Fóiseme o Santo ao ceo

Aínda non entraron a roubar na igrexa da súa parroquia? Non será que non ten santos polícromos e milagreiros? Na nosa entraron hai pouco; só levaron a chave do sagrario e pouca cousa da colecta de diario. Non tocaron o cáliz dourado, nin o san roque, nin o san lourenzo, nin a virxe do socorro. Hai quen o ve mesmo coma un desprezo.

Por Mariña Pérez | Ames | 05/03/2012

Comparte esta noticia

 Os amigos do alleo usaron o mesmo método que adoitan utilizar ultimamente para espoliar as igrexas rurais: serrar os barrotes do fachinelo pequeno da sancristía. Así, é chegar e bicar o santo. Metodoloxía arcaica, primitiva, rudimentaria, evidente e cutre. Igual que as medidas de seguridade do templo. E roubarán máis así,  case parece un sketch dun cómic de Mortadelo e Filemón ou a  típica escena dunha fuxida de Billy the Kid. Disque na igrexa da parroquia que linda coa nosa roubaron unha santa. Eu imaxino a escena un tanto almodovariana, cos ladróns correndo cara á furgoneta coa santa margarida ou a a nosa señora, envoltas nun plástico do Gadis para metela no maleteiro e saír a filispín. Música de fondo: kusturica.

Claro está que na nosa parroquia, a Igrexa aínda ten sen reparar o cruceiro escachado pola pluma do camión dunha madeireira, cal saque de Djokovic. Alí o está, estarricado no cruce de camiños sen que ninguén bote man del. Case semella un quebracabezas, co cristo todo partido e a base levantada. Agora comeuno un pouco a maleza pero eu ben o adiviño embaixo, sen remedio.  O símbolo  da imaxinería popular escachada.
 
Xa o advertira Don Quijote: “Con la iglesia hemos topado, Sancho” aínda que o escribiu sen a carga de ironía que se lle atribuíu despois. Dá igual, Cervantes acerta de todas as maneiras, topamos coa Igrexa e hai que ir asumindo que agora non se dá protexido o que dalgunha maneira se custodiou durante séculos. Por exemplo, estase a perder o costume de gardar a mellor imaxe dunha igrexa nas casas, rotando de familia en familia ao longo do ano. Semella que unha vez máis os vellos costumes tiñan a súa razón de ser. En pouco máis dun par de anos espóliase un patrimonio relixioso, cultural e artístico, que traerá consigo a consabida perda de tradicións, lendas, oralidade e convivencia popular.
 
Saben que en Cornanda e na Luaña ( Brión) sacan os seus respectivos santos (santa maría e san xulián)  para convocar a chuvia?  Encóntranse as  dúas comitivas onda o encoro, despois levan os dous santos de volta a Cornanda por nove días e sen desesperar, agardan que chova. Disque é man de santo. Por iso non está ben perder imaxes así como así. Despois a ver quen lle pon couto á pertinaz seca que arrastramos. Que todos os santos axudan.
 
Se é certo  que a cruz do IRPF para a Igrexa apenas nota a crise (aínda aumentou o número de contribuíntes que marca esta casiña, nun estudado referendo de catolicidade propiciado por Facenda, que somos todos) entón a santo de que non  pode manter minimamente protexidas as súas campás, os seus códices, as súas imaxes?
 
Se  vostede, estimado lector, ten pensado poñer a cruz na casiña da ciencia na súa declaración da renda- que todo chegará!- acórdese dos nosos científicos, que estarán posiblemente estudando alemán e ciscándose en santo erasmus, e rece un noso pai por eles e máis por nós, e que o Señor nos protexa. A casiña de fins sociais? Din que unha cuantiosa parte tamén vai parar a organizacións católicas. Espir un santo para vestir outro. Que cruz!
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Mariña Pérez Rei Mariña Pérez Rei é unha escritora amiense afincada na cidade de Santiago de Compostela. Licenciada en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-portuguesa, actualmente exerce como profesora de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario. Entre a súa obra publicada destaca a poesía e a novela curta. Tamén colabora en xornais e revistas con artigos de opinión. No ano 2005 acada o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón polo libro Fanerógama e comeza a publicar. No 2006 obtén o Premio Manuel Lueiro Rei de novela por Canícula, editorial Sotelo Blanco. No 2009 publica o libro de poesía en edición limitada e artesanal: Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, na editorial Bourel. Un ano despois publica o libro de poesía Paquidermo na editorial Bubela co que ingresa na corrente filosófico- poética do sentimental-ISMO, e nese mesmo ano obtén o premio de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos coa narración Costa necrópole. Escenarios para deslembrar, publicada na editorial Toxosoutos. No 2011 participa nas antoloxías de poesía sentimental-istas da editorial Bubela e colabora co grupo musical Loaira.