Por Galicia Confidencial | Verín | 15/12/2022 | Actualizada ás 09:00
A programación de Nadal en Verín faise posible complementando o traballo que se fai dende o concello e dende a entidades locais como a Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER). Na presentación do pasado 9 de decembro, a concelleira de Festexos, Emilia Somoza, agradeceu o seu traballo sinalando que axudan "a dinamizar o noso Nadal colaborando na creación desta completa programación que, sen dúbida, supón un claro exemplo de cooperación en beneficio da nosa vila".
O pasado 12 de decembro tivo lugar a inauguración do tradicional Belén da Viruca e o acendido da iluminación da vila. Como novidade, instalarase o Tren de Nadal de Verín, un vehículo eléctrico infantil con percorrido circular en vías, que estará na Praza García Barbón de Verín durante todas as festas para o desfrute da cativada.
OUTRAS ACTIVIDADES PROGRAMADAS
Como vén sendo costume estes últimos anos, haberá presentacións literarias, concretamente dúas: a obra "Alejandro Viana. un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos" de Roberto Mero Covas e "Dende a ponte a Monterrei" do verinés Miguel Ángel Prieto Sotelo.
No apartado de música e artes escénicas hai varias propostas. Para os máis pequenos da casa O secuestro da Bibliotecaria de Sarabela Teatro; e para un público máis familiar dúas propostas: unha delas a cargo do Conservatorio de Música de Verín e outra a obra Sempre nos Quedará Venecia de La Caja de Pandora. Para público adulto está programando un concerto tributo a Pucho Boedo, da man de José Antonio Alvar & Burgas Big Band.
Como cada ano funcionará o Servizo de ludoteca “Ludonadal” --dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos-- co obxecto de facilitar a conciliación dos pais e nais e proporcionar aos menores un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal.
Como fin de programación, o 5 de xaneiro ás 18:00 h. terá lugar a Gran Cabalgata dos Reis Magos. Os nenos e nenas de Verín poderán gozar dunha espectacular comparsa composta por tres magníficas carrozas con animación musical e pasarrúas temáticos na que as súas maxestades percorrerán as rúas de Verín e, ao rematar, realizarán a tradicional recepción.
DINAMIZACIÓN DO COMERCIO LOCAL
Outro dos piares fundamentais da programación de nadal serán as actividades destinadas á dinamización do comercio local organizadas pola Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER), en colaboración co Concello de Verín. Segundo explicou o seu xerente, Miguel Ángel Rodicio, "ademais da campaña anual Os 6.000 de Verín, organizamos dúas actividades destinadas ao público infantís como son dúas xornadas de divertidos xogos inchables e tamén recuperamos este ano a nosa tradicional Gala de Nadal de AEVER chea humor, maxia e música".
A programación completa con horarios de cada unha das actividades está dispoñible na páxina web do Concello de Verín.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.