Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2024 | Actualizada ás 15:16
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns as convocatorias de axudas para proxectos de fomento do uso da lingua galega nos centros de educación regulada non universitaria para o curso escolar 2023/24 cunha dotación económica conxunta de 385.000 euros.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, explican nun comunicado, convoca cada ano esta liña de axudas para "contribuír a financiar as actividades que realizan os equipos de dinamización do galego e o profesorado dos centros da comunidade".
Con estas accións, apuntan, o Goberno autonómico "busca reforzar a dimensión comunicativa do galego en contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta escolar que lle axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz".
Os centros interesados deberán presentar as solicitudes entre o 16 de xaneiro e o 15 de febreiro a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta.
A solicitude deberá ir acompañada dunha copia do proxecto e un cadro resumen das actividades previstas e, no caso das subvencións para centros privados, da documentación fidedigna acreditativa da representación. Indican que o financiamento máximo que poderá recibir cada centro será de 1.000 euros no caso dos públicos cunha matrícula superior a 35 estudantes e dos privados cunha matrícula superior a 50.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.