Por Galicia Confidencial | Compostela | 17/02/2019 | Actualizada ás 21:35
A celebración dos comicios do 28 de abril mudou por completo a táctica política dos partidos galegos nos que o feito dun adianto electoral non se acababa de visualizar coma unha posibilidade real. De feito, o anuncio de Pedro Sánchez paralizou as estratexias electorais que se estaban poñendo en marcha para as municipais.
O principal temor que existe en todos os partidos é que os resultados do 28A teñan un efecto arrastre nas seguintes citas electorais de maio, principalmente, nas europeas, pero tamén nas municipais, que soen ser sempre unhas eleccións que se miden en clave moi local. E este temor é compartido tanto polo PSdeG, como polo PPdG, xa que dependendo da distribución de escanos no Congreso e das posibilidades de goberno, os argumentos dun e doutro partido poderán reforzarse ou debilitarse para a cita do 26 de maio.
PPdeG E PSdeG
Socialistas e populares son os que máis teñen que perder nos comicios de abril, e tamén nos de maio. Con todo, esa cita electoral será crucial tamén para os partidos que forman a coalición En Marea, para o BNG e, en menor medida, para Ciudadanos e Vox.
O gran temor do PP é que o voto da esquerda se polarice no PSOE, sobre todo, logo da división existente en En Marea e a campaña plantexada polo propio Sánchez; ou el ou as tres dereitas. E, tamén, que se consolide a fuga de votantes cara Ciudadanos e tamén cara a Vox, o que podería provocar un forte descenso de apoio a este partido e visualizar unha vitoria dos socialistas de cara as cruciais citas de maio.
No lado contrario, no PSdeG, o problema está en como artellar unhas listas que satisfagan a todas os varóns provinciais e que, de paso, non poñan en evidencia a debilidade de Gonzalo Caballero. Precisamente, o talón de aquiles deste partido está en poñer coto aos seus numerosos problemas internos e afrontar con unidade unha cita electoral que podería ser histórica para eles.
EN MAREA E BNG
En Marea continuará na escea política, pero sen boa parte dos seus actores; Podemos, IU e Anova, que xa anunciaron que manteñen a súa unidade política sen as directrices do Consello político que domina Luís Villares. Este, a súa vez, anuncia unha candidatura máis virada ao nacionalismo, o que colisiona de cheo co BNG e mesmo lle podería restar votos e impedir o seu gran obxectivo de acadar, de novo, representación no Congreso.
De feito, está por ver, como se repartirán eses cinco escanos que hai dous anos obtivo En Marea logo da gran división desta formación. Uns escanos aos que aspiran socialistas e nacionalistas e que, agora, terán ata catro papeletas para elexir. No BNG tamén existe temor a que se vincule a súa candidatura coa dos independentistas cataláns, cos que van aliados ás europeas. Unha vinculación que, nas Xerais, podería xogar na súa contra.
Pola súa banda, os comicios de maio tamén poden ser os de Ciudadanos e Vox, para ben e para mal. A formación de centro-dereita tivo un escano en 2015, que perdeu nos comicios do 16 e aspira, novamente, a recuperalo. E a ultradereita agarda sacar bos resultados en Galicia. Con todo, as bazas de Rivera e Abascal pasan por arrincar votantes descontentos do PSOE e do PP. No primeiro caso semella xa moi difícil dada a viraxe cara a dereita da formación laranxa, que é probable que poida quedar sen representación, novamente en Galicia. Faltaría por ver se os desencantados co PP dan para que a ultradereita poida sacar algún escano pola Coruña ou por Pontevedra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.