Ítaca e os lestrigóns

Se vas emprender a túa viaxe cara Madrid pide que o teu camiño sexa longo, rico en experiencia e en coñecemento. Chegar alí é a túa meta, pero non apresures a viaxe, é mellor que che leve anos e adíes o final. Tampouco esperes grandes riquezas nin premios: Madrid regalouche unha fermosa e demorada viaxe en vía ancha. Así saberás que Madrid forma parte do camiño mesmo e que a distancia que nos separa do desexo cumprido é sempre relativa e anecdótica.

Por Mariña Pérez | Ames | 20/12/2011

Comparte esta noticia

Con todo, será unha fermosa odisea cruzar o campo. Cómpreche moito gardar forzas porque chegarás arrastrado coma un mendigo. Apenas haberá paradas, a non ser as consideradas pertinentes por pura estratexia política. E has de saber que será duro de vez abeirar a bo porto, porque Poseidón non está polo labor de aportar fondos e os deuses europeos andan ultimamente moi  mosqueados con Zeus e aquí ninguén está para investimentos.

Kavafis xa sabía que esa separación física co obxecto de desexo é apenas tedio sentimental, un baleiro mesetario que hai que cubrir co paso do tempo. Pero non é fácil percorrelo se os lestrigóns te acosan ou se o ollo do Cíclope te observa de esguello e con mala fe. O monstro que vive na mina sempre agarda a súa oportunidade para esgazar a túa carne de viaxeiro. Ti procura desoír os cantos de sereas dos telexornais e da precampañas. Concéntrate, se tal, en beber da flor de loto para esquecer a separación da costa amada e dos teus desexos.

Pide que o teu camiño sexa longo, rico en coñecemento e experiencia e non apresures a túa viaxe. O homo viator fará o resto. Non dubides que o longo traxecto devirá un día en paseo, e a paisaxe que se che entregue será máis rápida. No 20?? a alta velocidade ha de  tinguilo todo de rapidez cromática e para daquela, a nostalxia do corazón dos galegos viaxará por vía ancha, así como agora nos bole o sangue  inquedo nas tempas. A nosa memoria borrará os días lentos da Nacional VI e devalará cara atrás no tempo ata facerse brétema.  Avantaremos entre cómaros e corgas e vales e a máquina será  outra vez o novo  Cristo dos tempos modernos. (E como será ir a Madrid sen parar a tomar o café en Vega de Valcarce?)

Outórgasenos sempre a odisea de agardar, mais só Pénélope dá atesourado tanta paciencia. Mentres tanto imos sacar billete a Ourense, porque é certo que Ítaca tamén se deixa ver na distancia, así a grolos, coma o verso solto dun poema. Un avance no horizonte…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.