Por Brais Nogueira | | 03/05/2019 | Actualizada ás 22:00
O novo cinema galego é unha etiqueta acuñada polos críticos José Manuel Sande, Martin Pawley y Xurxo González para agrupar aos traballos de directores de cinema tan heteroxéneos como Oliver Laxe, Eloy Enciso ou Lois Patiño. Se ben as intencións do autores son moi diferentes e tampouco se adscriben a unha escola común, a etiqueta serviu para categorizar todo cinema que non fose industrial.
O doutor pola USC en historia de cinema e especialista en historia do cinema galego Xosé Nogueira afirma que nese momento a etiqueta “tivo un sentido provocador”, referíndose a que noutros lugares houbo “novos cinemas” e en Galicia non. O Novo Cinema Galego é escravo do contexto no que nace. Tras o franquismo o cine galego tivo dúas visións en moitos casos antagónicas: os autores que apostaban por un cinema militante o outros por un “normalizado”.
Nos anos noventa triunfou un cinema industrial que debido a que abundaban as coproducións con outros lugares “non se percibe como galego”. A principios do século vinte e un, o cinema estaba copado por dúas produtoras financiadas polas dúas grandes caixas galegas: Caixanova e Caixa Galicia. O maior expoñente desa etapa cinematográfica é O Lapis do Carpinteiro, adaptación do libro de Manuel Rivas.
Para Nogueira, moito tivo que ver o Bipartito para cambiar a forma de facer cine en Galicia. “Creáronse axudas ao talento tal e como hoxe as coñecemos, xa non se deron axudas ás produtoras”, explica. Respecto a isto, a directora Paula Cons valora moi positivamente este tipo de subvencións: “En comparación con outros lugares é unha situación fantástica, aquí entre AGADIC e TVG podes conseguir 300.000 euros e iso noutros lugares é impensable”.
Anxos Fazáns é unha directora posterior ao que se denominou Novo Cinema Galego nun principio pero si que está influenciada notablemente, como se pode ver en elementos da súa primeira longametraxe A Estación Violenta. “Eu comecei a formarme en torno a 2010, o momento onde as obras destes directores comezaron a ser coñecidas. Para min foi a mostra de que era posible facer películas en Galicia, que non foi pouco”.
Cons ten un ollar dende a distancia do movemento. “Non é que o coñeza moito a nivel teórico e non creo que me encadre dentro do movemento pero leva a Galicia cara adiante. Asocia a Galicia calidade, autoría e valentía”, explica. “O meu cinema é máis convencional e narrativo, a finalidade do seu en moitos casos é máis arriscada”, aínda que admite que lle fai raro falar sobre si mesma dese xeito e que “as etiquetas as teñen que pór outros”.
O DIXITAL DA E QUITA A PARTES IGUAIS
Para o desenvolvemento do Novo Cinema Galego foron fundamentais os avances tecnolóxicos que tiveron como consecuencia a implantación dun modelo dixital no canto do celudoide. Isto abarata custos e permite ser moito máis flexible á hora de rodar, o cal democratiza moito máis o proceso pero tamén camiña caro o amateurismo. “Un dos maiores retos do cine galego é a profesionalización do mesmo, entendéndoa como poder vivir de facelo. O dixital permíteche moitas cousas como gravar dun xeito ilimitado. Como en Costa da Morte, a película de Lois Patiño, pero iso fai que sacrifiques totalmente os ritmos comerciais”, reflexiona Nogueira.
Fóra de Galicia o noso cinema moi valorado polos circuítos críticos. “Está a conectar cos festivais, pero non tanto co público e esa é a maior eiva do cinema galego: que soamente o vemos o cinéfilos”, laméntase Nogueira. “Se ti a unha persoa de a pé lle preguntas sobre o Novo Cinema Galego, en moitas ocasións non sabe nin o que é”, continúa. Para el Dhogs, a ópera prima de Andrés Goteira, que rompeu o record a maior número de galardóns nos Mestre Mateo no ano 2018.
Fazáns non considera que se deixe ao público de lado en ningún momento, pero si que existe “un problema de comunicación complexo de solucionar”. En ningún caso cre que non exista unha vontade de acercamento ao público: “Todas as películas nas que é posible facelo, estréanse en salas comerciais. Que moitas das persoas que facemos cine en Galicia non busquemos un público maioritario, non significa que non o teñamos en conta”, explica a directora pontevedresa.
Para Nogueira, outro dos problemas que existen é o tema lingüístico. “O lóxico sería que o cinema galego tivese como lingua vehicular o galego, pero non sempre é así”, quéixase. Para Fazáns neste eido as cousas están a cambiar. “As películas de historias que están rodadas fóra con actores non galegos é natural que non estean en galego pero si que é verdade que ese problema existe. É unha tendencia que está cambiando, moitos dos cineastas que estamos a aparecer agora usámolo dun xeito totalmente normalizado”. Ademais, a directora non considera que esta sexa o único ámbito no que se está a cambiar para mellor. “Cando xurdiu o Novo Cinema Galego, todos eses directores eran homes e cada vez somos máis cineastas mulleres”. Isto contacta coa importancia que tamén lle da Cons as mulleres na súa obra: “Confírolle moito protagonismo ás mulleres sempre”, ademais das historias agochadas produto da súa formación xornalística.
SEGUE A TER VIXENCIA
Aínda que xa pasara case unha década dende que os primeiros autores do Novo Cinema Galego entraran pola porta grande nos circuítos críticos, tanto o seu espírito como a súa vixencia seguen aí, tanto por influencia nunha nova xeración de cineastas galegos moi influenciados como poden ser os casos de Anxos Fazáns ou Xacio Baños, pero tamén porque eles seguen a facer películas. Eloy Enciso, director de Arraianos debería sacar unha película este ano e Oliver Laxe estreará Aquilo que Arde no próximo festival de Cannes.
Esta nova é de gran importancia para o cinema do país, xa que será o primeiro filme en galego que se estree no prestixioso certame. Cons cualifica de “brutal”, que o director teña presenza no “festival máis importante do mundo”. Para Nogueira tamén é positivo: “Soamente estar en Cannes é unha virtude que moi poucos autores poden acadar. Ben é certo que Laxe creou unha dinámica positiva entre o festival e el, chegou a ser un dos directores protexidos do festival, pero o único mérito disto é do propio director”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.