Oposicións baixo sospeita en Touro: "copiaron as preguntas dunha web e pasáronas polo tradutor automático"

Unha aspirante denuncia que o tribunal copiou "toda a proba" despois de recibir "suculentas dietas" para elaborala. O Concello ampárase na "capacidade do tribunal para escoller as preguntas" e négase a repetir unha proba que rematará escollendo ao beneficiario da praza por sorteo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/03/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cae a sombra da sospeita sobre unhas oposicións celebradas no Concello de Touro. O consistorio coruñés acolleu o pasado día 15 unhas probas de selección que agora se sitúan no centro da polémica tras as reclamacións de varios participantes por aparentes “irregularidades” no seu desenvolvemento. O Concello, que buscaba un auxiliar administrativo para un posto temporal, está acusado de acoller unha proba plaxiada, con distintas “faltas de respecto” aos opositores e que rematará sorteando o posto ofrecido.

Oposicións ao corpo superior da Xunta
Oposicións ao corpo superior da Xunta | Fonte: XUNTA.

Así o asegura unha das participantes no proceso, que contactou co Galicia Confidencial xornadas atrás para facer chegar un caso de posible “prevaricación”, segundo destaca. A problemática do exame en cuestión céntrase en dous aspectos: o dubidoso proceder dos membros que compuxeron o tribunal e as acusacións de plaxio que penden sobre o exame; esta última de gran relevancia porque, segundo apunta a mesma fonte, os responsables da selección cobraron dietas "suculentas" por elaborar a proba.

“O exame xa empezou con mal pé”, explica esta opositora, que prefire permanecer no anonimato. A muller asegura que o tribunal chegou “máis dunha hora tarde” e, unha vez na sala, fixeron pasar aos aspirantes “de un e un e amosando o DNI”, no canto de facer un chamamento en voz alta por nome e apelidos. “Este feito supón unha alteración do principio de transparencia que debe rexer calquera proceso público, xa que se podería dar a situación de que posteriormente na lista de aprobados aparecera un aspirante que nin sequera se tivera presentado á proba”, incide a fonte.

ACUSACIÓNS DE PLAXIO

Con todo, o auténtico cerne da polémica fíxose evidente ao ter o exame diante. A persoa consultada polo Galicia Confidencial decatouse entón de que o exame estaba copiado “na súa totalidade” doutras probas á que ela mesma tivera acceso. “Das 80 preguntas máis 5 de reserva, as 50 primeiras eran exactamente iguais, cos erros incluidos, cos puntos e as comas, na mesma orde, ao exame de auxiliar administrativo realizado na Mancomunidade de Ordes o decembro pasado”, incide a muller. Pero as acusacións de plaxio non rematan aí.

“As preguntas 51 a 64 coinciden totalmente cun exame de outubro de 2020 realizado no Concello de Melide”, se ben cunha modificación xa que lle foi engadida unha cuarta resposta ás cuestións. “Finalmente, as preguntas 65 a 85 foron copiadas, imaxinamos que pola parte do tribunal correspondente ao Concello de Touro, dun exame do concello toledano de Puebla de Almoradiel, posiblemente sacado da web de test de oposicións daypo.com, pois atopalo foi tan sinxelo como buscar unha das preguntas en Internet”.  “Á parte de non molestarse en redactar as preguntas, tampouco se complicaron moito á hora de copialas literalmente doutro exame”, ironiza a muller.

Como consecuencia deste aparente plaxio, os opositores enfrontaron un exame cargado de erros ortográficos “traducido polo tradutor automático”, que os obrigou a “xogar ao Dígocho eu”. A problemática estriba en que, de acordo coa opositora, os responsables do tribunal cobraron “unha suculenta dieta” por desenvolver a proba. Galicia Confidencial contactou co Concello de Touro para inquirir se os pagos foran publicados e acceder a eles, pero non obtivo resposta do ente municipal.

Pero o Concello si deu resposta ás alegacións de distintos opositores, que á parte do plaxio da proba denunciaron a presenza de dez preguntas “claramente fóra de temario”. O consistorio recoñeceu erros de transcrición en tres cuestións das 80 que compoñían a proba, pero escudouse na capacidade do tribunal para "escoller as preguntas" cando foi inquirido polo aparente calco doutros exames. "O tribunal entende que a reclamante está a facer un xuízo de valor. Non considera o tribunal que existira ningunha irregularidade", inciden.

SORTEO

Noutra orde de feitos, as probas de Touro poderían situarse nun limbo legal dubidoso por ter contado cun membro do tribunal sen praza fixa. A información achegada ao Galicia Confidencial --e que o xornal tentou contrastar, sen éxito, co Concello-- apunta ao presidente dos examinadores como “un funcionario do grupo C1 que actúa como secretario municipal de forma transitoria tras a xubilación en decembro do secretario titular”. Malia semellar unha circunstancia inocua, resulta que a Lei 2/2015, do 29 de abril do empleo público de Galicia contén un apuntamento que podería impedir esta circunstancia e botar por terra o proceso.

Trátase do artigo 59, que dá conta do proceso para escoller o órgano de selección dos aspirantes. No seu punto segundo, déixase claro que “en ningún caso poden formar parte dos órganos de selección: a) o persoal de elección ou de designación política. b) O persoal funcionario interino ou laboral temporal. c) O persoal eventual”. O carácter transitorio do presidente do tribunal como secretario podería invalidar a proba por obvios motivos.

Na xornada do día 29 o consistorio fixo pública a relación de cualificacións, que dá como gañadora a unha persoa "que xa se presentara a outros procesos en distintos concellos" e sen lazos coñecidos coa administración local. Con todo, a fonte consultada polo GC vén de apuntar que tal aspirante decidiu renunciar á praza, de feito que o Concello terá que realizar un sorteo entre os 2º, 3º e 4º aspirante por contar todos eles coa mesma nota. 

SOSPEITAS DE PREVARICACIÓN

Remate como remate o culebrón desta proba pública, resulta xa difícil borrar a sombra do enfuchismo á que apunta a fonte consultada. “No concello de Touro é habitual que se dean este tipo de situacións en probas de acceso a empregos públicos, froito do caciquismo imperante desde hai anos”, incide a opositora.

Detrás das sospeitas de prevaricación está o vello ruxe-ruxe que axexa os procesos selectivos a nivel municipal. Por iso agroman as suspicacias cando a fonte consultada explica que parte do seu exame viña copiado doutro da Mancomunidade de Ordes no que resultou vencedora “con diferencia de nota considerable” unha persoa que nas últimas eleccións municipais “ía nas listas do Partido Popular de Frades”. Ou que “nunha convocatoria pasada similar a esta a candidata coa nota máis alta, fora casualmente a filla dun funcionario do concello, o que agora mesmo actúa como Secretario Accidental”.

“Hoxe en día é fácil comprobar a traxectoria nas oposicións de calquera persoa e, aínda que se poidan dar casos, os que xa temos algunha experiencia na preparación, sabemos que polo xeral non se dan casos de xente que saque a mellor nota dun proceso a primeira vez que se presenta, e moitos menos en procesos de concellos, onde o temario soe ser amplio e difuso e o tempo entre a convocatoria e os exames ás veces non pasa nen sequera dun mes”, incide a fonte, que di levar “varios anos dedicados a preparar oposicións, investindo moitas horas, cartos e enerxías”.

Galicia Confidencial contactou co Concello de Touro para coñecer se o consistorio estaba ao tanto das acusacións de plaxio sobe o exame, a aparente incompatibilidade do secretario e coñecer a retribución dos membros do tribunal. Aínda que nun primeiro momento este medio puido falar con persoal do consistorio, unha vez formuladas as preguntas non recibiu máis resposta que o silencio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Nos exames e oposicións, coma no exame de conducir, falar de plaxio non ten sentido ningún. Que caian as preguntas que estudiaches é ao que todo o mundo aspira... Se o Mir, ou as oposicións de notarías, fosen diferentes e oriixinais cada ano, as prazas non se cubrirían.