Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 12:59
A líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, será a portavoz do BNG no Parlamento de Galicia, no que a súa formación contará cun grupo cunha distribución "máis individualizada e personalizada" por áreas e territorios tras triplicar a súa representación nas pasadas eleccións autonómicas do 12 de xullo.
En concreto, nos pasados comicios, o Bloque pasou de seis a 19 escanos e converteuse na segunda forza da Cámara galega, con 13 caras novas que lle permiten facer unha distribución do traballo parlamentario na que se "profundará moito máis nos temas", tal e como sinalaron a Europa Press fontes da formación.
Tras a constitución do Parlamento o pasado venres, o Bloque xa ten organizado ao seu grupo, no que hai unha repartición sectorial das áreas vinculado ao perfil profesional de cada parlamentario co obxectivo de "gañar profundidade e coñecemento" nos temas que se abordarán.
Deste xeito, Ana Pontón, que compaxinará a portavocía nacional e a parlamentaria, centrarase nas sesións de control ao presidente da Xunta e nos grandes debates que acolla o Lexislativo galego. Un traballo que acompañará dunha "gran presenza no territorio" tendo en conta que o aumento de deputados permite aos nacionalistas realizar unha maior distribución dos labores parlamentarios.
Precisamente, a líder do Bloque avanzou tras a sesión de constitución da Cámara que esta debe de ser a lexislatura dos "grandes acordos a favor de Galicia" para sacar ao país da crise económica e social derivada da pandemia sanitaria. Con este obxectivo, o BNG prevé facer unha oposición "construtiva e propositiva".
OLALLA RODIL, VICEPORTAVOZ
No novo grupo Olalla Rodil verá reforzadas as súas funcións como viceportavoz parlamentaria e será a encargada de dar conta dos asuntos abordados polo Bloque tras a reunión da Xunta de Portavoces. Ademais, participará na comisión de control da CRTVG e será a responsable de Innovación e Ciencia, áreas que o BNG considera "estratéxicas" para camiñar cara a unha "economía verde".
O viceportavoz segundo e coordinador do grupo será Manuel Lourenzo, quen ata agora era o portavoz do Bloque en Soutomaior (Pontevedra), municipio no que nas últimas municipais só obtiveron representación PP e BNG --cos nacionalistas a só 43 votos da lista máis votada--. Profesor de profesión, será tamén o encargado dos asuntos de Educación.
COMISIÓN DE ECONOMÍA
O aumento da representación do BNG, que triplicou os seus escanos, fai que a formación gañe peso tamén nos órganos da Cámara. Así, Montse Prado é a vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia mentres que a deputada Noa Presas, que será a encargada dos asuntos relacionados con Facenda e Orzamentos, poderá presidir a Comisión de Economía, cargo que tradicionalmente exerce algún membro do partido líder da oposición.
Pola súa banda, o sindicalista da CIG vinculado á Federación de Industria e ao sector do metal en Ferrol Ramón Fernández encargarase de Economía e Industria, así como dos temas que afecten á comarca de Ferrolterra.
Ademais dos asuntos relacionados coa Mariña, o deputado lucense Daniel Castro, o máis novo do Pazo do Hórreo, será o responsable das cuestións relacionadas con Deportes e Novas Tecnoloxías. Tamén participará no control dos informes do Valedor do Pobo.
Luís Bará farase cargo das áreas de Infraestruturas e Mobilidade, así como da defensa dos intereses da comarca de Pontevedra, zona da que tamén se encargará Manuel Lourenzo. Ademais, Alexandra Fernández asumirá os asuntos relativos á Ordenación do Territorio e Vivenda e, xunto a Carmela González, que será ao responsable de Comercio, aqueles relativos á cidade de Vigo.
MERCEDES QUEIXAS, CULTURA E LINGUA
A académica, profesora e escritora Mercedes Queixas asumirá na lexislatura que arrinca as cuestións relacionadas con Cultura e Lingua, áreas das que é unha referente; así como das cuestións que afecten á zona da Coruña, da que é deputada.
O que foi cabeza de lista ao Congreso por Ourense nas eleccións xerais de 2019, Iago Tabarés, centralizará os temas institucionais e de xustiza, así como os que afecten á Baixa Limia, Allariz e A Limia. Pola súa banda, o secretario xeral de Galiza Nova, Paulo Ríos, ocuparase de Mobilidade e dos problemas que afecten á comarca do Morrazo.
SANIDADE
Xunto á que era portavoz do BNG de Sanidade, Montse Prado, que agora tamén ostentará responsabilidades na Mesa do Parlamento, levará os asuntos sanitarios a médica Iria Carreira, nunha etapa na que a xestión da pandemia da COVID-19 marcará o arranque da lexislatura.
Pola súa banda, a deputada por Lugo Carmen Aira asumirá o Desenvolvemento Rural e a Política Agraria Común (PAC), mentres que Xosé Luís Rivas 'Mini' encargarase de Agricultura e Gandaría. Ademais, os asuntos relacionados cos montes e a viticultura correrán a cargo da que foi alcaldesa da Rúa (Ourense), María González Albert.
A Pesca e o Marisqueo serán defendidos pola que fose deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez, quen tamén se encargará das cuestións que afecten á comarca do Barbanza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.