Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2023 | Actualizada ás 13:44
O director do Instituto Galego de Promoción Económica, Fernando Guldrís, reivindicou o "mellor ciclo exportador" de Galicia durante a súa comparecencia en comisión para informar, por petición propia, da estratexia de internacionalización ata 2025 que aprobou a Xunta en setembro de 2021.
Pola súa banda, o BNG advertiu da "grave crise industrial" que atravesa Galicia e viu "claroscuros" no balance que presentou o alto cargo do Goberno galego, que é "triunfalista" a ollos do PSdeG. Pola súa banda, Guldrís subliñou que esta estratexia suma "outros 20 millóns de euros" este ano "para consolidar" este "mellor ciclo exportador da historia de Galicia".
Así, segundo indicou, á nova convocatoria do plan de misións comerciais --que destina 2,3 millóns a accións de internacionalización-- sumaranse, "nos próximos meses", as liñas 'Galicia Exporta' cun orzamento "conxunto" de máis de 10 millóns, o programa de xestores de internacionalización dotado con 1,5 millóns, unha segunda edición da aceleradora 'Galicia Avanza' e a apertura de novas antenas comerciais en Tokio e Dubai.
Estas antenas, segundo sinalou, prestaron, en total, máis de 1.400 servizos ás empresas galegas. Mentres, desde a posta en marcha do 'Galicia Exporta Empresas', en 2016, "apoiáronse case mil plans de promoción internacional cunha media de participación de máis de 240 empresas ao ano, o que supuxo unha axuda de 20,7 millóns".
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Por parte da oposición, o deputado do PSOE galego Pablo Arangüena recriminou ao director do Igape "estase a apuntar méritos que non son seus", polas exportacións de compañías como Stellantis e Inditex.
O nacionalista Ramón Fernández advertiu que o incremento do orzamento deste departamento é "seis veces menor" ao de Vicepresidencia e avisou do contexto de "grave crise industrial" que afronta Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.