Allariz presenta unha chea de actividades para gozar do verán

Festival de Xardíns, festival de danza, roteiros temáticos, deporte, xogos populares, Festa da Empanada, espectáculos infantís, festival RIR... encherán a axenda de veciños e visitantes que se acheguen á vila do Arnoia de aquí a setembro.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 09/07/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Queremos que Allariz sexa o lugar onde todas as veciñas e veciños poidan gozar dun verán cheo de cultura, diversión e moita vida!", explicaba Cristina Cid, alcaldesa do Concello de Allariz acompañada por Alberto Conde, concelleiro de Cultura; María López, concelleira de Promoción Económica; e Carlos Puga, concelleiro de Deportes, na presentación da programación de verán días atrás.

Presentación das actividades de verán en Allariz 2024. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación das actividades de verán en Allariz 2024. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

En xullo, tanto veciñas e veciños como persoas visitantes poderán continuar gozando do XIV Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano ten como tema "O Xardín é unha obra de arte". Este evento estenderase a o 31 de outubro, convertendo a Allariz nun fermoso escaparate de arte floral.

PROPOSTAS PARA O MES DE XULLO

Do 11 ao 14 de xullo, celebrarase a tradicional Festa de San Bieito en diferentes espazos de Allariz, enchendo as rúas de música e ledicia. Nos vindeiros días serán presentadas as actividades programas para esta data en Allariz.

O sábado 20 de xullo, continúan os Roteiros Temáticos de Allariz, achegando ás persoas que así o desexen a descubrir "A Lingua das Bolboretas", película que foi rodada en Allariz en 1998, convertendo as rúas nun estudio de cine e á veciñanza en parte das protagonistas. A quedade será na Oficina de Información. Máis información en www.allariz.gal/turismo/roteiros-tematicos/.

A campaña de escavación na Cibdá de Armea 2024 desenvolverase do 15 ao 26 de xullo, e o domingo 21 de xullo, a Praza do Matadoiro acollerá o festival de danza e movemento ABANEA. A Festa da Patria celebrarase o mércores 24 de xullo nos Xardíns do Museo do Coiro cunha actuación do Cuarteto Par de Par ás 21:30h, seguida dun concerto de Os Vacaloura á medianoite.

AXENDA PARA AGOSTO

En agosto, a diversión continúa co espectáculo "Marta Sempre Arriba: Hoxe Si!!!" o venres 2 ás 20:30h na Praza do Matadoiro. O sábado 3 de agosto, O Mato será o escenario da Fornada no Mato, acompañada pola música de De Pé Feito.

Do 5 ao 8 de agosto, o Campo da Barreira acollerá as previas do Campionato de Billarda- Senior, culminando coa final o mércores 14 de agosto ás 19:00h. Previo a esta final, durante a mañá do 14 será o Campionato de Billarda-Infantil ás 11:00h.

O sábado 10 de agosto, outro Roteiro Temático guiará ás participantes pola historia de Romasanta e os días 17 e 18 será a Festa da Empanada con actividades en varios lugares da vila.

Este mes tamén haberá 2 importantes eventos deportivos: o Tríatlon Vila de Allariz --17 de agosto--  e a Regata Provincial de Piragüismo o 18 no Embarcadoiro da Alameda. ás 18:00h. Como remate a este evento haberá un concerto de Brincadelia Troupe ás 22:00h nos Xardíns do Museo do Coiro, e unha discomóbil ás 23:30 h.

FESTIVAL RIR, ARTE DE MAN E FEIRA DE PRODUTOS APÍCOLAS

O verán pecharase en setembro co RIR --Festival Internacional de Curtas de Comedia--, que terá lugar do 1 ao 7 de setembro en diferentes espazos de Allariz. O evento, que chega este ano á sétima edición, xa conta co cartel anunciador, unha obra de Alba Santa, e presentará o programa completo o 31 de xullo.

O domingo 8 de setembro chega o tradicional Mercado de Artesanía Arte de Man, un evento consolidado que xunta na vila a artesáns de toda Galicia enchendo as rúas de creatividade. E despois da artesanía, chega o momento da aplicultura coa Feira dos Produtos Apícolas --14 setembro--. Ese mesmo día está programado un novo Roteiro Temático, nesta ocasión referido ás "Personaxes Senlleiras" de Allariz. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta