Imparidade manifesta

Tanta lei de igualdade que nos venderon! O caso é que non entraron máis mulleres deputadas no congreso desde o famoso “non menos do 40% nin máis do 60% ” nas listaxes electorais. Debe ser que a visibilidade das mulleres ten outras velocidades distintas das masculinas. Iso, ou que o cromosoma Y se dopa.

Por Mariña Pérez | Compostela | 02/12/2011

Comparte esta noticia
Eu voume fixar só en dúas escenas contempladas por millóns de persoas. Lembremos a visita da Súa Santidade. Na foto da Lavacolla, O Santo Pai foi recibido polos  máximos mandatarios. O Presidente de aquí, o de acolá, o xefe de oposición de aquí e o de acolá, o Príncipe e a Fermosa Princesa  ( “me gusta cuando callas porque estás como ausente”)  recibiron o Papa de Aquí e o de Alá.  Un palco moi pouco equilibrado para os tempos modernos. Mulleres a un lado por se hai que recortar a foto algún día?
 
Na segunda escena que destaco locen con luz propia os grandes homes do país: nos longos e profundos debates electorais que vimos de vivir ( é un eufemismo malo, que queren? ) só brillou unha presentadora. Debateron en dous días sete varóns, sete candidatos. Sete toros, sete!  Todos eles entregados a serias batallas dialécticas nas que o cromosoma que os define volveu xurdir en todo o seu esplendor.
 
Estas foron as segundas eleccións coa lei de Igualdade sen que se notase moito cambio en positivo na incorporación de mulleres ao panorama da política.  É mais, creo que desde o 2004 aínda se perdeu un escano para as políticas en feminino (que non é o mesmo que facer políticas para a muller, tampouco nos enganemos) . Agora temos 124, o cal supón un 36 % do total. Pero iso non sería relevante se se avanzara de maneira substancial na consideración da muller política. O que semella suceder é que iso non se garante cun ningún 40% mínimo. Por moito que miremos cara outro lado, cando se fala delas, o motivo de conversa adoita ser o bikini, a pel, a longura da saia, a baixa de maternidade ou o acerto do deseñador. Tranquilos. Eu non penso tirar aquí do rollo feminista–pesimista,  pero  realmente non había entres os candidatos ou representantes dos partidos algunha muller con suficiente valía persoal e un pouco de discurso para debater sobre a prima de risco? 
 
Poderán deducir que non me convence a min o reparto simplemente cuántico do pastel. Semella un apaño de longo percorrido mentres os medios seguen a devolvernos a foto fixa na Lavacolla e as dos debates da testosterona. Ou será que o silencio televisivo tamén é unha resposta? Chegados aquí, cada moucho ao seu souto…
 
” Y me oyes desde lejos y mi voz no te toca..”
 
As mulleres políticas non resisten varias lexislaturas en comparanza co que sucede cos seus colegas masculinos. Obsolescencia programada, ou falta de dedicación? A experiencia xeral di que elas duran dous telexornais. Por non falar dalgunhas representantes electas ao amparo da lei paritaria e que, vista a súa dubidosa valía profesional, non deixa de palpitar en nós a idea perturbadora de que fraco favor lle fixeron ao xénero…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.