'Xantar' converte a Expourense no epicentro do Turismo Enogastronómico peninsular

A 25ª edición deste Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se fai do 24 ao 27 de outubro, contará con 90 expositores, 63 adegas profesionais, 5 restaurantes e 5 países representados. Entre as actividades paralelas destacar dous concursos que premiarán á mellor tortilla de pataca e á mellor hamburguesa de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 24/10/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Expourense converterase a partir deste xoves no epicentro do turismo enogastronómico peninsular coa celebración da 25ª edición de Xantar. O evento de referencia no seu sector contará con 90 expositores, 63 adegas expositoras e 5 países representados (España, Portugal, Perú Costa Rica e Australia). Ademais, haberá 4 restaurantes, 1 zona de tapas, 2 aulas gastronómicas, 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia, 1 aula de catas comentadas e un Túnel do Viño. Este último será de acceso profesional e presentará un total de 113 referencias de viños das cinco Denominacións de Orixe de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e da IXP Val do Miño.

Presentación de Xantar 2024. Foto: Prensa Expourense.
Presentación de Xantar 2024. Foto: Prensa Expourense.

ENTRADA E ACTIVIDADES PARALELAS DE BALDE

No que respecta ás actividades, Xantar reunirá a recoñecidos chefs que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no XIX Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 140 experiencias entre showcookings, catas comentadas, presentacións e degustacións. Esta edición contará con dúas aulas gastronómicas (a de Grupo Cuevas e a de Experiencias de Calidade by Bricocentro Paradelo) na que se impartirán máis de 50 talleres de cociña en directo. Haberá ademais unha aula na que se impartirán unha trintena de catas comentadas de produtos como viños, meles, conservas de peixe e marisco, queixos, augardentes e licores. Entre estas catas destacan as dos viños, queixos e meles premiados nas distintas Catas de Galicia organizadas desde a Consellería do Medio Rural.

Tanto a entrada ao recinto expositivo como a participación das diferentes actividades é de balde.

PREMIOS Á MELLOR TORTILLA E Á MELLOR HAMBURGUESA DE GALICIA

Campión de España do Concurso de Tortilla de Pataca. Foto: Prensa Expourense.
Campión de España do Concurso de Tortilla de Pataca. Foto: Prensa Expourense.

Nesta edición especial 25º aniversario, e como atractivos engadidos á ampla oferta que desgrega o programa, Xantar acolle o 1º Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia (cuxos gañadores participarán no Campionato de España de 2025) e o 1º Campionato Mellor Burger de Galicia (que conta con categoría profesional e amateur).

Trátase, en palabras da organización, de promover e elevar á categoría de gourmet dous pratos tan populares e socorridos como son a tortilla e a hamburguesa. Ademais de ser moi demandados nos locais de restauración de Galicia, a nosa comunidade gañou os últimos campionatos de España.

O Campionato da Mellor Tortilla de Galicia, que se celebrará o venres 25, contará coa participación dunha vintena de hostaleiros das catro provincias entre os que destaca Ramón Rodríguez, do Restaurante O Cabo da Coruña, recente gañador do Campionato de España de Tortilla de Patacas celebrado hai unhas semanas en Alacante.

Pola súa banda, o Campionato da Mellor Hamburguesa de Galicia está liderado polo chef Martín Fernández do restaurante ourensán Bágoa, gañador da “Mellor Hamburguesa Gourmet de España 2024”.

RESTAURACIÓN E ANIMACIÓNS

Xantar 2024 contará con catro restaurantes no formato habitual nos que se ofrece un menú pechado elaborado a base de produtos autóctonos de calidade do destino do que procede o responsable do restaurante. Este ano mantense ademais o restaurante “Xantar
Tapeando”
, unha gran “Zona de Tapas” con comedor central no que as visitas poderán elixir entre distintos tipos de comida axustando a elección ao seu apetito e orzamento.

No que respecta á oferta de animación, o xoves 24, ás 12:30 h. terá lugar o pregón a cargo do humorista e actor ourensán Sergio Pazos. E o resto de días están programadas diferentes actuacións folkclóricas e dous concertos moi interesantes. Un a cargo do Grupo A Roda, o venres 25 ás 20:30 h.; e outro a cargo do grupo Broken Peach, o sábado 26 ás 21:00 h.

O programa completo de actividades está na web de XANTAR 2024.

O horario de apertura será das 11:00 á 1:00 h. de xoves a sábado, e o domingo 27 de 11:00 a 18:00 h.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta