As Pontes terá a primeira residencia de maiores do novo modelo da Deputación da Coruña "similar ao fogar"

O obxectivo é "evitar o desarraigamento que supón que moitas persoas maiores teñan que pasar a última etapa das súas vidas a moitos quilómetros da casa e dos seus seres queridos e encerrados en macrocomplexos masificados e pouco humanizados, ou pagar residencias privadas con tarifas moitas veces inasumibles para as familias".

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 14/10/2024 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

As Pontes terá a primeira residencia do "novo modelo" que a Deputación da Coruña pretende pór en marcha para facer dos centros de maiores unha contorna "máis amable, aberta e innovadora, similar ao propio fogar". Este luns, o presidente da Deputación coruñesa e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, reuniu á comisión encargada do plan para a construción e posta en marcha das tres novas residencias públicas que, ademais de en As Pontes, están proxectadas nos concellos de Rianxo e Ordes.

O obxectivo, en palabras de Formoso recollidas nun comunicado, é impulsar "un novo modelo de residencias públicas en Galicia, máis próximo e persoalizado, con centros máis pequenos e de ámbito comarcal". Todo iso para "evitar o desarraigamento que supón que moitas persoas maiores teñan que pasar a última etapa das súas vidas a moitos quilómetros da casa e dos seus seres queridos e encerrados en macrocomplexos masificados e pouco humanizados, ou pagar residencias privadas con tarifas moitas veces inasumibles para as familias", incidiu o presidente provincial.

O primeiro destes centros situarase nas Pontes e estará dotado con novas tecnoloxías de domótica, sistemas de telemedicina, iluminación e climatización intelixentes, peches de contacto ou con datos biométricos, sensores de movemento e presenza, novos sistemas de rehabilitación física e cognitiva con base tecnolóxica ou asistentes virtuais, segundo resaltou a deputación. Ademais, o acceso de familiares e amizades será aberto e valoraranse cuestións como a habilitación de hortas ou a presenza de animais domésticos "dado a orixe rural de moitas das persoas usuarias do centro, así como as vantaxes que proporciona o coidado de plantas e animais na prevención da deterioración física e cognitiva".

"A nosa idea é ir creando unha rede provincial de residencias cun modelo completamente diferente ao actual, máis acorde coas necesidades de Galicia e con dúas premisas fundamentais: a aposta pola innovación e unha atención máis próxima e máis humana, con contornas máis habitables nos que as persoas maiores estean ben coidadas e podan sentirse como na propia casa", sinalou Formoso.

Ancián
Ancián | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta