Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 10/07/2024 | Actualizada ás 15:11
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reiterou a súa solicitude de manter un encontro co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para "coordinar proxectos" na cidade, que necesiten da implicación da administración municipal e autonómica.
Segundo informou o rexedor a través dun comunicado remitido aos medios, a reunión serviría para "fixar os obxectivos do goberno municipal para este novo mandato autonómico, naquelas iniciativas que requiren coordinación coa Xunta", ademais de para "solicitar a súa colaboración en diferentes proxectos para desenvolver na cidade de Ourense". Jácome xa pedira unha reunión con anterioridade e esta semana reiterou a solicitude, a través da Delegación da Xunta en Ourense.
Segundo lembrou o rexedor, Alfonso Rueda estivo mantendo nas últimas semanas unha rolda de citas con alcaldes e alcaldesa das principais cidades de Galicia, como Lugo, Santiago, A Coruña ou Vigo, e tamén con presidentes das Deputacións provinciais. Por iso, recalcou a importancia deste encontro, xa que hai asuntos de Ourense "que é necesario abordar sen maior dilación".
A última reunión oficial mantida entre ambos foi a celebrada en outubro de 2023 pero, indicou Jácome no seu comunicado, "o novo escenario orixinado polas eleccións autonómicas e o inicio do novo mandato do presidente da Xunta, coa estabilidade que lle outorga un goberno con maioría absoluta" fai "aínda máis necesaria e conveniente" esa reunión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.