Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/10/2024 | Actualizada ás 15:13
A CIG-Administración convocará mobilizacións contra a "conxelación salarial" a traballadores da administración nos orzamentos de Xunta e Estado para 2025. O sindicato censura que "aumenta a perda de poder adquisitivo do persoal empregado público" mentres "non se derroga a lexislación que impuxo os recortes".
O secretario nacional de CIG-Administración, Luís Carballo, esixe un novo acordo que "deteña esta perda, que entre os anos 2010 e 2022 foi do 18,6 %", co que se permitirá "recuperar realmente os dereitos arrebatados a persoal da administración pública". Reclama un incremento do 5 % para 2025, ademais de "unha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC e blindada por lei", que debe ir ligada a acordos salariais anuais e plurianuais para evitar a conxelación salarial.
O sindicato nacionalista critica que "todos os acordos ratificados ata o de agora son froito de diálogo social entre os sucesivos gobernos, CC.OO., UGT e CSIF saltándose o ámbito de negociación legalmente recoñecido e onde, ademais da CIG, tamén está ELA". Xunto a isto, a CIG demanda unha xornada laboral que baixe a 35 horas en 2025 e 32 horas en 2026, así como a creación dunha mesa xeral de negociación da Administración Xeral do Estado en Galicia, ademais da eliminación da taxa de reposición.
RESCATE AUTOVÍAS
Por outra banda, CIG-Construción esixiu a subrogación de todo o persoal das concesionarias das catro autovías galegas que serán rescatadas pola Xunta ante a "preocupación máxima" existente entre os traballadores. O sindicato lamenta que non foi recibido pola administración a pesar da petición de reunión polo rescate das autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión. En cambio, mantiveron un encontro por este motivo co Grupo Parlamentario do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.