Por Galicia Confidencial | Madrid | 13/02/2019 | Actualizada ás 13:44
Alexandra Fernández foi a única deputada de En Marea que decidíu non apoiar os Orzamentos Xerais do Estado (PGE), que foron rexeitados pola maioría dos partidos no Congreso. Un voto que non secundaron os seus catro compañeiros de Podemos, Izquierda Unida e Anova, que decidiron votar a favor.
Luís Villares, líder de En Marea, dixera en varias ocasións que non se podían apoiar estas contas polo seu maltrato a Galicia. Un argumento que tamén defende o BNG, que non ten representación na Cámara española. E, precisamente, ese foi o motivo que moveu a Alexandra Fernández a votar contra unhas contas que considera "lesivas" para Galicia. Un xesto que non secundaron Podemos, Izquierda Unida e o seu compañeiro en Anova, Fernán Vello.
Tal e como se agardaba, non houbo sorpresa de última hora e o Congreso devolveu os Orzamentos ao Goberno. Foi cos votos das forzas nacionalistas e soberanistas cataláns, a pesar de que Unidos Podemos e o PNV tentaron até o último momento reconstruír o bloque da moción de censura
De feito, Compromìs solicitou que as emendas á totalidade presentadas por cada grupo se votaran por separado. Tentaba salvar as contas in extremis, pero até o propio Grupo Socialista situouse en contra desta petición.
O resultado da votación foi 191 votos a favor das emendas, 158 en contra e 1 abstención. A devolución dos Orzamentos ao Goberno foi apoiada por PP, Ciudadanos, ERC, PDeCAT, CC, UPN, Bildu e Foro Asturias. Tamén votaron en contra Alexandra Fernández, de En Marea, e a catalá Marta Sibina, de En Comú, que protesta polo bloqueo dos barcos de axuda humanitaria no Mediterráneo.
Xuntos sumaron 191 votos, mentres que o PSOE, Unidos Podemos, PNV e Compromís só reuniron 159 deputados en contra de derrubar os Orzamentos. O deputado de Nova Canarias, Pedro Quevedo, socio electoral do PSOE, abstívose.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.