GC Aberto

Carta aberta ao Director Xeral da CRTVG

Marta Dacosta, Escritora e Vogal do Consello Directivo da AELG

Por admin | Gondomar | 21/01/2025

Comparte esta noticia

Sr. Director Xeral da CRTVG:

Bernardino Graña
Bernardino Graña | Fonte: RAG - Arquivo

Como escritora e integrante do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) comprobei con estupor que a penas lle dedicaron uns poucos minutos o día do seu falecemento, unha peza de 01:18 minutos emitida na programación das 12 da mañá e no Telexornal Mediodía.

Foi unha negativa sorpresa comprobar, ademais, que nin sequera se fixo mención ao seu pasamento nos titulares dese Telexornal Mediodía, cando si houbo espazo para novas significativamente menos transcendentes, coma un absurdo e truncado atraco en Coristanco.

É incomprensíbel que a Televisión pública que debe a súa existencia a termos unha lingua propia que fixeron grande escritores coma o falecido non preste unha atención maior e máis digna ás novas relacionadas coa nosa cultura.

Por outro lado, certas novas do ámbito da cultura non poden ser tratadas exclusivamente nos programas temáticos que, como todos sabemos, teñen unha menor audiencia. Deben incorporarse aos contidos dos programas xeralistas, coma os informativos, porque tamén son novas de carácter xeral e de interese para toda a cidadanía, igual cá economía ou os deportes.  

Entendo que non cómpre que detalle aquí os moitos méritos de Bernardino Graña, nin cal era a súa dimensión e significación intelectual. Mais, como pode ser que quen foi presidente da AELG, membro da RAG, integrante do grupo Brais Pinto... non mereza que se mobilice unha unidade móbil para achegarse ao acto civil co que foi despedido e onde mesmo interviñeron, entre outros, o Presidente do Parlamento Galego e o da RAG?

Como galega, escritora, e cidadá que paga os impostos cos que se financia a televisión que vostede dirixe, prégolle que preste unha maior e mellor atención á cultura de noso e lle dea cabida tamén nos informativos, ao mesmo tempo que atende a actos que, noutros lugares, acaban sendo programas de emisión en horario de máxima audiencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta