O Sindicato Labrego pide aprazar a vacinación da lingua azul ata que a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica estea controlada

O sindicato lembra que unha parte importante da cabana gandeira pasa esta doenza "sen apenas síntomas" e que, ademais, trátase dunha enfermidade que as reses non poden transmitir aos ser humanos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) reclamou a paralización ou adiamento da vacinación contra a lingua azul polo menos naquelas áreas afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, ata que esta estea controlada. A Consellería do Medio Rural, indicou o sindicato, sacou unha prórroga ata o 8 de setembro que permite ás granxas levar ao matadoiro (e a outros destinos como mercados, reprodución, etc.) a animais sans sen a pauta de vacinación completa en lingua azul, unha doenza que, do mesmo xeito que no caso da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica, non se transmite ás persoas.

O SLG solicitou a Medio Rural a ampliación deste permiso ata que sexa confirmada unha "baixada significativa de casos" de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), "que neste momento está en plena expansión chegando a cada vez máis comarcas galegas". Naqueles territorios nos que hai moitos casos de EHE, destacan, "o propio persoal veterinario está a recomendar, como mínimo, un adiamento da vacinación da lingua azul", dados os "efectos secundarios negativos que están a provocar todas as versións da vacina da lingua azul postas en circulación ata o momento".

O sindicato lembra que unha parte importante da cabana gandeira pasa esta doenza "sen apenas síntomas" e que, ademais, trátase dunha enfermidade que as reses non poden transmitir aos ser humanos. Por iso, cren que "se debe paralizar a vacinación nas zonas afectadas por EHE ou, canto menos, prorrogar a liberdade das granxas para poder decidir sobre a mesma ata que a incidencia da EHE estea controlada".

Varias vacas nunha explotación agraria
Varias vacas nunha explotación agraria | Fonte: Álvaro Ballesteros - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta