Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 12:45
A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, informou de que a conserveira Jealsa, con sede en Boiro, acumula tres sancións da Xunta entre 2020 e 2022, que suman 14.500 euros, por verter residuos á ría de Arousa. En concreto, en decembro de 2020, foi sancionada con 5.000 euros por superar o límite imposto no parámetro de nitróxeno amoniacal. En maio de 2021, foron outros 5.000 euros tamén por superar o límite de nitróxeno amoniacal e por sólidos en suspensión. Finalmente, en febreiro de 2022, multouse con 4.500 euros por nitróxeno total e amoniacal.
A problemática desta clase de sancións é que apenas supoñen impacto nas contas dunha empresa que, de acordo co remitido uns meses atrás á prensa, chegou a facturar 701 millóns de euros en 2020. En consecuencia, as cifras das sancións impostas pola Xunta dende entón non chegan an 0.03% da facturación dun só ano.
En calquera caso, Gutiérrez expuxo as sancións na Comisión de Pesca do Parlamento galego, na que a deputada Rosa Pérez (BNG) censurou que houbo unha "infinidade de denuncias" de veciños da zona sen que a Xunta "tomase cartas". Lembra que a Fiscalía de Medio Ambiente abriu investigación por esas verteduras de Jealsa á ría, mentres avisaba de que "non consta" exercicio de potestade sancionadora da Administración galega.
Nesta liña, Rosana Pérez censurou que as actuacións da Xunta respecto dos vertidos "non se destacan precisamente pola súa dilixencia e moito menos pola súa contundencia". Sobre esas chamadas de veciños pola contaminación de Jealsa, a responsable de Augas tamén explica que se ten que "demostrar a culpabilidade", pois existen investigacións do Seprona nas que se determina que do inspeccionado non se pode concluír a orixe de punto de verteduras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.