Destinar 16 millóns a financiar grupos de investigación e un programa de retención de talento, propostas do BNG en Ciencia

O Bloque levará á Cámara autonómica a creación do 'Innogal', a semellanza dos institutos vascos e catalán de innovación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 15/01/2025 | Actualizada ás 14:34

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expuxo a creación dunha liña dotada con 16 millóns de euros para achegar "estabilidade" aos grupos de investigación universitaria, a posta en marcha dun programa de retención e captación do talento e a creación do 'Innogal', un instituto de innovación semellante ao Ikerbasque vasco e o Icrea catalán. Trátase das tres propostas do Bloque para "reverter" a situación en materia de investimento en innovación e investigación de Galicia, que se atopa "á cola" do Estado, segundo denunciou este mércores en rolda de prensa a líder nacionalista tras manter un encontro no Parlamento galego con representantes dos centros de investigación interuniversitarios Cispac, Citmaga e Ecobas.

Tras a reunión, Pontón compareceu ante os medios para incidir na necesidade de que Galicia impulse a ciencia e a xeración de coñecemento como "panca de desenvolvemento económico e social" para o que subliñou a importancia de incrementar os fondos que se dedican desde a Administración autonómica. E é que, ao seu xuízo, "o ecosistema" investigador galego avanzou "moito" a pesar das "dificultades" e dun "contexto altamente competitivo", o que "demostra todo o potencial que ten Galicia na xeración de coñecemento"

"Pero aínda queda moito por situar a Galicia no lugar que se merece", aseverou Pontón, antes de subliñar que a xeración de coñecemento debe ser "unha aposta estratéxica" que require de "decisións políticas para estar á altura deste reto". E é que a portavoz nacional do Bloque censurou "a negativa" do PP a acordar un "pacto de país" pola ciencia que sirva para sacar a Galicia da "cola" do investimento en investigación, como demostra que se dedique a investimento en I+D a "1,25 % fronte ao 1,49 % da media estatal" e exista un gasto por cápita case 100 euros inferior á media de España.

PROPOSTAS

As iniciativas do BNG, en primeiro lugar, pasan por incrementar o orzamento que dedica a Xunta ao apoio á investigación a través dunha liña de 16 millóns de euros "basal e estrutural" que sirva para achegar "estabilidade e dinamismo" aos grupos universtiarios. "Queremos centrar esta medida na necesidade de garantir un financiamento básico que fomente a actividade investigadora, que aumente a calidade científica e tamén o seu impacto social, á vez que visibilice a nivel internacional o traballo e o coñecemento que levan a cabo os grupos de investigación das universidades galegas", incidiu.

A segunda das propostas é a creación dun programa de consolidación da carreira investigadora para reter e captar talento galego, que o BNG quere bautizar co nome de Antonia Ferrín Moreiras en honra á primeira astrónoma galega. Pontón advertiu que Galicia "carece" deste tipo de programas de estabilidade, como, di, quedou demostrado cos problemas dos bolseiros a nivel estatal coa María Zambrano, que se viron sen alternativa cando finalizaron os seus contratos a finais do pasado ano.

A terceira e última das proposicións do Bloque é a posta en marcha dun instituto de innovación a semellanza do que existe no País Vasco (Ikerbasque) e Cataluña (ICrea) e que propoñen denominar Innogal. Esta proposta, que será levada á Cámara autonómica polo Bloque, foi deseñada "man a man co ecosistema investigador" galego co ánimo de "impulsar, promover e desenvolver a investigación e a xeración de coñecemento científico-humanístico e tecnolóxico no país".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con representantes dos centros de investigación interuniversitarios Cispac, Citmaga e Ecobas
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con representantes dos centros de investigación interuniversitarios Cispac, Citmaga e Ecobas | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta