Denuncian venda a perdas no sector da carne e o leite

Unións Agrarias Federación Rural Galega lamentan a situación e piden á Xunta que "habilite a partida comprometida polo anterior presidente, Núñez Feijóo".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/05/2022 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, apremou á Xunta a que implemente axudas para o sector do gando vacún de carne, un sector que "vende a perdas". O mesmo denunciou o coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza.

García puntualizou que "hai un compromiso de Bruxelas de poñer diñeiro do fondo de emerxencia para os sectores en crises como consecuencia da guerra de Ucraína".

Un gandeiro verte o leite despois de que a industria láctea tivese que parar a súa actividade a partir do 17 de marzo de 2022, en Vilela, Outeiro de Rei, Lugo
Un gandeiro verte o leite despois de que a industria láctea tivese que parar a súa actividade a partir do 17 de marzo de 2022, en Vilela, Outeiro de Rei, Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

"O Ministerio de Agricultura habilitou 54 millóns de euros para o sector do leite e 11 millóns para o da carne. Está pendente que a Xunta habilite a partida comprometida polo anterior presidente, Núñez Feijóo, de pór a metade do que poña o Goberno central", lembrou.

O dirixente agrario volveu protestar porque se segue "producindo a perdas e segue habendo un diferencial grande entre o que custa producir e os 5,20 que se poden estar a pagar, neste momento, por Tenreira Suprema".

Pola súa banda, o coordinador de sectores gandeiros da Federación Rural Galega, Elías Somoza, denunciou que se segue producindo leite "a perdas".

Somoza alertou, á vista deste escenario, que o sector está "moi tocado e moi afectado pola suba de custos". O tamén responsable de FRUGA en Lugo admitiu que "si houbo suba do prezo que se pagaba por litro de leite, pero esa suba veu acompañada dunha suba moito maior dos custos de produción".

"Volvemos estar nunha situación de dificultades económicas para moitas explotacións, e máis agora que estamos en campañas de desembolsar moito diñeiro, como é a campaña de ensilado ou de sembra de millo", alertou.

Os prezos, engadiu, "están disparados, desde os custos de sementeira, insumos, pensos e logo tamén os carburantes". Ademais, apuntou que estes problemas se verán nunha redución de granxas de leite, "xa só quedan 6.800" en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta