Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2022 | Actualizada ás 19:37
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, defendeu o funcionamento do transporte escolar en Galicia ante as críticas do BNG ao mesmo, que non o considera "xusto" nin "ecuánime" co rural respecto dos estudantes de Bacharelato e Formación Profesional.
Ante unha pregunta oral exposta polo BNG no pleno do Parlamento galego, Rodríguez cualificou o sistema de transporte dun "orgullo" para Galicia, "máis aló dalgún problema puntual". "Pór en cuestión un servizo que leva posibilitando desde hai décadas o acceso á educación do rural é realmente atrevido", reivindicou.
O BNG asegurou que existen problemas na área de Curtis co transporte para os estudantes de bacharelato e formación profesional, que "teñen dereito á educación aínda que vivan no rural" e que "non teñen por que apañarse con taxis, coches compartidos ou prazas que sobran doutras educacións". "Demandamos seriedade e equidade", esixiron.
A este respecto, o titular de Educación lembrou que a Xunta inviste 120 millóns de euros no servizo, que transporta a algo máis de 80.000 alumnos todos os días, con servizo en 774 centros, con 14.000 paradas e miles e miles de rutas. "Estamos a falar do 5% do alumnado, que supón un custo de practicamente un 22%", comentou.
Rodríguez sinalou ademais que o servizo se presta a medias entre a Consellería de Educación e a de Infraestruturas e que está "orientado a atender ao ensino obrigatorio e a aqueles que se atopen a máis de dous quilómetros do centro educativo". "Se eses requisitos se cumpren, non hai ningún problema. Se non, habería que modificar toda a distribución. E logo, para rutas de mobilidade, os mozos teñen á súa disposición o cartón Xente Nova", remarcou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.