Por Galicia Confidencial | Verín | 26/04/2023 | Actualizada ás 09:00
No edificio modernista que albergou dende 1927 os Almacéns Recaredo Romero, adquirido polo Concello de Verín co obxectivo de converterse en Museo do Viño de Galicia, atopáronse valiosos documentos: Prezos e tipos de uva, censos gandeiros, modelos de propiedade da terra e todo tipo de detalles sobre a historia agraria da bisbarra nas décadas centrais do século pasado. Técnicos do Museo do Viño de Galicia e da D.O. Monterrei realizaron unha primeira inspección dos mesmos, e desenvolverán agora tarefas de conservación, inventariado e restauración, para polos no futuro ao dispor dos investigadores.
Seguindo cos traballos devanditos atoparon tamén, no despacho do comerciante e financeiro local, varias ducias de tomos de pormenorizada documentación sobre transaccións agrarias, especialmente de viño e gandeiría, dos anos centrais do século XX da comarca de Monterrei, incluíndo os documentos de creación da Cooperativa de Monterrei.
Para consolidar e restaurar os milleiros de documentos atopados, algúns afectados pola humidade e nun estado delicado, o Concello de Verín xa estuda a fórmula de colaboración co Museo do Viño de Galicia, que conta cos especialistas de conservación oficial e instalacións adecuadas para elo, e coa D.O. Monterrei para a súa preservación.
Recaredo Romero foi un dos grandes propietarios de Verín, e en 1965 fundou xunto a outros emprendedores que querían impulsar unha nova dimensión enolóxica na comarca, a “Cooperativa de Monterrey”, coas mellores instalacións do momento na localidade de Albarellos. En dúas décadas de expansión, chegou a mercar 4 millóns de quilogramos de uva ao ano a 600 viticultores da comarca, constituíndose así no xermolo da actual D.O. Monterrei.
Ademais, mantivo unha importante actividade comercial por toda a comarca, que abarcaba desde actividades gandeiras, financeiras, agrícolas --destacando o viño-- e comerciais de todo tipo. A documentación atopada é, segundo os técnicos, “unha interesantísima fonte de consulta sociolóxica e económica para doutorandos e investigadores do futuro sobre as condicións e evolución da economía agraria da comarca de Monterrei en pleno século XX”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.