Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2020 | Actualizada ás 12:33
A Xunta decretou que unha presa de residuos mineiros construída cun dique de contención de lodos de 50 metros de cumprimento e 14 metros de altura servía para moer millo co obxectivo de que a empresa responsable da estrutura non tivera que facerse cargo dela. Esa é a denuncia da rede ContraMINAcción, que vén de calificar de “esperpéntico e demostrativo da corrupción rampante na Xunta” o ditame elaborado pola Dirección Xeral de minas.
O informe en cuestión, no que se vencella á presa cun pequeno muíño da zona, foi elaborado pola enxeñeira técnica de minas Olga Barreira Sevillano, funcionaria do departamento que dirixe Ángel Bernardo Tahoces, que fora xa imputado precisamente por deixar estas presas mineiras fóra do proxecto de restauración que aprobou en 2009 sen trámite ambiental algún, segundo apuntan dende a organización denunciante.
Tamén segundo as mesmas fontes, o informe foi encargado por “orde verbal” do Xefe Territorial da Consellería de Industria na Coruña, Isidoro Martínez Arca, co propósito de remitilo a Augas de Galicia, que xa determinara o ano pasado que se trataba de presas de residuos mineiros e pretendía obrigar á empresa ao seu desmantelamento e restauración da zona.
CARGOS IMPUTADOS POR "MENTIR"
Segundo os colectivos integrantes de ContraMINAcción, trátase dunha "tentativa desesperada de evitar tanto a responsabilidade da concesionaria mineira", unha filial de Valoriza Minería (Grupo Sacyr), como dunha "escapada cara adiante por parte dos propios funcionarios e autoridades agora imputados por mentir reiteradamente en documentos públicos relativos ás presas mineiras". Os colectivos indican que é "sobradamente coñecido" que o maior dos depósitos mineiros fora construído pola mina en 1939 e que protagonizou o chamado “Desastre de 1960” trás a rotura das súas comportas (como recolle o documental “San Finx 1960”).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.