Por Amanda Fernández | Lugo | 28/05/2024 | Actualizada ás 22:00
"Comezamos mal xa porque o ideal sería ter comezado a sementeira no seu tempo", comenta Camilo Maus, agricultor sobre o cultivo de pataca na comarca da Limia. A realidade pola que atravesan dista moito de ser o habitual para esta época do ano froito do cambio climático existente. "O cultivo está moi retrasado, xa tiña que estar todo sementado, estase empezando a sementar", indica, xa que o ideal é sementar a pataca "entre mediados de abril e mediados de maio". Agora xa fala de case xuño, máis ca de maio, "debido á cantidade de choiva de todo inverno que deixou a capa freática moi alta" e máis a "estas últimas choivas de fai pouco".
O agricultor explica que en Galicia se sementa a pataca "nun ciclo tardío" e non temperá, como se fai noutros sitios de España como Sevilla ou Cartaxena. A razón é que se almacena moito mellor. A situación que deixa este retraso tradúcese en posibles consecuencias para a futura colleita, tal e como explica: "Na pataca ao ir tarde, depende de como veña o verán, xa que se rega, o problema é despois á hora de cumprir o ciclo cara a finais de setembro ou xa outubro, co cal se vén o inverno cedo, poden quedar patacas sen colleitar".
OS GASTOS E A ESCASEZA DE SEMENTE
O panorama semella canto menos incerto, Camilo expón que a pataca é un cultivo que ten uns gastos moi grandes asociados a súa plantación: "Precisa fertilización de elevado coste e se non se colleita, teriamos perdas moi grandes, xa non cobre gastos e se queda sen coller, suporía unha auténtica ruína". Nesta liña, sostén que non lembraba verse nesta situación de atraso, onde non se puido traballar a terra ata aínda agora case. "Non recordo tanta choiva na primaera, o ano pasado si que é verdade que choveu moito, pero a plantación xa estaba feita", comenta.
Outro punto no que fai fincapé e na propia semente, un problema "moi grande" debido a que este ano escaseou e "houbo pouca oferta e a que se vendeu, bastante cara". Afirma que a semente xa se trouxo a finais de febreiro, cando o normal sería a mediados de abril, e a pataca ao non estar en cámaras, "perde moitas calidades para a sementeira". Así, incluso se tivo que rexeitar algunha por non estar en boas condicións. A maior parte da semente vén de certicadoras españolas de semente e outra de empresas extranxeiras.
Camilo cultiva nun terreo, o da comarca da Limia, onde se dan as "condicións idóneas" para a produción de pataca e por iso é "prezada en cantidade de sitios". Sementa dúas variedades predominantes, a Kennebec, de carne branca, que presenta un ciclo máis curto e que se dedica "aos cachelos, coa denominación de Indicación Xeográfica Protexida que ten a Pataca de Galicia". A outra sería a agria, de carne amarela, que supón "case o 60 ou 70% do que se sementa por ser moi polivalente e valer tanto para frito como para consumo". De igual forma, ten moitas saídas e consérvase mellor ata máis tarde, e como indica, "é a máis solicitada a nivel de fábricas de fritir ou consumo e a que máis se sementa".
"ISTO ALGO CAMBIADO SI QUE ESTÁ"
Ten unha explotación pequena e familiar, que foi de xeración en xeración, primeiro o seu avó, logo o pai e agora colleu o relevo. A súa realidade é que aínda non comezou a sementar porque os terreos están moi húmidos. Conta con comezar á semana que vén, xa que aínda están co trigo, que tamén debía estar xa feita. "Agora parece ser que cada vez chove, faino en cantidades máis grandes de auga que antes e ao mellor agora temos un verán no que non cae unha gota, isto algo cambiado si que está", comenta en relación ao tempo.
Camilo non se atreve a falar a estas alturas de como será a colleita, "xa que é moi cedo e inflúen moitísimos factores". Explica que hai xente que ten aseguradas as colleitas ante as perdas. Porén na maioría dos casos, como non é cousa de que se estragaran coa auga, senón de que se sementa tarde, isto non o cobre ningún seguro. "Aínda non sabemos como vai ser a colleita nin nada, pero hai que arriscarse porque é o noso medio de vida e teremos que agardar que non veña o inverno moi cedo para poder colleitalas", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.