Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/03/2025 | Actualizada ás 14:00
A imaxe da muller na Idade Media estivo marcada sempre por estereotipos e omisións que a relegaron a un papel secundario. Durante séculos, o relato predominante presentou un mundo medieval dominado por homes, onde as mulleres semellaban limitarse ao ámbito doméstico ou ás marxes da sociedade. Sen embargo, a realidade foi moito máis complexa. As mulleres medievais desenvolveron roles fundamentais en todos os ámbitos: desde o goberno e a diplomacia ata a economía, a cultura e a relixión. Foron raíñas e señoras feudais que tomaron decisións políticas, artesás e comerciantes que impulsaron a economía, intelectuais e escritoras que desafiaron as normas do seu tempo... Reivindicar a súa figura non é só un exercicio de xustiza histórica, senón tamén unha maneira de comprender mellor o pasado e o seu impacto no presente. Recoñecer o papel destas mulleres permítenos cuestionar as narrativas establecidas e darlles o lugar que merecen na Historia. Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, Galicia Confidencial fala hoxe con María Esther Corral Díaz, filóloga e investigadora de Universidade de Santiago de Compostela (USC) que hoxe nos abre a fiestra a unha nova mirada sobre a muller no pasado de Galicia.
"A Idade Media non foi unha época tan escura como á miúdo nos parece", reivindica Corral, que asegura que "tratouse dunha época na que había moitas máis liberdades das que se pensa". Por poñer un exemplo relacionado coas mulleres, a investigadora apunta á existencia do 'homoerotismo feminino'. "Iso que agora nos parece unha expresión moi moderna e que na Idade Media non podería existir, xa existía en diversas representacións, como é o caso da nosa lírica, ao longo desta época histórica". E é que non hai que esquecer que "a Idade Media abrangue un período histórico moi longo, de máis de mil anos, polo que é unha época de moitos cambios e na que florecen diversos perfís de muller". En calquera caso, "si debemos reivindicar que, a pesar da innegable misoxinia existente, que fundamentalmente estaba fixada polo mundo lexislativo e relixioso --ambos moi masculinizados naquel momento--, a muller tiña máis dereitos e unha representación social e cultural máis importante do que se tende a pensar". Cal foi o problema? "Que as fontes históricas da época son fundamentalmente fontes masculinas, polo que a representación da muller nos textos que chegou ata nós é unha representación moi sesgada", lamenta a filóloga.
A xeito de exemplo, Corral expón que "a raíña Leonor de Aquitania foi unha das persoas máis poderosas da súa época, casou cos dous reis máis importantes do seu tempo (o de Francia e o de Inglaterra), tivo dez fillos e participou activamente no seu casamento coas principais casas reais de Europa". Máis aló diso, no ámbito cultural, "foi a que deu o gran pulo á literatura en lingua vulgar, non latina, en diversos xéneros, como a lírica trobadoresca e os relatos de materia artúrica". Desta maneira, "podemos comprobar como na Idade Media houbo mulleres con moito poder". Xa no caso da Península Ibérica e do antigo Reino de Galicia, a investigadora cita a Urraca de León, "unha raíña que chegou a selo non por ser consorte dun rei, senón porque ela mesma herdou o seu reino". No seu caso, "o problema que tivo foi o forte enfrontamento posterior cos poderes políticos da época e coa igrexa, en particular co arcebispo Xelmírez, o que desembocou no seu casamento con Alfonso de Aragón".
"A IGREXA FOI A PESADA LOUSA QUE TIVO A MULLER NESTE SÉCULO, COA SÚA CONCEPCIÓN MISÓXINA QUE VALORABA FUNDAMENTALMENTE O PAPEL DE NAI"
Ademais destas raíñas con gran poder, na sociedade da época tamén existían os nobres, nobres que apoiaron enormemente a nosa lírica, sobre todo certas damas relacionadas coa familia Traba. Neste senso, Corral asegura que "podemos observar na nosa literatura tamén certas representacións de mulleres". Así, sinala que "a poética galego-portuguesa da Idade Media constitúe unha das líricas máis importantes da época en Europa". Dentro da mesma, "temos dous xéneros nos que podemos observar a representación feminina de maneira contraposta: as Cantigas de Amigo, que a pesar de estar escritas por homes presentan a unha moza fermosa que expresa os seus sentimentos e emocións cara ao amigo, do que está namorada, e acompañada pola súa nai e amigas; e as Cantigas de Escarnio, nas que se pode percibir a vida cotiá da muller con duras críticas e xogos literarios e nas que se visibilizan temas como a violencia de xénero que sufrían no ámbito da parella". Sobre estas últimas, sinala que "podemos ver nelas como era o día a día das mulleres da época, facendo os seus labores domésticos, dando de comer aos animais, atendendo aos fillos...". Ademais, "mesmo podemos ver diferentes formas de convivencia de parella, non só o matrimonio, que naqueles momentos fixábase fundamentalmente como marco de lexitimación dos herdeiros, senón tamén a barraganía --unión non matrimonial non recoñecida pola Igrexa, pero si estable--".
Así, "as Cantigas de Escarnio reflicten un mundo moi rico sobre distintas perspectivas femininas que existían e que na documentación que chegou ata nós non aparecen tan claramente representadas". Por que? Como sinala Corral, "a Igrexa foi a gran forza negativa que tivo que soportar a muller nestes tempos", porque "o seu poder na Idade Media era moi forte e moi relevante, mesmo a nivel político". Este poder vese tamén reflexado "na imposición da súa concepción de muller, cunha misoxinia que abranguía moitos ámbitos e que, no caso da literatura, vese claramente reflexada nas Cantigas de Santa María escritas por Alfonso X, onde se aprecia a concepción feminina a través dos ollos da Igrexa". Máis en concreto, para a Igrexa, "a función fundamental da muller era a de ser nai", polo que "nestas cantigas enxálzase a faceta da muller como nai, poñendo como modelo claro a seguir á Virxe María", fronte a esa figura de muller obxecto de amor que aparece na nosa lírica e noutras líricas medievais profanas. Será tempo despois, sobre todo a partir do Renacemento, cando as mulleres perdan dereitos que si gozaban na Idade Media. Por exemplo, vai perder o dereito a herdar o patrimonio da familia a favor do fillo primoxénito varón.
"OS TEXTOS DA IDADE MEDIA OFRECEN TESTEMUÑAS BASTANTE RELEVANTES PARA COMPRENDER A SITUACIÓN DAS MULLERES NA ÉPOCA"
Así as cousas, Corral reivindica que "a Idade Media tampouco é tan pobre a nivel de textos como podemos pensar, senón que realmente resulta moi rica e ofrecen unhas testemuñas bastante relevantes para comprender a situación das mulleres na época". Aínda que si confesa que "unha das grandes eivas que temos na nosa lírica, a diferenza do que acontece noutras líricas do ámbito europeo, é que na nosa terra non contamos con mulleres autoras na Idade Media", alo menos non de maneira clara, pois "si que hai algúns estudosos relevantes que reivindican que algunhas das Cantigas de Amigo que chegaron ata os nosos días, de tipo paralelístico, poderían ter sido escritas por mulleres". Con todo, "actualmente pensamos nesta posibilidade como unha hipótese máis de traballo, pero non a vemos moi verosímil", apunta. Sexa como fose, "o importante é que si se están levando a cabo investigacións para ver como se poden interpretar esas voces femininas que aparecen na nosa lírica".
Cos estudos máis recentes, segundo indica a investigadora, mesmo se puido observar un protofeminismo ou un feminismo incipiente na época medieval. "Non tanto no caso da lírica que se facía no territorio galaico-portugués, onde temos o problema de que nos falta moita documentación --gran parte perdida a partir da desamortización de Mendizábal--, pero si na lírica do resto de Europa, na que xorde a figura das trobadoras, mulleres autoras que se codeaban cos trobadores homes e que tiveron unha importante produción artística, moi relevante tanto a nivel de calidade literaria como a nivel de contido desenvolvido nos textos", explica Corral. O labor desas mulleres trobadoras será continuado logo por outras como María de Francia, que "escribe uns relatos moi novidosos por non estar en latín, a lingua imperante da época, e moi rompedores por pertencer a xéneros novos e por seren escritos por unha muller". A este nome habería que sumar outros como o de Christine de Pisan, que "recolle toda esa tradición literaria anterior reivindicando activamente a defensa da muller".
"AO IGUAL QUE ACONTECÍA NOS ANOS 80 DO SÉCULO PASADO, O MUNDO ANGLOSAXÓN LÉVANOS MOITA VANTAXE NO ESTUDO DAS MULLERES MEDIEVAIS"
É moito aínda o que queda por descubrir sobre a figura da muller na Idade Media, pois, como lembra a investigadora, "cando eu comecei neste mundiño fun unha das primeiras en ver un certo campo de estudo no mundo da muller, presentando a miña tese no ano 1993, momento no que estaban iniciándose na Península Ibérica os estudos de ámbito feminino, levándonos moita dianteira o mundo anglosaxón e mesmo o francés". Estudosas como Reina Pastor e Mai Carmen Pallares iniciaron o camiño do estudo da Historia das mulleres en territorio peninsular. "Despois isto foi 'in crescendo' e, aínda que despois de publicar a miña tese, quixen desvincularme un pouco do mundo feminino, sempre volvo a el porque é un tema que considero que aínda ten baleiros que hai que investigar e segue resultando moi atractivo e interesante para coñecer o noso pasado", confesa Corral, que advirte de que, "ao igual que acontecía nos anos 80 do século pasado, na actualidade o mundo anglosaxón continúa levándonos moita vantaxe no estudo da muller e tamén no estudo da muller na Idade Media". Con todo, amósase consciente de que "o gran problema segue a ser que no noroeste peninsular temos esa gran eiva documental fronte a outros territorios como Aragón e Cataluña, onde gozan dunha conservación documental moito máis rica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.