quede atrás. Xa non valen programas deseñados para ser impartidos durantes décadas, pois case cada ano aparecen novos riscos para os rapaces. Así as cousas, a idea dos psicólogos é que Safety.net vaia chegando a un baremo máis amplo de idades: "Comezamos polos nenos de Primeiro de ESO e, co tempo, a idea é tentar baixar ata os de Quinto e Sexto de Primaria", o cal é en si mesmo un verdadeiro desafío porque "hai que adaptar as actividades a cada curso, pois en Terceiro da ESO poden parecer 'ñoñas' actividades que foron deseñadas para Primaria e, en Quinto de Primaria hai que ter maior coidado ao falar aos nenos de cousas como o 'sexting'". É aí onde radica "a gran dificultade da prevención, en que ás veces semella ser demasiado cedo para comezar, pero se deixamos transcorrer moito tempo, logo igual xa chegamos demasiado tarde". Para eles, o momento perfecto para empezar, alo menos na actualidade, estaría entre os 11 e os 13 anos, en xeral, pero hai problemáticas específicas que deberían abordarse antes, como por exemplo o consumo de pornografía, que agora se atopa nunha idade media de inicio de 12 anos, polo que "se queremos previr primariamente teremos que comezar con nenos de 9 e 10 anos".

SAEFTY.NET 2.0 PARA 2025/2026 CON ACTUALIZACIÓNS SOBRE CAIXAS BOTÍN OU A PORNOVINGANZA: "HAI UNHA OBSOLESCENCIA E TEMOS QUE EVOLUCIONAR"

Ademais, nesa liña de ir adaptando contidos á actualidade, o equipo de psicólogos conta xa coa segunda versión do Saefty.net: o Saefty.net 2.0, que prevén comezar a implementar no curso 2025/2026, e que plantexa algunhas modificacións de contidos con respecto á versión primaria, para introducir novas problemáticas que xurdiron nos últimos tempos. En concreto, engadíronse abordaxes sobre a privacidade e os enganos na rede, o 'sexting' 2.0 (non consentido) e a pornovinganza, o uso problemático das redes sociais e da pornografía, a incorporación das caixas botín nos videoxogos e as apostas 'online', a xeración da identidade 'online' e as súas consecuencias e o uso consciente e responsable da intelixencia artificial. "Dende que creamos Saefty.net cambiaron moito as tecnoloxías e as redes sociais, entón nós sempre imos un pouco por detrás, todo evoluciona moi rápido para o mundo científico e mesmo para os pais e os propios menores, o que acontece é que os menores adáptanse máis rápido aos cambios, dun xeito natural, porque non teñen que entendelos, só usalos; e iso non significa que, por ir algo por detrás, non teñamos que intentar seguilos ou quedarnos cos contidos do 2019: hai unha obsolescencia, somos conscientes, e hai que evolucionar", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta