Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2023 | Actualizada ás 13:34
O BNG considera "raquítico" o teito de gasto e advirte de que "non compensa" a subida de prezos e anticipa uns orzamentos "insuficientes para afrontar a crise social e reactivar a economía".
O incremento, segundo destaca, "é case a metade que en 2023", polo que o Bloque avanza un "intenso traballo" para incorporar axudas sociais ante a escalada do IPC. Resalta a "hipoteca" de 14.500 millóns que "deixa o PP" e considera o teito de gasto "unha mordaza que limita a capacidade de gasto de Galicia a pesar de ter que financiar a sanidade ou a educación".
Ademais, ironiza sobre o feito de que "cada ano o Goberno do PP defina os orzamentos que presenta como históricos". O Consello da Xunta deu luz verde ao teito de gasto non financeiro para 2024 este mércores, con 13.257 millóns de euros, 637 millóns máis que en 2023 (+5%).
PSdeG
Pola súa banda, o PSdeG reclama á Xunta que empregue "todos os recursos orzamentarios ao seu alcance" para levar adiante "a transformación económica cara a un modelo ecolóxico e dixital" e "blindar" uns servizos públicos "de calidade".
A deputada Begoña Rodríguez Rumbo pon en dúbida a capacidade de xestión do PP á fronte do Goberno galego e critica así que "desaproveite" o maior teito de gasto da historia de Galicia ao reducir impostos "aos millonarios" e levar a débeda "ao máximo histórico".
Ademais, lembrou que a maior parte dos recursos dispoñibles proceden do sistema de financiamento e dos ingresos finalistas do Estado, aos que suma 508 millóns de euros do programa de recuperación do Goberno central.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.