PSdeG ve "desbordada" a Atención Primaria e Podemos denuncia "colapso sanitario"

Pablo Arangüena reivindica o compromiso con Galicia do Goberno de Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2021 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, alertou este venres da situación da Atención Primaria, e de sistemas como o de rastrexo da pandemia, á vez que cualificou de "cortina de fume" as reflexións realizadas polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen avogou pola vacinación obrigatoria de sanitarios e coidadores de maiores nunha entrevista con Europa Press.

En rolda de prensa, denunciou "o mal funcionamento dos teléfonos COVID ou do sistema de rastrexo", do que Arangüena dixo que "estamos á cola". Tamén lembrou que hai unhas semanas Galicia foi "a terceira comunidade con máis incidencia entre poboación nova" e que a Atención Primaria "está desbordada".

Por iso, considera que Feijóo "trata de apartar a atención dos problemas importantes". Arangüena considera que a vacinación dos sanitarios é un problema "moi pequeno", xa que a "inmensa maioría están vacinados". "Está inventado un debate ficticio para tapar os problemas reais da sociedade galega, iso é algo que fai sistematicamente o señor Feijóo", afirmou.

INVESTIMENTOS EN GALICIA

O vicesecretario xeral do PSdeG reivindicou que "o Goberno está a cumprir con Galicia como non cumpriu ningún Goberno do PP", facendo fincapé no sete anos do mandato de Rajoy. Arangüena sinalou que "máis aló das palabras están os feitos", e puxo como exemplo a rebaixa das peaxes da AP-9, que cualificou como "un feito histórico para Galicia".

Tamén lembrou outras medidas como o avance das obras do AVE ou os fondos anti Covid, subliñando que Galicia é "a quinta comunidade do Estado" en canto á cantidade que recibe, estando esta cantidade "moi por encima do seu peso poboacional".

INVESTIMENTO NA CORUÑA

O socialista mostrou a súa satisfacción polos investimentos realizados durante esta lexislatura na Coruña, afirmando que "o que é bo para A Coruña é bo para Galicia". Destacou algunhas obras na cidade como a da ponte da Pasaxe, a reforma da Ría do Burgo, o ferrocarril ao porto exterior ou a Cidade do TIC.

Arangüena, en rolda de prensa.. PSDEG
Arangüena, en rolda de prensa.. PSDEG | Fonte: Europa Press

PODEMOS GALICIA

Por outra banda, Podemos Galicia tamén vén de denunciar o colapso sanitario nos centros de saúde galegos en plena quinta onda da pandemia debido á falta de persoal médico e de enfermería, e apoiará todas as mobilizacións que se están a convocar nos concellos para denunciar os recortes e esixir ao Goberno de Feijóo o reforzo da sanidade pública galega. 

"Estamos a ver ao longo das últimas semanas como os ambulatorios non teñen capacidade para atender á totalidade das demandas das usuarias do Sergas, así como que aumentaron as listas de espera para a atención telefónica", denuncia a formación nun comunicado.

Así, sinala que "este caos" materializouse fai pouco nunha denuncia dos médicos de Pontevedra por vía penal, segundo informou o Colexio Oficial de Médicos da provincia, e algúns ambulatorios como o de Sanxenxo ou o do Seixo están saturados e ao límite das súas capacidades, froito do desmantelamento do PPdeG. 

“A situación á que a Xunta está a someter ao persoal de Atención Primaria é intolerable. Sen coberturas vacacionais, dobrando quendas e cunha insoportable sobrecarga de traballo que está a pasar factura á súa saúde mental”, denunciou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino. “Non teñen recursos para atender a todos os pacientes, os seus servizos son mínimos e ven como a Xunta de Galicia ignora a súa precariedade laboral e segue recortando a sanidade pública”, apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A estas alturas está clara a utilización da pandemia como moeda política por ambos bandos. O que non comprendo é como tendo un Goberno Sánchez de Vacacións esta tropa se permite criticar o funcionamento das Autonomías (?) Existe algunha autonomía na que non haxa colapso sanitario (?) A atención informática do Goberno Central na xestión dos ERTEs ou na tramitación do Ingreso Mínimo Vital foron acaso un modelo de xestión eficiente (?) En plena expansión da quinta ola é segura a celebración do Marisquiño en Vigo (?) Os que tanto falan igual deberan poñerse a traballar !