18F.- Os case medio millón de residentes no exterior, cruciais para decidir quen gobernará en Galicia

Os partidos, moi presentes nos países con máis galegos en previsión dunha nova alza de participación na segunda cita sen voto rogado

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2024 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O 17,7% dos 2.693.624 galegos que poderán votar nas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, case medio millón de persoas (476.514), residen no exterior, mentres que 2.217.110 viven en territorio galego. Constatado o volume ante unha nova cita coas urnas, a segunda sen voto rogado tras os comicios xerais de xullo de 2023, os partidos esperan expectantes comprobar a participación.

Entre tanto, á marxe do volume que en si mesmo representa o voto emigrante, o censo de residentes ausentes (CERA) definitivo para o 18F, que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE), reflicte tamén un incremento dos rexistrados en relación ao censo das últimas xerais --cunha alza de máis de 4.000 persoas--.

Por circunscricións, a provincia da Coruña é a que rexistra un maior número de electores CERA 164.8421; seguida de Pontevedra, con 138.182; Ourense, con 103.832; e Lugo, con 69.658.

E en canto ao 'top cinco' de países, segundo o número de potenciais electores que residen no estranxeiro, Arxentina segue á cabeza con moita diferenza, xa que computa 166.289. Séguenlle Cuba e Brasil, onde se superan os 45.000. Mentres, Uruguai computa 37.165; e Suíza, o primeiro país alleo ao continente americano no ranking, 34.114.

A CERA reflicte así o peso porcentual que teñen os residentes no exterior á hora de decidir sobre o futuro Goberno autonómico, un feito que avala unha ollada ao histórico de eleccións celebradas na Comunidade. Non en balde, cando Manuel Fraga perdeu en 2005 a maioría absoluta fiou á emigración a posibilidade de subir ata o escano 38.

DO FIN DA ERA FRAGA Á MÁIS AMPLA MAIORÍA DE FEIJÓO

O foco estaba na provincia de Pontevedra, pero o reconto do voto exterior certificou o fin da era de Fraga á fronte da Xunta. Catro anos máis tarde, en marzo de 2009, o seu sucesor, Alberto Núñez Feijóo, logrou sumar 39 dos 75 escanos da Cámara autonómica na noite electoral. Posteriormente, o voto emigrante rebaixaría a súa maioría absoluta a 38 actas, ao gañar o PSOE uno por Ourense en detrimento do PPdeG.

Ao agora líder do PP, en cambio, nas autonómicas de xullo de 2020, as últimas ás que se presentou en Galicia, o apoio dos emigrantes permitiulle o seu máis ampla maioría absoluta ao chegar ás 42 actas no hemiciclo galego --o reconto do sufraxio na diáspora inclinou esta vez a balanza ao seu favor ao arrebatar un escano ao PSdeG en Pontevedra, que sumou o PPdeG--.

VOLVERÁ A SUBIR A PARTICIPACIÓN SEN VOTO ROGADO?

As eleccións xerais de xullo foron as primeiras sen voto rogado para a CERA e a participación subiu. Agora, fontes do tres partidos con representación no hemiciclo galego (PPdeG, BNG e PSdeG) esperan expectantes para comprobar se haberá unha maior mobilización do voto emigrante tamén o 18F.

O procedemento regulado --segundo as instrucións ditadas-- determina que os electores galegos no estranxeiro poden emitir o seu voto ben por correo ata o 13 de febreiro ou depositando o sufraxio nas urnas habilitadas nos consulados entre os días 10 e 15 dese mesmo mes.

O Ministerio de Exteriores explicou que se se está de paso no estranxeiro, o elector deberá darse de alta como non residente, encher o impreso de solicitude de documentación electoral e envialo a través da oficina consular. A continuación, recibirá no domicilio indicado a documentación electoral por correo postal e votará por correo á mesa electoral correspondente en España.

Para os residentes no estranxeiro, se se está no censo definitivo --xa concluíu o prazo de reclamacións--, a recepción da documentación no domicilio é automática e, ratificadas as candidaturas (foron proclamadas esta mesma semana), poderase descargar a papeleta para o voto correspondente.

A IMPLICACIÓN DOS PARTIDOS

A relevancia do voto emigrante vese no histórico de eleccións e todos os partidos son conscientes diso. De feito, as fontes de PPdeG, BNG e PSdeG consultadas por Europa Press ratifican o contacto e presenza de dirixentes dos seus respectivos partidos de diferentes niveis nos últimos meses e mesmo ao longo destas semanas.

Ademais, como partidos que dirixen os Gobernos de Galicia e España, respectivamente, os populares e os socialistas manteñen unha rede institucional de contacto cos concidadáns, sobre todo nos países con maior presenza emigrante.

Rede que, por outra banda, adoita suscitar as suspicacias dos nacionalistas, dado que perciben que, sobre todo en países americanos, utilízase esa presenza institucional máis para tecer unha relación "clientelar" ligada ás necesidades asistenciais que para velar polos dereitos da diáspora.

O feito é que un repaso á axenda dos membros do Executivo que dirixe Alfonso Rueda nos últimos meses constata que se envorcaron non só con ordes de axudas, senón tamén con viaxes á emigración --o propio presidente estivo a finais de outubro visitando á diáspora en Suíza e Liechtenstein--.

Pero tamén a nacionalista Ana Pontón visitou Suíza na primavera do ano 2023, e a eurodeputada do BNG Ana Miranda fíxoo leste mesmo fin de semana. Acompañada do alcalde de Xenebra, Alfonso Gómez, de orixe galega, e doutros dirixentes visitou a exposición 'Taxi Compostelle' sobre a emigración galega en Suíza, e mantivo un encontro coa colectividade.

Fronte ás dúbidas do compromiso real coa emigración, fontes do PPdeG, que confían en que suba de novo a participación tras a eliminación do voto rogado, defenden que o PP ten "unha permanente presenza" no exterior como organización política e non só na campaña, ou nos períodos preelectorais previos --sobre todo nos países con máis presenza de galegos--.

Estas semanas, os populares tamén continúan trasladando aos galegos do exterior as súas propostas xerais e as específicas en materia de emigración e retorno, ademais de informar sobre quen son os seus candidatos. Un deles, Antonio Rodríguez Miranda, responsable do PP no exterior e ata hai poucos días secretario xeral de Emigración na Xunta, concorre na candidatura ourensá.

Mapa do censo electoral galego para as eleccións do 18 de febreiro.. INE
Mapa do censo electoral galego para as eleccións do 18 de febreiro.. INE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta