A Xunta destinará medio millón de euros extra a campañas de propaganda nos medios sobre a Covid

O socialista Pablo Arangüena acusa ao Goberno galego de pensar só na "publicidade e propaganda" en tempos de pandemia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2020 | Actualizada ás 20:38

Comparte esta noticia

O orzamento da Presidencia da Xunta para 2021 prevé destinar medio millón de euros máis dos millóns que xa destina aos medios de comunicación para campañas de publicidade e propaganda para concienciar contra a pandemia da covid-19 e axudas específicas para emigrantes en situación de vulnerabilidade polo coronavirus, así como para a práctica deportiva "en seguridade".

As contas dos órganos superiores dependentes da Presidencia ascenden en concreto a 247,8 millóns de euros no proxecto de orzamentos do Goberno para 2021, un 44,2% máis, polo que é o departamento que máis crece en termos relativos.

Na súa comparecencia na comisión de economía do Parlamento, o secretario xeral da Presidencia, Álvaro Pérez, reivindicou "contención" nos gastos correntes ordinarios e engadiu que "se hai algún incremento" é debido aos "fondos covid".

Tamén apuntou á "forte aposta polo impulso da administración dixital cara ao desenvolvemento dos investimentos previstos na estratexia aliñada coas directrices da Unión Europea", cunha "importante partida" de fondos React-Eu. Pérez defendeu "un aforro acumulado" entre 2010 e 2020 "de máis de 9,7 millóns de euros" centrado en partidas de "atencións protocolarias e representativas".

Os DATOS DE PRESIDENCIA

En canto aos datos de Presidencia, o dirixente destacou unha nova partida "extraordinaria" de 500.000 euros na Secretaría Xeral de Medios para "campañas específicas" na loita contra a covid, de concienciación e información sobre restricións vixentes, entre outras cuestións.

A achega para a CRTVG será de 103,5 millóns e, segundo os datos achegados por Álvaro Pérez, serán 500.000 euros máis para afrontar os gastos en persoal.

No ámbito da emigración, cifrou nun 21% o incremento "para reforzar" a atención "aproveitando os fondos covid", mediante actuacións "para axudar aos colectivos afectados de forma máis grave polos efectos da pandemia", como os residentes en países nos que a situación sociosanitaria é "deficiente" e tamén para apoio a retornados.

Apuntou a unha dotación "adicional" de 210.000 euros para mellora da subministración de medicamentos e alimentos aos galegos en Venezuela, Cuba e Arxentina, para dar cobertura a eses "produtos de primeira necesidade para familias galegas en situación de precariedade".

Para Deporte, fixou nun 28,5% o aumento dos fondos, cunha "aposta" pola dotación de novas infraestruturas deportivas e cunha "liña específica" de axudas ás entidades deportivas para que haxa "máis protección na práctica deportiva fronte ao coronavirus".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Na súa quenda, o nacionalista Daniel Castro recriminou á Xunta a "utilización partidista e clientelismo" no exterior. Pola contra, chamou a aproveitar o "potencial" dos emigrados, fronte a esa "rede clientelar" que atribuíu ao PP.

O socialista Pablo Arangüena acusou ao Goberno galego de "publicidade e propaganda" e denunciou "fotos de anciáns riseiros" en prensa "tan diferente á realidade das residencias de maiores" durante a pandemia.

O secretario xeral da Presidencia, Álvaro Pérez. CAPTURA
O secretario xeral da Presidencia, Álvaro Pérez. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Atendendo á propaganda nos medios de (in)comunicación en Galicia, quixeramos sumar ao esforzo que vén realizando GC ao denunciar os millóns que se van en propaganda da Xunta de Feijoo, e gostaríanos saber por que ninguén (partidos políticos) ten denunciado as barbaridades que o Concello de Vigo inviste en propaganda local (?) https://twitter.com/Vigoblog/status... Semella que todos pensan facer o mesmo cando cheguen ao poder e polo tanto calan a boca e prefiren mirar para outro lado non vaia ser que deixen de recibir as esmolas do poder (?) A cousa seguramente non é tan simple, pero alguén debera abordala antes de que se convirta en NATURAL ! (como está a suceder dende hai anos!)

1 Gamela

Que cousa máis CUTRE ! O Fondo REACT EU para toda España é de 12.000 millones de euros e deben executarse no periodo 2021-22 ! Pero cando se ve a arquitectura do MRR (Mecanismo de Recuperación e Resiliencia) e á indefinición do REACT EU xa podemos agardar sentados... https://www.lamoncloa.gob.es/presid... Chiguintos tipo Eixo Atlántico para vivir do conto os vindeiros anos vai haber dabondo // Para garantizar la correcta ejecución y canalización de los fondos se reforzarán y crearán estructuras de ejecución, seguimiento y coordinación que permitirán la colaboración interministerial, público-privada, con las comunidades autónomas y con las entidades locales Así que os 500.000 € en PROPAGANDA van ser un chiste en comparación coa burocracia baleira que se nos vén enrriba dende Moncloa !!!