GC Aberto

A receita de Feijoo do caldo galego

“Caldo, caldo, caldo… non queres comelo pero vas empesando” recita con retranca o grupo Malandrómeda na súa cumbia Malandra, aka “Bótalle caldo”; e así acontece nas eleccións galegas dende fai catro lexislaturas, ou oito, ou dez, ou… que sei eu? Disque é un caldo que non queremos, mais que despois de papalo catro anos, volvémolo pedir. E qué terá este bebedizo que non nos preste outro?

Por choromicas (http://www.apupos.wordpress.com) | GC ABERTO | 23/07/2020

Comparte esta noticia

Haberá que analizala receita, mais o que é seguro e que é obra do sempre oportuno oportunista Alberto Nuñez Feijoo, presidente da Xunta da Galiza por cuarta volta. Coma nos campionatos mundiais de fúbol, coido que o ourensán xa pode quedar coa copa (Galiza?) en titularidade e ensinarlla as súas amizades.

O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, valora os bos resultados obtidos pola súa formación nas eleccións galegas durante a noite electoral do 12J en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (Espa. César Arxina - Europa Press
O presidente da Xunta e candidato á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, valora os bos resultados obtidos pola súa formación nas eleccións galegas durante a noite electoral do 12J en Santiago de Compostela, A Coruña, Galicia (Espa. César Arxina - Europa Press

Este humilde, moderado e sinxelo rapas (que casualmente alitera á perfección con rapos-o) ten pola man a unha moi boa parte da poboación galega, ou mellor dito, leva traballado a reo nos miolos dxs galegxs, para que aos seus gobernados lles estean ben as cousas coma están, e coma se diría nunha reviravolta gatopardiana á galega: “Que ninguén mude para que ren cambie”. O segredo chámase caldo galego, a nosa sopa nacional, unha mestura de bós produtos animais e vexetais, cocidiños a lume lento, resultando nun saboroso e reconfortante prato. Como feito na casa. E con todo da terra. Madia leva!

Esta é a receita do caldo dun éxito electoral sen comparacións no Estado español do século XXI. E aínda que non queras caldo, vaille botando un ollo á pota.


Os grelos: Un bó caldo precisa grelos e unhas eleccións, votantes. O grao de mobilización na Galiza rural e/ou avellentada é maiúscula, cando se trata de poñer o voto nas urnas.  E a comparativa de participación eleitoral coas xeracións máis novas e progresistas avergoña. É unha forma de entender os comicios coma unha sorte de continuidade feudal, que viaxa entre o survivalismo e a ignorancia, e que non admite discusión. No caso da vellaxe, seica o voto ao PP é como ir a misa os domingos ou velo fútbol no bar. O importante non é que o líder ou o partido goberne, senón sinxelamente, que estea ahí. Sempre.

Nota: Os grelos hai que fervelos antes e aparte, para non dar moito amargor ao caldo. O votante galego cócese aparte, entre verbenas, paparotas con queimada, humor branco e retranqueiro, e programas amasadores de conciencia, tipo Luar. O apoucadismo conxénito de séculos de asoballamento cultural, pedagóxico e político do galego medio fai que o grelo sexa manso e non amargue. O produto xa nos sae bó dende a terra. Iso axuda.

Os feixóns: As fabiñas están na pota dende o comezo. Son as conexións que artellou o príncipe dos Peares. En cada barrio, en cada vila, en cada concello, o partido ten os cabos empresariais ben collidos. Unha tea de araña sincronizada durante décadas, baseada no mercadeo laboral de postos, obras e servizos, entre Xunta e empresas afíns, medradas ao carón do lar pepeiro, a traverso de subvencións e créditos, repartidos estratéxicamente, para manter as fabas ben enteiriñas e saborosas. Iso dalle a textura axeitada ao prezado caldo feixoiano, nunca mellor dito.

Nota: De tanto en tanto hai que quitarlle a escuma as fabas cando ferven, non vaia ser que suba moito o suborno, o tráfico de influencias ou a prevaricación de turno, que logo sáense da pota, emporcan todo e aínda o vai ver alguén.

O unto: É o benquerido Líder. Galiza, coma toda sociedade con eivas democráticas estructurais e cunha artrose política notábel grazas a unha pirámide demográfica que hai xa décadas que fai o pino, precisa dun goberno personalista, caseque vitalicio, de xeito que esa figura total, ese alcalde de Galicia, gaña con facilidade; o virrei absoluto é o suxeito desexado pola plebe galega. E Feijoo e mais a súa equipa de comunicación sabeno; o seu nome, a súa imaxe, a súa voz, impregna as tertulias, os cartaces (ata o punto de xibarizar ou eliminar as siglas do seu partido), os minutos de máxima audiencia na televisión e radio pública galega, os xornais… E aínda por riba tamén gusta alén do Padornelo, porque o unto seica funde ben no cocido castellano e ata no madrileño. Non tardará o prestidixitador total en volver reinventarse, e acabará botándolle graxa á paella e á tortilla española na madrileña rúa Xénova.

Chourizos: Sobran as explicacións. E ollo con eles, que repiten.

As patacas: Indispensábeis no caldo. Son os clásicos medios de comunicación galegos, axeonllados ante o poder, dependentes das súas esmolas e presos da súa propia xestión ineficaz. A treboada perfecta para que un Feijoo mefistofélico meta a man no pote.

No caso dos medios escritos tradicionais, a parcialidade é exponencialmente proporcional ao grao de cartos que a Xunta, perdón, Feijoo, meta. Ben se ocupou o unto de arrodear coa súa graxa nutrinte ás pataquiñas, xenerosa e deliberadamente sobrefinanciadas con cartos públicos coas máis peregrinas excusas, xacobeos incluidos: un día chega vía Xunta unha subvención a certos xornais por escribir en galego, cando as principais cabeceiras do país ( La Voz de Galicia, e Faro de Vigo, amén doutros xornais provinciais, regados pola sucursal pepeira de turno) andan co google translator ao lombo, para traducir ao galego os seus contidos -coa de bágoas que lles teñen saído aos pobres filólogos galegos, poderíamos rencher a Lagoa de Antela-, outro día solta cartos para anunciar axudas ao agro, outro día para fomentalo consumo de peixe, que si polos lumes, que se logo un premio a tal xornal polo seu “compromiso con Galicia”… e así cocéndose de vagar, entre ingreso e ingreso, van maleando as liñas editoriais dos grandes medios de comunicación galegos, ata quedaren convertidos en panfletos a favor do aparello electoral do PP patrio.

En canto a televisión, o rapaz, qué carallo rapaz, o mago dos Peares deulles unha licencia a uns amiguiños seus, donos dun xornaliño coruñés, e seguindo o carreiro do bó emprego dos recursos públicos, a canle televisiva desapareceu en poucos anos. Agora quédalle a televisión pública de Galicia, sempre ao seu dispor, aínda ca os seus traballadores estean en folga dende fai xa moito tempo, pola manipulación informativa que se ven obrigados a emitir.

As radios, con licencias concedidas polo goberno galego, perdón, por Feijoo, foron no seu día auténticas purgas ideolóxicas, eliminado da grella radiofónica calqueira frecuencia que tivera un discurso alternativo ou incómodo coa gobernanza, incluindo sancións e prohibicións a emisoras comunitarias con histórico raigame social coma CUAC Fm de A Coruña.

Xornais, televisións, radios… aparellos do cuarto poder, que fan que a opinión publicada, mude coma por alquimia en opinión pública, e así, e repetida coma mantra, permee na pel dx galegx común: Que si o goberno do bipartito foi pior cos do PP ( o día que me ensinen esas gráficas comparativas fago festa), que se o Feijoo é bo xestor, que si é un perfil moderado…  frases feitas sen contido e repetidas millóns de veces,  ideais para entrar en trance budista, vaia. A verdade é que estas patacas esfarélanse na boca. E qué bó caldo queda cando a pataca é fariñenta…!

Nota: Neste caldo, ás veces, saen algunhas patacas máis bravas, pola pluralidade que se pode atopar na Internet, onde medios dixitais fan que neste prato algunha pataquiña non quede tan ben feita. Arestora é a única canle de información onde a capacidade de control se lle escapa a Feijoo, mais non semella amolado. Non hai ren que temer se coñeces ben ao teu comensal. E o seu cliente non che é de moita “maquiniña”. E as patacas duras do caldo sempre as deixa nunha beira.

O óso de lacón: Debe ser de lacón curado, non fresco, coma os vellos deste país. Enormes en número, son o caladoiro ideal para triunfar nunhas eleccións en Galicia, e ademais, así, o caldo gaña sabor: dende os avellentados veciños da Galiza rural,  que son moitos e sempre esquecidos, agás os días de campaña e votación, ata as residencias de maiores, recoñecidas singularmente coma niño para o carrexo de votantes, perdoade que me trabe de novo, votos. Sen a súa mobilización e fidelidade (forzada ou non, en función da capacidade cognitiva de cada un) sería imposíbel facer deste prato a bandeira deste restaurante tan noso.

O óso de tenreira: É a xente nova. Neste receita de caldo non che son de botarlle moito. Un chisquiño para facer ver , e que non pareza que o xogo está gañado de antemán. De feito nesta derradeira longa década de PPpedra, o virrei fixo ben os deberes, xa que a emigración da xuventude na Galiza convertiuse de novo nunha necesidade, e para él nunha procurada bendición electoral. Aínda me lembro da maleta coa que a Xunta agasallaba aos estudantes coas mellores calificacións das universidades galegas: Beca no estranxeiro e unha maleta moi curriña, para meter o que podas e liscar canto antes. O cinismo na súa máxima expresión propagandística. Algún asesor comunicativo debeulle dicir que aquelo raiaba no berlanguismo e a maleta non voltou. Os mellores estudantes do país, tampouco, claro.

Nesa loita entre o que un querería e o que un pode facer na súa terra, as persoas más teimudas e heroicas fican na Galiza, reinventándose, creando e loitando cada día, mais a visión dun futuro xeado, xa inamovíbel denantes de que aconteza, fai que moita outra xuventude galega fuxa deste fermoso anaco do mundo no que a non gobernanza castra a ilusión de xeracións enteiras. Un exilo forzado para quen queira traballar do seu e vivir con dignidade, se non hai negocio familiar, oposición funcionarial ou cacique-padriño que o impida.

Vistos os ingredientes, e detallado cómo se cociña un bó caldo galego, chega o mellor intre da experiencia. O prato xa está na mesa. Hai que papalo. Mais ti non o queres. Pero ese cheiro….mmmm. Arrecende ás cousas de sempre; E sábeche coma o da nai, coma o da avoa, coma o de sempre. Ése é o segredo. 

Veña va, proba un pouco. Presta, verdade? E agora que o probaches, non vas querer comelo?

Vouche ir poñendo dúas cuncas. Non vaia ser.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta