Por Moncho Mariño | Santiago | 23/04/2023 | Actualizada ás 22:00
Causa Galiza abría a web o martes 18 de abril de 2023 coa nova da súa autodisolución. Non foron poucas as voces que apuntaban os operativos policiais contra Resistencia Galega como unha das causas. Outras fontes sinalan á disensión entre correntes no seo da organización. O caso é que o movemento independentista galego non chegou a callar dentro do país. Con todo, para coñecer o sucedido dentro da organización xa disolta, falamos con antigos membros que ofrecen un achegamento aos sucesos internos que levaron ao actual estado das cousas.
QUE PASOU?
Galicia Confidencial entrou en contacto con Pedro Alonso e Gabriel Lopes para que nos puidesen describir os motivos da autodisolución. Lembremos que durante seis anos foron unha plataforma soberanista para despois converterse nun partido político, mais, que fallou? “Os motivos son variados, como a disensión creada por diferentes visións, entre elas como afrontar a última operación xudicial contra Causa Galiza” di Pedro Alonso. “As diferenzas non se resolveron en ningún dos debates, mesmo tiveron forma de confronto que nunca se deran na organización” acabaron nunha división de camiños entre os e as compoñentes.
Indo cara atrás, o nacemento de Causa Galiza faise no contexto temporal do bipartito, cando socialistas e nacionalistas do BNG tentaron realizar a reforma do estatuto de autonomía. Foi aí cando a organización independentista entendeu que a simple reforma “non representaba a necesidade de resolución dos problemas do país”. Tempo despois, en 2013 pasou a ser unha forza política que “defende a causa da independencia do país e todo canto representa un posicionamento destas características”. Os posicionamentos doutras organizacións “son ambiguos, entón era hora de que unha organización galega asumise a vontade independentista e facelo con feitos concretos”.
Se as accións policiais foron un detonante ou acelerante cara a disolución, Gabriel Lopes apunta: “Non ten sentido volver ao pasado, o dano está feito, foi unha persecución que fixo un dano evidente”. Mais por outra parte, a asunción de posicións independentistas foi “unha grande aposta política e isto trae vulnerabilidade social e mediática” di Alonso.
Outro punto é a posible infiltración dos servizos de información das forzas de seguridade. Preguntados sobre isto din non querer entrar a valorar ese tema. Alén diso, xunguir a cuestión política da independencia á defensa de sectores produtivos e, en concreto, ás persoas que fan parte deles (traballadores, labregas, pescadoras, etc.), tivo resultados contraproducentes? “É importante entender a estrutura social deste país, a composición poboacional” apunta Lopes para remarcar que “precisamente se hai algo onde erraron organizacións soberanistas foi en darlle máis protagonismo a unha clase social determinada obviando o groso da poboación”.
Outra análise que fan é a escasa ou nula raigame política no país en canto a adoptar posicionamentos políticos por extensión, e soberanistas en concreto. “Movémonos nun abano de absentismo político moi considerable e unha análise que podemos tirar é se non traballas nunha dirección iso leva que non exista esa dirección” e isto, finalmente, leva á invisibilidade dunha opinión. “Falta pedagoxía política, se renuncias a ella, renuncias ao futuro da túa organización”, remata Alonso.
AGORA QUE?
A fase Causa Galiza está pechada, porén, as intencións de defensa do territorio contra “as agresións medioambientais, económicas, políticas e a defensa das clases máis vulnerables” son claves para “buscar novas fórmulas e por iso iniciamos un proceso que estrutura en base a foro militante para tomar decisións colectivas” apunta Lopes.
Albiscamos unha nova formación soberanista? “É preciso un movemento independentista ante o momento que vivimos e dentro da sociedade hai persoas para facelo”. Estase a retomar a fórmula de novo? “Os modelos deben ser máis horizontais, máis participativos e asamblearios” describe Gabriel Lopes quen remarca “si cremos en que hai persoas polo labor”.
“Tomamos a consideración de que se existía a demanda exterior de configurar un espazo independentista, entón, por que non iamos recoñecer que unha organización cumpriu unha etapa histórica?” di Alonso. “Agora ábrense outras posibilidades para facilitar a reconfiguración dun espazo político”. “Fai falta unha forza política para axendar cuestións, necesitamos dotar a base con ferramentas e perspectivas necesarias para alimentar ese proceso”, remata Lopes.
Sen concretaren máis, ambos os dous antigos membros de Causa Galiza deixan ver que existe o ánimo de continuar co movemento. As análises realizadas parecer permitir enxergar algún novo proxecto, mais aínda non hai nada concreto polo deducido das súas palabras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.