Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 18/02/2025 | Actualizada ás 21:50
As escolas unitarias foron, durante décadas, un piar fundamental na educación rural galega. Estas pequenas aulas, nas que un só mestre ensina aos nenos de diferentes idades, non só garantizan o acceso á educación en aldeas e parroquias apartadas das vilas máis céntricas, senón que desempeñan un papel clave na vida comunitaria. Nelas, o mestre ou a mestra convértese practicamente nun proxenitor máis dos nenos ao seu cargo e goza dunha relación moi próxima coas familias, sendo coñecido por todas elas. Sen embargo, o progresivo descenso da poboación rural e os cambios no sistema educativo, entre outros motivos, levaron á súa completa desaparición en moitas zonas do territorio galego. Na provincia de Lugo xa non queda ningunha escola unitaria, mentres que as poucas que seguen abertas tratan de sobrevivir cada ano nun limbo repartidas maioritariamente entre as provincias da Coruña e Pontevedra, vendo se terán o número de nenos suficiente o seguinte curso para que a Consellería de Educación non decida pechalas. Dende Galicia Confidencial falamos con Karina Mouriño, mestra da escola unitaria de Taboexa, no concello pontevedrés das Neves, que reivindica o impacto tan positivo que estas escolas teñen na sociedade galega e denuncia a insostible situación que atravesan na actualidade, moi esquecidas pola Administración.
En primeiro lugar, hai que entender de que falamos cando nos referimos a escola unitaria. Como explica Karina, "as escolas unitarias son os restos dos centros que existían no rural ata os anos 60, daqueles edificios de fasquía antiga moi recoñecibles porque seguían o mesmo deseño en todos os lugares, casas de pedra convertidas en aula que foron quedando pouco a pouco sen alumnado en favor dos grupos escolares". Nelas, un só mestre ou mestra ensina aos alumnos de diferentes idades e niveis nunha mesma aula. Coa chegada dos grupos escolares favoreceuse a agrupación dos alumnos de varias unitarias nun único edificio que constituía un centro educativo máis grande, ubicado en núcleos urbanos ou cabeceiras de comarca, organizado en clases separadas por edades e niveis e con varios mestres no canto dun só. Do pasado glorioso que tiveron as unitarias durante o século XX hoxe só quedan rescaldos, xa que, como conta esta mestra, "na provincia de Lugo non queda ningunha unitaria; na de Ourense, quedan dúas; e as restantes, aproximadamente unhas 60, están repartidas entre as provincias de Pontevedra e A Coruña".
"A CONSELLERÍA DEBE TER A IDEA DE PECHAR TODAS AS ESCOLAS UNITARIAS NOS PRÓXIMOS ANOS, PORQUE SEMELLA QUE NOS VE COMO UN GASTO INÚTIL"
Cal é o problema destes peches? Para Karina o máis evidente está moi claro: "Se o teu fillo agora mesmo vive no rural de Lugo ou Ourense, para poder ir a un grupo escolar terá que coller un autobús durante 20 minutos e, se tamén pecharon na súa zona o grupo escolar, terá que facerse tranquilamente unha hora de autobús para poder ir a un centro educativo ubicado nunha vila ou cidade máis grande". "Iso é o que están enfrontando moitos nenos da Galicia interior, de Lugo e Ourense, porque o abandono do rural alí é moito peor que aquí, onde o imos tirando como podemos polo momento", lamenta a mestra da EEI Taboexa, que defende que "a escola unitaria non só é un modelo educativo de alta calidade que está desaparecendo, senón que tamén se trata dun servizo á comunidade". A modo de exemplo deste continuo goteo de peches de unitarias, Karina apunta que en Taboexa hai 6 anos había 3 escolas unitarias e, na actualidade, xa só quedan dúas, "coa ameaza de peche sempre sobrevoando as nosas cabezas". "Eu penso que este ano imos safar, que non nos van pechar, pero se non é este ano será o que vén, ou o seguinte... Sempre estamos no limbo", lamenta.
Ante esta realidade, a mestra considera que "a Consellería debe ter no horizonte a idea de rematar por pechar todas as escolas unitarias galegas nos próximos anos, porque semella que nos ve como unha molestia e un gasto inútil". De tal maneira que, "se tes 10 nenos que se atenden en escolas unitarias de Taboexa e os metes no centro escolar das Neves, aforraríaste os gastos dunha escola unitaria, isto é, unha directora menos a atender, unha dotación económica menos a gastar...", reflexiona Karina, que entende que "se a educación só se mirase en termos económicos, pois claro, manter aberta unha unitaria nas circunstancias actuais é un dispendio", pero, "se vemos a educación en termos de calidade humana e de capital social, isto é un grande investimento". Aínda que non hai datos oficiais actualizados de cantas unitarias hai en Galicia actualmente, para facernos á idea, no curso 2001-2002 funcionaban 423, mentres que no curso 2011-2012 o número reduciuse a 165 e, nos últimos vinte anos, a Xunta pechou 233 centros, a maioría deles escolas unitarias do rural.
"O FEITO DE TER UNHA ESCOLA ABERTA PODERÍA SER UN MOTIVO PARA QUE O DESCENSO DA POBOACIÓN RURAL SE FREARA"
Entón, se as escolas unitarias desaparecen porque non hai nenos no rural, pero tampouco pode habelos porque non hai escolas unitarias para atendelos, como revitalizar a natalidade nas pequenas aldeas? Moito se fala de despoboación, pero tampouco se poñen enriba da mesa servizos para que os máis novos poidan decidir emprender unha vida no rural galego. Ao respecto, Karina considera que "o feito de ter unha escola aberta podería ser un motivo para que o descenso da poboación rural se freara, porque a xente que vive nas aldeas non tería a necesidade de desprazarse ata as vilas grandes e cidades para escolarizar aos seus fillos". De feito, confesa que "a min xa varias familias me viñeron dicir que estarían dispostas a matricular aos seus fillos na escola unitaria, pero que para iso precisarían ter unha vivenda preto, polo que tamén estas escolas e o seu modelo educativo poden ser unha maneira de atraer poboación rural". Con todo, "a falta de servizos que experimentan estas zonas rurais, tamén no tocante á sanidade e o transporte, non axuda".
Como di Karina, hai moitos pais e nais que estarían encantados de poder ter aos seus fillos nunha escola unitaria por diversos motivos, pero, entre eles, destaca que "ao ser escolas máis pequeniñas podemos ofrecer unha atención máis individualizada tanto ao alumnado como ás familias, porque tampouco temos unha normativa tan ríxida e tan agobiante como os grandes centros". Neste senso, pon o exemplo dos portalóns sempre pechados que hoxe en día teñen case todos os Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP): "Eu vivín o colexio doutra maneira, cun portal aberto polo que podías acceder ao centro e ir ata a oficina ou a recepción, todo accesible; agora, se vas recoller ao teu fillo, tes que agardar na recepción e unha profesora vaino buscar á clase e tráecho", exemplifica. Dende o seu punto de vista, "isto establece unha separación entre as escolas e as familias nestes grandes centros, algo que nas unitarias non acontece, porque apostan por salvagardar esa proximidade alo menos na etapa infantil, durante eses primeiros anos de escolarización nos que a crianza se ten que familiarizar coa contorna escolar e a familia tamén".
"PEDAGOXICAMENTE PODEMOS ADAPTARNOS A CADA UN DOS NENOS, CUNHA ATENCIÓN INDIVIDUALIZADA; SABEMOS TODO DELES, COMA PSEUDOMAMÁS"
Por iso, no caso das escolas unitarias, "o feito de ser pequenas e cunha única ou cun único responsable, fai que flúan as relacións con máis facilidade", ao que se suma a vantaxe de que, "pedagoxicamente, podemos adaptarnos a cada un dos nenos, ofrecendo unha atención individualizada, que é o que precisan as crianzas neste primeiro período de escolarización: unha recepción amable dos pequeños por parte do sistema educativo, un abrirlles os brazos para que veñan ao sistema educativo alegres e se sentan ben e graven nalgún lugar do seu cerebro que a escola é un lugar de desfrute". Pero, a estas vantaxes, súmanse tamén outras desvantaxes ás que as escolas unitarias teñen que facerlles fronte cada día, entre as que se atopa a falta de servizos complementarios. Ao respecto, Karina amósase consciente de que "temos que competir con outros centros que ofrecen servizos de conciliación, podendo coidar das crianzas dende as oito da mañá ata as cinco da tarde --transporte, clases, comida e extraescolares--, mentres que nós abrimos de nove a dúas". Pero Karina cre que estas 'carencias' se poden ver compensadas por ofrecer esa relación moito máis próxima ás familias e aos nenos. "Nós vemos ás mamás e aos papás todos os días e cando a min me entregan un neno pola mañá xa me din se durmiu mal, se ten tos... Sabemos todo deles, coma se fósemos case pseudomamás", afirma a mestra.
Coñecidas as vantaxes tan grandes da educación no rural, a pregunta é: é posible salvar as escolas unitarias que aínda permanecen abertas en Galicia e deter ese goteo continuo de peches? A mestra da EEI Taboexa confesa que "reverter esta tendencia non é fácil, porque inflúen moitos factores nos peche progresivo de unitarias: a falta de natalidade, o abandono do rural, o problema da conciliación e dos servizos complementarios...", pero celebra que "hai xa moita xente estudando como facelo", e apunta, en concreto, a un grupo de persoas vinculadas ao mundo da educación desde todos os ámbitos --da escola primaria, das universidades e mesmo inspectores de educación--, que traballan no Plan Estratéxico de Educación para o Rural (PEER). Este plan, como apunta Karina, reivindica "unha formación específica para que os profesores queiran vir traballar a este tipo de escolas, sabendo que aínda que o traballo nelas é moi esixente e solitario, tamén aporta satisfaccións moi grandes"; así como "unha aposta decidida por explicar durante a formación universitaria dos mestres como é a realidade no rural". Máis aló diso, tamén apunta á necesidade de contar que estes profesores conten cuns "incentivos para querer ir traballar ao rural", ademais de "unha maior estabilidade, xa que tampouco favorece aos nenos estar cambiando moito de profesor".
"A INCERTEZA DE SE VAN PECHAR A TÚA ESCOLA O VINDEIRO ANO FAICHE VIVIR CUNHA ANSIEDADE INNECESARIA; AÍNDA ASÍ, CONSIDÉROME MOI AFORTUNADA"
Por outra banda, Karina tamén apunta ao positivo que resultaría a aplicación dunha moratoria no caso de que a escola unitaria en cuestión baixe do número mínimo de alumnos que precisa para manter as portas abertas, de tal maneira que "se permita saltar polo menos un ano no caso de non cumprir co mínimo, porque hai moitas escolas que este ano ao mellor non teñen matrículas suficientes, pero que, de cara ao ano seguinte, saben que van ter nenos e, sen embargo, péchanas porque este non cumpren e non as volven reabrir", lamenta a mestra, que explica que "esa moratoria permitiríalles superar un baixón dun ano no que houbo falta de natalidade na zona". Así mesmo, tamén considera que "calquera tipo de política de apoio ao rural sería positiva para as escolas unitarias, pero de política efectiva, non de propaganda". Por poñer un exemplo, sinala que en Taboexa, fronte á escola unitaria na que exerce como mestra, "hai dous edificios abandonados que tamén foron no seu tempo escolas unitarias, porque aquí houbo unha gran poboación escolar que sostivo durante moitos anos tres escolas abertas, e que se se restaurasen e se ofrecesen en aluguer social a familias con crianzas matriculadas na escola, nunca teriamos falta de matrículas, porque estariamos garantindo polo menos tres ou catro alumnos cada ano".
Aínda que o certo é que ninguén coñece certamente cal é o limiar de matrículas por baixo do cal dende a Consellería de Educación se decide pechar unha escola. No caso concreto da EEI Taboexa, este curso ten 9 nenos, pero Karina lamenta que "non sei cal é o limiar, porque non existe por escrito". "Hai xente que fala de que está nos 6, pero con 6 nenos pecharon a escola unitaria San Mateo, nunha parroquia de Ponteareas, hai tres ou catro anos". Así, esta mestra asegura que "vivir sempre coa incerteza de se van pechar a túa escola o vindeiro ano non axuda, porque vives cunha ansiedade innecesaria todo o tempo". Aínda que para ela todo o malo se ve compensado cando ve as caras dos seus nenos e sabe que está contribuíndo ao seu desenvolvemento educativo. E é que Karina sempre tivo moi claro que quería traballar nunha unitaria. "Xa dende que estudaba a carreira e vía os exemplos das escolas rurais me gustaba moito o traballo das súas mestras, cunha acción docente moi intrincada na comunidade, cunha vinculación moi estreita coas familias e cuns edificios arquitectonicamente máis amables que os dos grupos escolares", lembra, asegurando que "sempre sentín admiración pola escola unitaria e sempre tiven claro que o meu futuro estaba nela". Por iso, aínda que confesa que "ser mestra de unitaria é un posto esixente, considérome moi afortunada".
"SERÍA MOI NECESARIO QUE AS UNITARIAS LOGRÁSEMOS CREAR UNHA REDE PARA DAR A COÑECER Á POBOACIÓN A EDUCACIÓN DE CALIDADE QUE OFRECEMOS"
Finalmente, Karina apunta que, de cara á pervivencia futura das poucas escolas unitarias que aínda quedan abertas en Galicia, "sería moi necesario que as unitarias lográsemos crear unha rede que sirva para lanzar a mensaxe á poboación de que, efectivamente, ofrecemos unha educación de calidade e individualizada, sendo esta unha das bazas ao noso favor que temos que xogar para non desaparecer", de maneira que "sexamos quen de trasladar á poboación o positivo que pode ser levar a unha crianza durante a etapa infantil a un colexio destas características". Por iso, considera que "sería moi interesante que as unitarias estiveran unidas e tivesen un ente de articulación do que agora mesmo carecen, sobrevivindo moi illadas as unhas das outras a pesar de compartir as mesmas problemáticas e inquedanzas, ademais dun modelo educativo común moi rico tanto para os nenos como para as súas familias e para a comunidade en xeral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.