Catro anos da gran vaga de incendios de Galicia: "a prevención mellorou moi pouco dende entón"

Alcaldes da 'zona cero' botan en falta apoio da Xunta, que prevé comezar a tramitar en 2022 unha lei anunciada a raíz dos incendios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2021 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

A vaga de incendios que arrasou en outubro de 2017 preto de 50.000 hectáreas nunha semana e provocou catro mortos cumpre catro anos con retos pendentes como: unha nova lei de incendios, melloras na xestión do territorio e executar actuacións comprometidas --como un cinto verde para Vigo ou un gran parque forestal en Nigrán--.

Segundo explican a Europa Press fontes da Consellería de Medio Rural, prevese que o proxecto de lei comece a súa tramitación no primeiro semestre de 2022. Actualmente, desenvólvense "con normalidade os traballos da súa redacción", despois de celebrarse diversos grupos de traballos cos propios profesionais do servizo e coas universidades.

"Quedan moitísimas cousas pendentes, pero fíxose moito", deste xeito reflexiona o alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez (PSOE), catro anos despois dun outubro que situou á parroquia de Chandebrito como unha das 'zonas cero', pois alí faleceron dúas octoxenarias que quedaron atrapadas nunha furgoneta.

Valora que as comunidades de montes de Camos e Chandebrito teñen unha "convicción clara do que queren" cun novo modelo de bosque. Durante estes anos plantaron máis de 25.000 árbores que non son especies pirófitas. Este domingo, 17 de outubro, Chandebrito acollerá un acto (11,30 horas) polo cuarto aniversario dos incendios coa plantación dunhas "500 árbores" autóctonos en Chans de Rapadouro.

Mentres, en Chandebrito recuperáronse "todas" as casas queimadas e fixéronse franxas de seguridade "con miles de árbores plantadas que non ten nada que ver co previo aos incendios de 2017". "Deses incendios todos foi negativo, pero fíxonos pensar que iamos en mal camiño", razoa.

"APOIO CASE INEXISTENTE DA XUNTA"

Pola súa banda, o municipio das Neves foi outro dos lugares onde o lume atacou con maior virulencia, pois chegou a arrasar o 90% do seu territorio, unhas 5.000 hectáreas. O alcalde, Xosé Manuel Rodríguez (BNG), valora como "moi positivo" o traballo realizado neste tempo polos veciños, pero ve "bastante negativo o apoio case inexistente da Xunta", que "é a que ten competencia forestal".

O rexedor das Neves recrimina que ata o ano pasado non se puxeron en marcha "pequenas accións", véxase unha aldea modelo "en fase incipiente" e un proxecto con fondos europeos que "xerará unha área de aproveitamento agroforestal". Pide "sensibilidade" á Xunta para un plan de rexeneración do monte "nun territorio especialmente damnificado", pois seguen "sen estímulos para retirada de eucaliptos que arderon e van rebrotando".

LECCIÓNS PARA O NOVO ESCENARIO DE MEGAINCENDIOS

Precisamente, este ano publicouse o libro 'Unha nova xeración de lumes? Actas do coloquio galacio-portugués sobre incendios forestais', coordinado polo catedrático de Edafología e Química Agrícola Francisco Díaz-Ferros Díaz-Ferros, por mor da serie de conferencias que se realizaron en xaneiro de 2018 tras os lumes que Pedrógão Grande (Portugal) e a onda de 2017 na comunidade galega.

Durante a presentación do libro hai uns meses, Díaz-Ferros xa avisaba de que a prevención de incendios "progresou moi pouco" en Galicia desde a vaga de lumes, á vez que advertía dos perigos que supón a nova xeración de incendios, que axuntan un maior poder de propagación cunha afectación á interface urbano-forestal.

Sobre o perigo dos novos megaincendios, os expertos determinan que nos lumes de 2017 "máis de 80.000 edificios e 85.000 persoas estiveron a menos dun quilómetro dun incendio". Esta obra fai consideracións ao novo escenario que pasan por que, "dado o carácter de risco sistémico do incendio forestal en Galicia, fai falta unha visión transdisciplinar que considere ese risco dunha maneira máis integral, en conexión con diferentes usos da terra, e onde os aspectos socioeconómicos e ecolóxicos sexan máis tidos en conta".

Nesta liña, no libro recóllense diferentes artigos. Nun deles, Juan Picos Martín avisa de que nas "políticas sobre territorio rural debería facerse especial fincapé na xestión da carga de combustible". E é que desde 2017 Galicia viviu outros grandes incendios forestais con miles de hectáreas calcinadas, como os de Dodro e Rianxo (en marzo de 2019) ou os deste verán na Ribeira Sacra.

Zona queimada nun incendio en Chandebrito.. EUROPA PRESS - Arquivo
Zona queimada nun incendio en Chandebrito.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta