A Xunta pedirá a Puente que reconsidere o rescate da AP-9 ao ascender o custo das bonificacións case ao custo do rescate

O custo das bonificacións ascendeu de 56 a 81 millóns de euros para 2025.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2025 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou que pedirá ao ministro de Transportes, Óscar Puente, que reconsidere a posibilidade de rescatar a AP-9, xa que o custo das bonificacións ascendeu de 56 a 81 millóns de euros para 2025. Así o trasladou este xoves a representantes do sector de mercadorías, do transporte de viaxeiros, autónomos e empresarios nunha reunión mantida en San Caetano.

Para a conselleira, o aumento do custo das bonificacións "cambia os escenarios", tendo en conta que en setembro a administración autonómica encargou un estudo para valorar a transferencia e tamén sobre o custo de indemnización do rescate, "ao que se comprometeron en campaña electoral", que arroxaba unhas cifras, segundo detallou Martínez Allegue, "de 2.300 millóns de euros no horizonte máis gravoso".

"Partiamos dun custo de indemnización de bonificacións de 56 millóns de euros para a anualidade de 2025 e vemos, por datos do Ministerio de Transportes, que ese custo das bonificacións non son 56 millóns de euros, senón que son 81 millóns de euros", explicou. Ante este escenario, Martínez Allegue pide ter en conta que o custo das bonificacións ata o final da concesión e a indemnización de rescate "arroxa cifras moi similares", próximas, engadiu, "a eses 2.300 millóns de euros".

Por iso, comunicou que entre este xoves e o venres dirixirase ao ministro Óscar Puente para trasladarlle que "reconsidere a posibilidade de rescate", unha vez que "o escenario cambiou". "O custo das bonificacións suponlle ao Estado unha cifra moi similar ao custo desa indemnización e rescate coa consecuente gratuidade desta infraestrutura que vertebra o noso territorio", insistiu. En todo caso, reiterou que trasladará a petición de transferencia, pedida por unanimidade no Parlamento de Galicia, pero agora van dar "un paso máis" ao contar con novos datos das bonificacións e o custo que lle supón ao Estado.

A preguntas dos medios sobre a que se debe a diferenza de case 30 millóns, a titular de Infraestruturas asegurou que se trata dun cálculo "publicitado na propia páxina do Ministerio" que, en todo caso, prodúcese despois de que o Goberno aumentase as bonificacións vixentes ata o momento na autoestrada galega. Doutra banda, cuestionada sobre a fronte común para demandar a gratuidade da AP-9 que propoñen algúns alcaldes como o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ou o de Vigo, Abel Caballero, Martínez Allegue sinalou que o que solicitan os rexedores "non é algo novo", senón que é "algo xa comprometido na campaña electoral". "Tanto o BNG como o PSdeG, o señor Besteiro, comprometeron a gratuidade da autovía", apuntou.

SUBIDA "DESMESURADA"

Ademais, a conselleira expuxo que o motivo desta reunión con diferentes representantes de asociacións e entidades é "a desmesurada subida das peaxes da AP-9", o que supón "un problema para a competitividade" da Comunidade e tamén "para a economía familiar e os petos de calquera usuario". Tal e como exemplificou, o custo da peaxe entre Vigo e A Coruña pasou "de 19,40 euros aos 20,45 euros". Unha subida de máis dun euro que considera "algo moi importante para os petos dos galegos que diariamente realizan este traxecto". Por iso, insistiu en demandar ao Goberno de Pedro Sánchez que "deixe de discriminar a Galicia" e que escoite "a demanda unánime do Parlamento de Galicia". Tamén lle volveu a pedir ao BNG e ao PSOE que reclamen ao Executivo esta petición.

A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reúnese con representantes de usuarios da AP-9
A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, reúnese con representantes de usuarios da AP-9 | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta