A primeira aldea na que os veciños comparten coche eléctrico está en Galicia: sabes cal é?

En Froxán, unha pequena aldea do concello de Lousame, xa hai 11 veciños que realizan os seus desprazamentos en coche compartido e eléctrico: un MG ZS EV (Standard Range). Cando teñen que ir facer a compra a Noia ou levar ás crianzas a actividades extraescolares, apuntan as horas que precisan dispor do vehículo nun calendario online e xa poden empregalo.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/12/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Dende fai un mes hai unha aldea galega na que 11 veciños comparten vehículo eléctrico para realizar os seus desprazamentos. Trátase do núcleo de Froxán, no concello de Lousame, que desenvolveu, da man da Fundación Montescola, unha iniciativa pioneira a nivel estatal de mobilidade sustentable. Non hai nada semellante en ningún outro recuncho de España, sendo un proxecto que pode servir tamén de referencia para outros pequenos núcleos do rural español que queiran facer os seus desprazamentos máis eficientes, nun momento no que a descarbonización está á orde do día e no que os materias que se precisan para a fabricación de coches eléctricos non son suficientes para satisfacer unha produción equivalente á dos vehículos a combustión. Dende o Galicia Confidencial falamos con Joam Evans, director da Fundación Montescola, para coñecer máis en profundidade como se xestou a compra deste vehículo e como foron as súas primeiras viaxes.

Recarga de coche eléctrico. XUNTA
Recarga de coche eléctrico. XUNTA

Como conta Evans, esta iniciativa non partiu da nada, senón que, "realmente, antes de chegar a pensar en mercar un vehículo eléctrico compartido xa crearamos a comunidade enerxética". "En Froxán levamos varios anos traballando no establecemento dunha comunidade enerxética local para a propia aldea", explica, asegurando que, en realidade, xa contan cunha planta solar fotovoltaica para facer este proxecto posible dende o mes de marzo, "o problema é que non está conectada á rede aínda porque a distribuídora non nos dá acceso, e así levamos 8 meses, pelexando por ela". Así, ligada a esta comunidade enerxética que vai dar suministro á metade das aldeas do lugar, foi como xurdiu tamén a idea de poñer en funcionamento un sistema de mobilidade comunitaria compartida, "para dar servizo ás mesmas persoas usuarias da traída da luz".

E é que os veciños desta pequena aldea, así como a Fundación Montescola, están verdadeiramente concienciados sobre a necesidade dun cambio real no sistema de mobilidade. "A día de hoxe hai moitas discusións sobre o modelo enerxético, que está ultracentralizado e que é moi dependente de megaproxectos, como os eólicos", plantexa Evans. Para el, "o desafío actual pasa por pensar nas alternativas a ese modelo, que poderían atoparse na nosa propia historia, no pasado do rural galego". En concreto, Evans lembra que "na maior parte das aldeas da nosa contorna a luz comezou a chegar nos anos 40 e 50, a través de comunidades enerxéticas locais, nas que eran os propios veciños os que se poñían de acordo para fabricar eles mesmos pequenas dinamos que logo metían en muíños". Así foi como chegou a primeira luz ás aldeas, pero, "nos anos 70 chegou á nosa zona Fenosa, e a outros lugares outras empresas, e digamos que desfixo todo ese incipiente sistema de comunidades enerxéticas", comunidades que estaban funcionando ben.

Agora cúmprense cinco anos dende que a Comisión Europea adoptou unha normativa sobre comunidades enerxéticas que busca de novo democratizar o acceso á enerxía, polo que, "aproveitando esa norma, en Froxán discutimos a posibilidade de que nós tamén creáramos unha comunidade para autoproducir a enerxía que consumimos", apunta Evans, que explica que foi así como "chegamos a un acordo cunha empresa técnica de Santiago que nos facilitou moito todo o proceso de preparación do proyecto e botamos a andar". Polo de agora, sumáronse ao proxecto 3 das 6 vivendas da aldea, é dicir, 11 dos 16 veciños que a integran. O que están agardando agora é que a distribuídora lles dea acceso á rede para poder cargar directamente o vehículo coas horas punta de produción da planta fotovoltaica. "A idea é que este vehículo teña custe cero para os veciños e veciñas que forman parte da comunidade enerxética, así como a Fundación Mostescola", explica Evans, que asegura que "precisamos meter gancho ao coche para poder cargar coa ferramenta que empregamos en todos os nosos proxectos de educación ambiental".

Aínda que a de Froxán é unha iniciativa piloto, a escala moi pequena, "podemos servir como exemplo para que outras comunidades se interesen por facer algo semellante e adaptala ás súas propias características", concede Evans. E é que, polas pesquisas que puideron facer, e aínda que pareza mentira, "realmente polo de agora non hai nada igual en España". "Si hai cousas semellantes, como esquemas de car-pooling ou de car-sharing, pero nos que os veciños teñen que pagar polo uso dun vehículo que realmente é propiedade dunha empresa, como é o caso de Hyundai, que leva o coche ata os núcleos rurais de Castela", explica Evans, incidindo no feito de que, neste caso, "o vehículo non é da comunidade, polo que a xente ten que pagar cada vez que o usa". Ademais, tampouco atoparon aplicacións nas que poder establecer un calendario no que organizar as quendas, "xa non é que non haxa apps deseñadas para compartir vehículo propiamente, senón que tampouco as hai para compartir cousas en xeral, o que di moito sobre esa idea que temos hoxe en día de que debemos ser os donos exclusivos de todas as cousas, cando, en realidade, iso non é o máis eficiente, sobre todo se pensamos nalgo coma un coche".

E é que, de feito, Evans apunta a datos que falan de que "o 95 % do tempo todos os vehículos privados se atopan parados, porque usámolos para ir dun lugar a outro, para mover 60 ou 100 quilos de carne humana e 2 toneladas de vehículo dun punto a outro, pero a maior parte do tempo están parados sen usarse, o cal resulta moi ineficiente". Por iso, asegura que "dende o punto de vista de contribuír á descarbonización, a idea é que se precisa transformar este sistema de mobilidade que temos actualmente, con millóns e millóns de vehículos privados que é imposible substituír na súa totalidade por eléctricos". E é que, como apunta, "non hai litio, níquel, nin ningún outro mineral necesario suficiente no planeta como para poder facer isto", de tal maneira que "temos que repensar a mobilidade". Nas cidades, Evans concede que ese 'repensar a mobilidade' pasa "polo transporte público colectivo", pero, no rural, e máis aínda no tan atomizado e disperso rural galego, "ese transporte colectivo non chega hoxe por hoxe, e temos que buscar outras solucións". De aí este proxecto de contar cun vehículo eléctrico compartido pola veciñanza.

Este vehículo xa tivo as súas primeiras viaxes, durante un mes que leva en funcionamento, e aseguran que "nos vai moi ben". Os 11 veciños que o usan contan cunha aplicación de calendario onde están anotadas xa de forma automática "as viaxes programadas e recurrentes, como a dalguén que ten que ir todos os martes a un sitio levar as crianzas a unha actividade extraescolar, ou a dunha persoa que vai todos os xoves a Noia á feira de tal hora a tal hora". Logo calquera veciño pode apuntar as súas necesidades puntuais nos ocos libres. A maiores, "temos un grupo de mensaxería instantánea para temos loxísticos ou imprevistos, como avisar de que hai que poñer o coche a cargar, de onde o deixamos aparcado ou de onde quedan as chaves". Evans indica que, "polo momento, como só somos 3 casas, vámonos coordinando ben, pero se o sistema fose maior pois igual si que precisabamos esa app para compartir transporte que hoxe por hoxe non existe". 

"A idea a medio e longo prazo é que este sistema nos axude a ir deixando un pouco máis de lado a mobilidade individual, para que a xente vaia deixando a un lado os seus vehículos particulares, xa que hai moitas aldeas do rural galego nas que a día de hoxe hai máis vehículos que xente", chancea Evans, que explica que tamén é unha forma de "socializar e poñer en común as cousas, non tendo que ir sempre de xeito individual aos lugares, de tal maneira que se alguén precisa ir a mercar a Noia, igual hai máis persoas que se interesan por ir con el, facendo viaxes xuntos, optimizando os desprazamentos e sendo máis eficientes". De feito, confesa que nas tres casas que forman parte desta comunidade enerxética, "había moitísimos vehículos particulares", porque "aquí non temos ningún tipo de transporte público que pase polo noso lugar e, ademais, no concello de Lousame hai moi poucos servizos, por exemplo, non hai ningún supermercado, polo que para calquera compra ou trámite xa te tes que mover a un concello limítrofe".

E a pregunta que vos estaredes facendo é: cal é o coche que mercaron estes veciños? Evans explica que "este é un proxecto que financiou en parte a Deputación da Coruña, a través do programa de investimentos en materia de medio ambiente, cubrindo o 80 % do custe total do vehículo". Así, "tiñamos un prezo tope establecido e, dentro del, había diferentes modelos de vehículo eléctrico que se axustaban". O problema é que estes veciños tiñan outro requisito a maiores co que debía contar o coche: "Tiña que poder metérselle gancho de remolque, porque para poder levar a cabo actividades ambientais e levar maquinaria era indispensable, polo que iso si que nos condicionou bastante, porque había moi poucos modelos no mercado que contasen con esta vantaxe". De feito, confesa que "quedámonos co único que atopamos que permitía gancho: o MG ZS EV (Standard range)". En concreto, segundo recolle a propia empresa na súa web, este é un modelo SUV pequeno, con 5 prazas, autonomía de ata 280 quilómetros (en ciclo urbano) e carga rápida ata o 80 % en 40 minutos. O seu prezo anda nuns 31.000 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta