Alerta na gandaría: o aumento das temperaturas está a incrementar o número de casos da enfermidade hemorráxica epizoótica

O Sindicato Labrego Galego (SLG) demandou este luns á Consellería de Medio Rural que tome medidas como, por exemplo, a asunción de gastos veterinarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2024 | Actualizada ás 16:37

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) demandou este luns á Consellería de Medio Rural que tome medidas ante o aumento de animais enfermos polo contaxio da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), como, por exemplo, a asunción de gastos veterinarios. Dado que a infección vírica se transmite a través dos mosquitos, e tal e como recolle a entidade no seu comunicado, "o aumento das temperaturas nestes últimos días está a provocar unha maior actividade". En especial, no grupo bovino.

Nesa liña, o sindicato lembrou que a enfermidade supón "grandes perdidas" que estima que "poidan chegar a superar os 20 millóns de euros para todas as granxas que se van ver afectadas". Así mesmo, engadiu que a situación que está a ter lugar prodúcese nun momento "de vulnerabilidade económica" para as gandarías, afectadas pola baixa de prezos nos sectores cárnico e lácteo.

A DEMANDA DO SINDICATO

A parte da morte dos animais que contraen a infección, a expansión da enfermidade supón para os gandeiros a adquisición de tratamentos antiinflamatorios, antibióticos e produtos preventivos que, segundo o sindicato, poden alcanzar un custo de "400 euros por animal afectado".

Por iso, o SLG demandou que a Consellería de Medio Rural "lexisle con carácter inmediato" o facerse cargo do total dos gastos veterinarios derivados da enfermidade e promova información desde as oficinas comarcais de como previr os contaxios e actuar ante eles. A súa proposta diríxese en especial á conselleira María José Gómez Rodríguez, a quen a institución acusou de "obviar a solicitude de reunión" que o SLG lle propuxo tras o seu nomeamento.

Varias vacas nunha explotación agraria
Varias vacas nunha explotación agraria | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

O PPDEG LAMENTA AS MENSAXES "ALARMISTAS" DO BNG

Pola súa banda, o grupo parlamentario popular lamentou as mensaxes "alarmistas" do BNG sobre a enfermidade hemorráxica epizóotica en Galicia. Despois de que este luns a deputada nacionalista Sonia Vidal demandase á Xunta que tome "medidas urxentes" ante o incremento de casos desta infección que afecta ao bovino e acusase ao PP de estar "ausente ante a impotencia dos gandeiros", os populares galegos defenderon que o Goberno galego foi "pioneiro" en habilitar unha liña de indemnizacións para compensar aos gandeiros polos animais falecidos por mor desta enfermidade.

Deste xeito, destacou o PPdeG nunha nota de prensa, ata o momento facilitáronse indemnizacións por máis de 196.000 euros na comunidade galega. A estes fondos, sinalaron os populares galegos, sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinfectantes nas explotacións, pero, engadiu, para que estes fondos cheguen ao sector "tense que materializar o anuncio feito polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación" nese sentido.

Neste contexto, os parlamentarios populares lamentaron que polo momento a única administración que demostrou "estar á altura e que puxo diñeiro encima da mesa foi a Xunta". "Por parte do Goberno central só houbo un anuncio de futuras axudas por un total de 15 millóns de euros en toda España para finais deste ano, pero aínda están pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas, para que estas, á súa vez, cheguen aos gandeiros", reprocharon.

Pola contra, expuxeron, o traballo da Xunta foi "serio e rigoroso", demandando "un plan estatal coordinado ao MAPA, que non se chegou a aprobar, e que liderase, como lle corresponde, o labor a favor dunha vacina fronte á enfermidade". "O PPdeG e a Xunta están cos gandeiros e seguirán traballando con seriedade e determinación para afrontar a situación, sen xerar máis preocupación entre os titulares das explotacións, como parecen querer facer outros", concluíron os populares galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta