Por Galicia Confidencial | A Pobra do Brollón | 28/09/2024 | Actualizada ás 09:00
O festival As Cores de Outono, organizado polo Concello da Pobra do Brollón, alcanza este ano a súa X edición, tendo como datas de realización os días 27 e 28 de setembro.
Este venres 27, con motivo da exposición ‘Fuxan os Ventos. 50 anos de historia’ que está a percorrer Galicia, tivo lugar unha charla e proxección fotográfica arredor deste grupo fundamental na historia da música galega na Casa da Cultura Olga Novo da Pobra do Brollón. O título deste encontro foi “En canto no pobo medre”.
Participaron varios integrantes de Fuxan os Ventos e contou ademais coa presenza da Coral Samugueiros, Suso Corenta, Nuncy Valcárcel e compoñentes de Os Parentes e Xerezade.
PROGRAMACIÓN SÁBADO 28
Na parroquia de Canedo, aproveitando que están en festas, arrinca a programación do sábado. Será a partir das 11:00 h da mañá cunha alborada-vermú con Xisco Feijoó, na que interpretará pezas froito da intensa labor de recollida que leva feito ao longo da súa carreira. Anímase a que os asistentes leven instrumentos para participar da alborada. O mesmo Xisco Feijoó impartirá pola tarde un obradoiro de baile tradicional.
Os concertos, xa no clásico escenario da Área recreativa de Samugueiros, comezarán ás 21:00 h con Maricarme, formación que xunta tres recoñecidas caras do panorama musical galega: Antía Ameixeiras, Cibrán Seixo e Migui Carballido. Traerán á Pobra do Brollón un folk orixinal e poderoso que mestura voz, instrumentos e sonoridades máis electrónicas, dende a tradición oral ás composicións propias e moi bailables.
A continuación chegará o espectáculo Ingrávida, no que Mercedes Peón festexa os 20 anos dende a publicación do seu primeiro disco, Isué. Será unha festa musical a cabalo do acústico e da electrónica na que homenaxea a creación colectiva. Peón estará acompañada no escenario por unha grande elenco de mulleres artistas: As Xirifeiras, Caamaño&Ameixeiras, Mónica de Nut, Raigañas de Cerqueda, Galíricas, Icía Varela, Gisela Sanmartín e Ana Fernández.
UN FESTIVAL ALTERNATIVO E CONSOLIDADO
Son dez anos poñendo en valor a música de raíz dende o sur de Lugo, cun festival que é xa referencia coa chegada do outono. “Procuramos espectáculos para todos os públicos, en diversos espazos” refire o alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda. E engade que nesta ocasión “deslocalizamos o festival con actividades na parroquia de Canedo”.
As Cores do Outono é unha iniciativa do Concello da Pobra do Brollón que conta con financiamento da Deputación de Lugo a través do Plan Deputación de Cooperación cos Concellos e máis da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.