Por que a prohibición da caza do lobo ten dividido a media España?

A prohibición da caza de lobos creou unha fronte común entre gandeiros, agricultores e a administración autonómica xunto con outras CCAA. Ecoloxistas, conservacionistas e organismos públicos para a preservación do medioambiente cren que a especie está en perigo e por tanto, a súa protección é unha necesidade de cara manter o equilibrio do ecosistema. A proposta tamén abriu diferenzas entre os ministerios de Agricultura e Transición Ecolóxica con posturas moi enfrontadas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 11/02/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O lobo aínda non figura dentro da listaxe de especies en réxime de especial protección, por tanto, até que sexa incluído,  as batidas organizadas para a súa caza poderán continuar por ser de momento, especie cinexética baixo circunstancias especiais. O temor das explotacións gandeiras é que agora o lobo teña “impunidade” para atacar animais domésticos. Este punto é o máis discutido polos movementos ecoloxistas e vinculados á conservación do medioambiente. Consideran que os danos ao gando son froito de desequilibrios creados polo ser humano nos hábitats naturais, á parte de intereses ligados á percepción de compensacións e axudas económicas por danos atribuidos ao lobo.

Lobo ibérico
Lobo ibérico | Fonte: Wikipedia

POSICIÓNS ENFRONTADAS

Desde que o lobo sexa incluído entre as especies de especial protección xa non se poderá cazar segundo o Real Decreto 139/2011, até ese momento as batidas poderán seguir organizándose” di Belén Rodríguez de ADEGA. As batidas son actualmente o sistema polo que se tenta pór límites á presenza do cánido salvaxe. “Esas batidas son autorizadas de maneira moi laxa pola Xunta de Galicia, que ten competencias en materia de caza”.

“Estamos diante dunha decisión errada, pouco elaborada e que non se fundamenta en datos obxectivos” declara Luis Fidalgo, vicepresidente da Federación de Caza de Galicia. Fidalgo cre que non se analizaron as diferentes dinámicas do logo ao norte e ao sur do río Douro. “Son totalmente distintas porque mentres en Andalucía por exemplo, este animal case non se ve, no norte as mandas de lobo son máis vigorosas” é dicir, que manteñen dinámicas reprodutivas máis intensas. Fidalgo estima que non se poden crear normas iguais para todos os territorios en canto non se valoran as peculiaridades entre as diferentes áreas con presenza de lobo.

A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) xunto con outras organizacións agrarias cualifican de “ataque á España baleirada” a decisión que quere adoptar o Ministerio de Transición Ecolóxica. “Os gandeiros con animais no monte xa van co temor de ver cabezas de gando ou mortas ou danadas polo lobo” di o presidente de ASAGA, Francisco Bello. Os danos á cabana gandeira foron a orixe das axudas que se outorgan a propietarios e propietarias mais “só palía en parte as perdas”. Belén Rodríguez ve necesario axilizar o pagamento de ditas axudas en tempo e forma e con contías xustas.

Un lobo ibérico do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, en plena Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semilibertad e. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un lobo ibérico do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, en plena Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semilibertad e. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A Consellería de Medioambiente a preguntas de Galicia Confidencial asegura que “a inclusión do lobo no Lesrpe suporía a prohibición xenérica da súa caza nesta parte do país, dificultando máis aínda a autorización de accións cinexéticas cando o lobo ameace intereses gandeiros e mesmo poñendo en risco o futuro dalgunha raza autóctona”. O departamento de Ángeles Vázquez engade ademais que as políticas impulsadas nos últimos anos nesta materia “teñen como obxectivo buscar a compatibilidade entre a existencia de lobos en Galicia, a gandaría extensiva e a viabilidade das explotacións, garantindo un equilibrio”. Sobre o argumentario que presentará a Xunta fronte a decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica, a resposta é que os servizos xurídicos aínda están traballando sobre este punto.

POPULISMO CO LOBO?

O biólogo Xabier Vázquez Pumariño ve detrás das actitudes dos gobernos galego, asturiano, cántabro e de Castilla y León unha postura electoralista e “populista”. “Onde hai lobos o peso do voto rural ten hiperinflación, porque nalgunhas zonas os escanos decídense en concellos moi pequenos por unha diferenza de tres ou catro votos”. E que hai sobre o dano ás explotacións gandeiras? “Os últimos datos de que dispoño falan dun total dun millón de euros para todo o Estado en perdas por lobo durante o ano pasado”.

Vázquez Pumariño entende que detrás da postura de Galicia, Asturias, Cantabria e Castilla y León, hai unha “demagoxia populista que usa o lobo para non falar de problemas no rural como a caída de rendibilidade de especies gandeiras, falta de infraestruturas como escolas, centros de saúde, falta de seguridade coa eliminación de postos de Garda Civil”, ademais da caída dos prezos agrarios. A ecuación para este biólogo é que o problema do lobo serve para “ocultar” problemas máis agudos no rural que as administracións non saben ou evaden resolver.

Cremos que as CCAA contrarias á postura do Ministerio de Transición Ecolóxica, non souberon xestionar a convivencia entre explotación rural e vida salvaxe” estima Belén Rodríguez. Para ADEGA non está demostrado que a caza sexa unha vía que facilite a convivencia entre agricultores e lobos, “é como un efecto placebo”. “Cremos que son necesarios mellores planos de control da especie, iso non significa o investimento de máis diñeiro” di Luis Fidalgo que remarca as “constantes queixas dos gandeiros”.

“Cremos que pode haber un número asumible desta especie e cando non sexa así, debe haber medidas para o seu control” segundo Franciso Bello, quen ve unha “axuda inestimable dos cazadores quen están facendo o traballo” de control. Preguntado sobre se o lobo pode axudar a controlar outros animais salvaxes como o xabaril, Bello cre que o lobo non é capaz de controlar ao porco bravo. Medio Ambiente responde que o lobo “é o único depredador do xabaril e consecuentemente exerce unha presión depredatoria sobre esta especie”. Non obstante, esta acción é “insuficiente dada a enorme prolificidade, a capacidade de adaptación a calquera medio do xabaril”.

A polémica sobre a protección do lobo abriu frontes mesmo dentro das administracións públicas. Os sectores favorables á súa exclusión da listaxe de especies cinexéticas cren que os intereses económicos e políticos están a crear presión en diferentes organismos para que isto non suceda. Cazadores, gandeiros e algunhas autonomías non ven nada positivo nas propostas que valora o ministerio de Teresa Ribera, pois como din desde Medio Ambiente da Xunta, CCAA en contra deste plan “concentran máis do 95% dos lobos do país e ademais tamén teñen unha importante actividade gandeira”, polo que non ven necesario aplicar unha norma que ven prexudicial.

En tal caso, a diverxencia de posturas é moi marcada segundo o sector afectado, por iso desde un e outro bando consideran necesario a revisión de todas as leis e normas relativas á protección da vida salvaxe, así como a mellora da convivencia entre esta última e as explotacións agrarias e un investimento máis decidido no rural. Polo de agora, o lobo segue sendo especie cinexética e as posturas están moi enfrontadas.


Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, en plena Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semilibe. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico en localidade de Robledo de Sanabria, en plena Serra da Culebra (lugar de maior concentración deste cánido no Sur de Europa). O Centro alberga 11 exemplares deste animal en situación de semilibe. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta