Por Alicia Casas | Compostela | 12/07/2021 | Actualizada ás 22:00
Os porqués polos que alguén camiña cara Compostela son moitos e aínda que hoxe en día case todos eses motivos converxen nun, o turismo, non foi sempre así e mesmo agora non acaba de selo. E a diferenza doutros camiños particulares e infinitos, un paseo en domingo por exemplo, no de Santiago non hai lugar ao "camiño polo camiño". Igual que hai porqués hai unha meta.
"A peregrinación ás veces convírtese nun exilio no que o esforzo realizado se convirte nunha acción depurativa, nunha penitencia que se cumpre co tempo". Iso escribe a historiadora francesa Adelline Roucquoi no seu libro "Mille fois à Compostelle". Nel relata as distintas historias dos distintos peregrinos que, na Idade Media, sobre os pés ou a cabalo ou en barco, vivían os perigos e aventuras de emprender a "Santa viaxe" cara o sepulcro do Apóstolo Santiago.
A especialista en Historia Medieval fala dese Camiño como acción depurativa ao referirse non só a aqueles peregrinos que expiaban así os seus pecados, senón tamén a aqueles que viaxaban a Compostela tras unha sentenza xudicial que os afastaba, exiliaba, como castigo. Esta forma de condena non apareceu ata as últimas décadas do século XIII en Flandes e no sur dos Países Baixos e desapareceu entre finais do século XVI e principios do XVIII, segundo recolle Adelline Roucquoi na súa obra.
Santiago non era o único lugar escollido e moitas veces condenábase ao delincuente a facer varias peregrinacións consecutivas a distintos santuarios. París, Roma, Colonia, Xerusalén, Rocamadour, Oviedo... entre outros, eran destino. Segundo explica o historiador José Miguel Andrade Cernadas, especialista tamén en Historia Medieval e profesor na USC: "aínda que Santiago non era especial parece ser que si foi un destino especialmente sinalado para eses penitenciais". "O demo foi mil veces a Compostela" dicían os predicadores parisinos a mediados do século XIII (e escribe Adelline Roucquoi) e aínda así, subliña Claude Gauvard en "État et société en France à la fin du Moyen Âge", estes penitenciais non supuxeron máis do 1,5% das peregrinacións totais.
Falsificacións, herexías, blasfemas, alteracións da orde pública, revoltas comunais ou burguesas, incendiarios, violencias diversas, crímenes de sangue, violacións ou adulterio son algúns dos delitos que se condenaban con estes penitenciais e que se recollen en "Mille fois à Compostelle". A estes exilios condenábase tanto á sociedade civil como ao clero. E tamén dicir que no 1287 "La Paix des clercs" en Liège estipulou que o criminal que derramara sangue nunha igrexa debía partir cara Santiago e no caso de non verter sangue o destino sería Rocamadour. En relación ao Camiño que facían mulleres e homes, di José Miguel Andrade Cernadas que "probablemente a gran diferenza entre homes e mulleres sería que as mulleres viaxarían en grupo por razóns de seguridade".
Moitos e diferentes son os casos destes peregrinos/delincuentes que documenta Adelline Roucquoi. O do cura de Hamme na diócese de Chichester, que por manter relacións sexuais reiteradas con diversas mulleres foi condenado no 1283 polo arzobispo de Canterbury a tres peregrinacións: Santiago, Roma e Colonia. O dos cinco burgueses de Namur que peregrinaron a Compostela despois da rebelión contra Guy Dampierre, no 1293. O das dúas mulleres inglesas que peregrinaron a Santiago no 1325 unha por adulterio e outra por incesto co seu fillo. Ou o da muller de Brabant que xa no século XV emprendeu a viaxe por embruxar ao seu veciño. E os dous homes que viaxaron dende Bari, culpables un de homosexualidade e outro por pedofilia. Son algúns.
Había tamén agravantes e está o caso do mozo danés que matou ao seu tío nun ataque de ira. Foi condenado a camiñar espido, cun pau, con cadeas que ataban os seus pés e mans e sen dereito a pedir esmolas. Debía dirixirse a Roma, Santiago, Terra Santa e máis dun santuario en Escandinavia.
Sobre se os condenados emprendían ou non a viaxe pouca evidencia hai e "a obriga de realizar a peregrinación nun prazo determinado deu lugar rapidamente ao fraude". Ás veces, escribe a historiadora francesa, a purga dos pecados realizábase "mesturando a peregrinación expiatoria e a peregrinación vicaria". Di José Miguel Andrade Cernadas: "parece ser que había bastante picaresca e había quen facía este tipo de prácticas en terceira persoa, o que se chama 'peregrinación por procuración': pagar a alguén para que fixera o Camiño no seu nome, co cal estaba desvirtuando o tipo de castigo".
Pero o que antes era castigo agora é terapia e os presos dos cárceres preferirán camiñar a facer o Camiño en terceira persoa. A condena á peregrinación forzosa desapareceu no século XVIII pero recuperouse nas últimas décadas do XX e hoxe son bastantes as prisións que seleccionan a reclusos que emprenden a viaxe cara Compostela. Un dos primeiros cárceres españois que puxo a camiñar aos reclusos foi o penal de Mallorca, que leva case 25 anos facendo o Camiño de forma ininterrompida (salvo o ano pasado por mor da pandemia). Cada ano 12 internos, seis ou sete acompañantes do centro penitenciario e catro ou cinco da Pastoral Penitenciaria emprenden a viaxe. Organiza a Pastoral, capitanea o Sacerdote- Director Jaume Alemany, que explica que "non é unha excursión máis, é un programa moi consolidado con obxectivos ben determinados e moi pautados".
Dende o aspecto físico: a natureza, o aire libre, a adquisición de hábitos de vida saudables, coñecer as túas capacidades físicas, as túas limitacións. Dende o aspecto social: compatir habilidades, o recoñecimento dos demais como alguén que camiña contigo, o diálogo. Dende o espiritual: a reflexión, a realización persoal, o contacto cun mesmo. Son os beneficios do Camiño para os internos que enumera Jaume Alemany e pon o foco nun: "en primeiro lugar eles teñen que convencerse, e isto custa un pouco ao principio, que non levan escrito na fronte que son presos". Engade: "e crer que están libres, que camiñamos libres, para superar ese concepto de que sempre os están vixiando, porque na prisión hai cámaras pero aquí somos libres".
O Sacerdote- Director da Pastoral Penitenciaria de Mallorca destaca que ás veces "non deixa de ser un pouco extraño" cando se atopan con xente na ruta. Porque aínda que "eles teñen o comportamento máis normalizado posible non é habitual que os grupos estén tan organizados e, claro, ás veces preguntan de onde vimos". "Non é que se trate de esconder nada pero tampouco tempos por que identificarnos como internos, eles son internos pero tamén son outras cousas".
Jaume Alemany explica que o importante da selección de presos para o Camiño é que sexan internos aos que lles quede un tempo de condena porque non se trata dunha "viaxe de fin de carreira": "trátase de que a partir dos vínculos que se crean, non só entre eles senón tamén con nós, se poida continuar un itinerario de reinserción". Sobre o perfil de presos, di, son "persoas que cometeron delitos o suficientemente graves como para pasar un tempo en prisión pero tampouco delitos que causen alarma social, como poden ser delitos de sangue, sexuais ou de violencia machista".
"O problema é que isto poida afectar ás vítimas ou á sociedade, que se move moito polo morbo e non tanto pola reinserción ou tamén moito máis pola vinganza ou polo instinto que por un tratamento basado en programas infinitamente probados".
Sobre se a actividade podería ser útil, ou posible, para un perfil de presos máis conflitivo, contesta: "eu estou convencisísimo e aínda que entendo que isto cause alarma social e Institucións Penitenciarias non esté polo labor, sendo realistas estos delitos graves non son problemáticos nesta actividade en concreto, porque non se dan as circunstancias". Subliña: "polo que é difícil levar a este tipo de xente é porque existe outro xuízo, que é o de pensar que son persoas que non merecen reinserción".
Jaume Alemany conta que hai dez ou doce anos fixeron os chamados "Camiños pola liberdade", no que distintas prisións por distintos camiños chegaron a Santiago o mesmo día. O ano que vén, xa está plantexado e con boa disposición por parte da Catedral de Santiago, farán o "Xubileu dos reclusos" coa representación das prisións que queiran, un camiño conxunto.
Dos penitenciais na Idade Media, do exilio forzoso, di: "o Camiño de Santiago como condena non estaba tan mal pensado, porque o que facía era separar ao vitimario e á vítima. Agora facémolo metendo ao que delinque nun depósito ao que chamaos prisión, é bastante máis humano mandalo a camiñar e cunha meta... En fin, que non estaba tan mal plantexado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.