Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2024 | Actualizada ás 15:48
O BNG propón blindar por lei que a atención primaria reciba o 25 % do orzamento total da Consellería de Sanidade, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), "co fin de garantir o dereito á saúde de todos os galegos e galegas". Así mesmo, a formación nacionalista tamén reclama recuperar "as catro áreas sanitarias eliminadas polo PP e que transformou nos denominados distritos sanitarios da Mariña, O Salnés, O Barco e Monforte".
Tal e como informou o Bloque nunha nota de prensa, a encargada da área de Sanidade do BNG, Montse Prado, acusou ao Executivo de Rueda de ter a atención primaria "infradotada" e "á cola do Estado, cun 11,79 %, xa que só Madrid está por detrás de Galicia no investimento nesta área, segundo os datos do Ministerio". "As políticas sanitarias do PP nos últimos 15 anos na Xunta deixan a atención primaria secundarizada, desprestixiada e minusvalorada, con listas de espera de semanas, e 201 concellos de Galicia sen un só pediatra", denunciou, a pesar de que a atención primaria "resolve entre o 80 % e o 90 % dos problemas de saúde", apuntou.
Segundo Prado, está "máis que demostrado que unha atención primaria ben dotada garante unha poboación máis sa, mellor atendida e a menor custo", ademais de "garantir a igualdade ante a enfermidade". Por iso, o BNG defenderá no Pleno desta semana, a través dunha proposición de lei, que se fixe no 18 % o investimento en atención primaria nos orzamentos da Consellería para 2025 e nun 21 % nos orzamentos de 2026, asegurando, de maneira gradual, o obxectivo de "blindar por lei o 25 % como mínimo no exercicio de 2027".
Para a parlamentaria nacionalista, trátase dunha proposta "necesaria", que cumpra coas recomendacións da OMS e que teña "orzamento suficiente para máis persoal, para equipos multidisciplinares, para a introdución de novas categorías e para a posta en marcha das carteiras de servizo", así como "unha introdución de psicoloxía clínica e outras categorías para garantir a correcta atención das persoas con problemas de saúde mental".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.