Rachando coa Historia das mulleres como nola contaron: "Durante o franquismo, as mulleres desbordaron os límites do espazo doméstico"

Galicia Confidencial fala hoxe con Uxía Otero González, doutora en Historia Contemporánea e investigadora posdoutoral do Grupo Histagra da USC, para reflexionar sobre os modos en que as mulleres, malia os intentos do réxime franquista por domesticalas, desafiaron as normas. "Cando vas os libros de multas, atopas que as mulleres tamén eran infractoras. Nun réxime ditatorial ateigado de normas, non parece difícil que algunhas ousasen transgredilas e tivesen que asumir as consecuencias", resalta.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 29/03/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Durante o réxime franquista, o papel das mulleres quedou constrinxido a un ideal de domesticidade que as relegaba ao fogar. A ditadura impuxo un modelo de feminidade baseado na obediencia, a maternidade e o sacrificio, tentando limitar a presenza das mulleres  no espazo público e no mundo laboral. Ou, máis ben, esa era o 'ser muller' que se procurou "fixar como norma e normal". Porén, a maioría das mulleres non só se encargaron dos coidados das familias, senón que traballaron dentro e fóra do espazo doméstico, resistindo desde o cotiá e contradicindo o ideal tanto como lles foi posible ou necesario. Galicia Confidencial fala hoxe con Uxía Otero González, doutora en Historia Contemporánea e investigadora do Grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), autora da tese 'Domesticando corpos femininos no franquismo (1939-1975): a (re)modelación da feminidade normativa e a súa encarnación sartorial na transición dos cincuenta', para reflexionar sobre os modos en que as mulleres, malia os intentos do réxime franquista por domesticalas, desafiaron as normas.

Muller mestra durante o réxime franquista
Muller mestra durante o réxime franquista | Fonte: Chat GPT

"A idea era cuestionar algunhas premisas sobre as mulleres nun período complexo que moitas veces se pensa como un monolito, cando o certo é que tivo moitas caras e se foi fisurando co paso do tempo. Ao final, non podemos pensar que foi para todas as mulleres igual, nin sequera os 40 anos do franquismo foron iguais, polo que debemos ir ao concreto. O meu obxectivo foi analizar como se foi remodelando o ideal de 'ser muller' que quería impoñer o réxime franquista e como as propias mulleres contribuíron a cambialo", explica Otero. A investigadora confesa que a ela había cousas que xa non lle cadraban cando se estudaba o franquismo en Secundaria ou na Universidade. "As mulleres no relato histórico sempre aparecían de xeito anecdótico e sempre se dicía o mesmo: que quedaran sen dereitos durante o franquismo e que non traballaron alén do fogar. O primeiro está claro, pero o segundo admite matices".

Otero sinala que "non fai falta ir a ningún arquivo institucional, senón unicamente pensar nas nosas nais, avoas e bisavoas, para dármonos conta de que as mulleres sempre estivo traballando, dentro e fóra da casa". Ante esta realidade que os manuais non reflectían, Otero preguntábase como era posible que sempre se dixese que as mulleres no franquismo non traballaran nin estudaran e sempre estiveran sometidas. Ao reparar nas investigacións de especialistas en historia das mulleres e de xénero, axiña se decatou de que non foran tidas en conta por boa parte da historiografía malia que levaban décadas reivindicando que, efectivamente, non era tan sinxelo: "unha cousa é o que o réxime esperaba das mulleres e outra o que acontecía na realidade". Foi así partindo de preguntas sobre as contradicións entre discurso e práctica que xermolou a tese de doutoramento desta investigadora.

"AS LEIS LABORAIS FRANQUISTAS DECRETARON QUE AS MULLERES RETORNASEN Á CASA, PERO ESPECIALMENTE AS MULLERES CASADAS"

No relativo ao mundo laboral, como expón a investigadora da USC, "fálase durante o réxime franquista de que a muller volverá á casa, pero especifícase que será a muller casada a que volva á casa, é dicir, que iso xa cambia radicalmente todo, porque significaba que as mulleres solteiras si podían saír traballar fóra da casa, porque entendíase que non tiñan cargas familiares, do mesmo xeito que as viúvas, porque non tiñan un cabeza de familia que as mantivese". En todo caso, "do que se trataba con ese ideal de domesticidade que se trataba de impoñer ás mulleres casadas era de asegurar a maternidade, unha das obsesións que tiña o réxime, que apostara por unha decidida política pronatalista, para facer fronte a unha poboación diezmada tanto pola Guerra Civil como polos anos da fame, nos 40". Así, "para asegurarse de que era posible facer medrar novamente a poboación, había que asegurarse tamén de que as mulleres volveran para a casa", sinala Otero, que, con todo, apunta a que "nunca se plantexou que fosen todas as mulleres as que volvesen ao fogar, pero si que esa idea foi a que callou no imaxinario colectivo, porque, dende logo, as que saían traballar fóra da casa tampouco o facían nas mellores condicións nin cos mesmos dereitos dos que gozaran en épocas anteriores".

Muller farmacéutica durante o réxime franquista
Muller farmacéutica durante o réxime franquista | Fonte: Chat GPT

Desta maneira, a investigadora resalta que "non é tan correcto dicir que a ditadura franquista fomentase que as mulleres quedaran na casa, porque o réxime tamén entendía que houbese situacións diferentes en función do estado civil da muller, da idade, da condición...". Agora ben, o que si é certo é que, mesmo para as mulleres que se atopaban traballando nalgún momento da súa vida, "o seu obxectivo debía ser sempre o poder volver á casa e deixar de traballar", buscando activamente un home co que casar, por exemplo. Ademais, Otero sinala un dato curioso: "Os censos de poboación do Instituto Nacional de Estatística (INE) á altura dos anos 50 sinalan que a actividade feminina estaba por baixo do 12 %, pero, realmente reflite esa porcentaxe o auténtico volume de traballadoras que había na época? Pois en realidade non". Por que? "Porque na práctica non houbo unha volta á casa real, aínda que si un intento de homoxeneizar socioprofesionalmente ás mulleres fronte aos homes, de tal maneira que, a persoa encargada de elaborar os censos, interesada en uniformizar os criterios, asignaba a maioría dos traballos realizados por mulleres sobre o censo ao apartado 'os seus labores' ou 'labores propios do seu sexo'", lamenta a investigadora.

"MOITAS MULLERES TRABALLARON FÓRA DA CASA, PERO MOITAS VECES EN TRABALLOS INFORMAIS E DE XEITO IRREGULAR"

Con todo, insiste en que "si houbo moitas mulleres que traballaron durante o réxime franquista fóra da casa, tendo traballos extradoméstico que, por outra banda, non sempre eran remunerados e, pola outra, eran realizados de maneira informal, sen un contrato de traballo polo medio, xa que tamén había unhas leis moi específicas con respecto aos contratos de traballo". Todo iso foi o caldo de cultivo perfecto para que moitas mulleres, a pesar de estar traballando fóra da casa, non figurasen nas estatísticas oficiais e fosen rexistradas nelas en función do seu estado civil, homoxeneizando así ás mulleres de maneira institucional e administrativa, pero deixando fóra moitas realidades, como por exemplo, as propias vendedoras ambulantes ou as que se adicaban ao traballo agrícola. Este último caso, resalta Otero, "era moi frecuente, e estas mulleres que traballaban o campo en propiedades familiares tamén quedaban fóra das estatísticas de traballo oficiais porque se supoñía que eses eran 'os seus labores'".

Agora ben, as mulleres que si se recollían nas estatísticas oficiais como traballadoras tampouco é que se adicasen a todo tipo de profesións, pois, segundo concreta a investigadora da USC, "tratouse dende o réxime de impoñer certos traballos para as mulleres solteiras, considerando algúns como moi aptos e axeitados para elas". Cales? "Se nos detemos a pensar, sempre eran aqueles que estaban moi relacionados cos coidados, como mestra de primeiras letras ou enfermeira --profesión que non chegou a considerarse carreira ata bastante tempo despois--, traballos nos que as mulleres estaban ben vistas", exemplifica Otero. Así mesmo, lembra que "tampouco se pode esquecer que houbo mulleres que estudaron en aulas universitarias durante o franquismo e que, sobre todo a partir dos anos 60, as universidades non deixaron de encherse de mulleres", como se pode observar nos propios libros de matrículas da USC. Con todo, tamén matiza que "isto non significaba que o estudo nas mulleres fose masivo, pois só estudaban unhas poucas, a maioría con apelidos pertencentes a familias de boa condición económica, e en carreiras amplamente feminizadas, como farmacia". E, segundo destaca, "unha cousa é que houbese mulleres que estudaron e outra que esas mulleres chegasen nalgún momento a exercer unha profesión", pois "moitas consideraron que as aulas universitarias tamén era un lugar no que atopar un bo candidato para marido, ou alo menos así o entendían as súas familias". 

"NOS ANOS 50 O RÉXIME FRANQUISTA BUSCA A REHABILITACIÓN INTERNACIONAL E, COA CHEGADA DE CAPITAL ESTRANXEIRO, CHEGAN NOVAS IDEAS E MODAS"

Con estas ideas de estudo na mente, Otero asegura que "empecei a darme conta de que na historiografía sempre se fala da Guerra Civil, da posguerra e dos anos 60, porque verdadeiramente houbo un cambio nesa data coa chegada do chamado 'desarrollismo' --como se lle deu en chamar á corrente de desenvolvemento industrial durante o franquismo--, pero a min interesoume moito tamén ver o que pasaba nos anos 50, anos moi significativos a moitos niveis, porque é o momento no que o réxime franquista busca a súa rehabilitación internacional despois de dar o seu apoio ás potencias derrotadas do Eixo". Entre os aliados que buscaba aparece o xigante Estados Unidos, no contexto da Guerra Fría. "O réxime precisa cambiar ante esa chegada de capital estranxeiro, ante esa chegada de novas ideas, ante esa necesidade de entrar en Nacións Unidas, ante o comezo da mobilidade non só a nivel de exilio e expulsión, senón tamén a nivel de turismo --que logo chegaría masivamente nos anos 60--", expón a investigadora, que sinala que, "xunto a esas ideas, tamén chegan a España persoas e modas que serven como ferramenta para observar como se foron dando os cambios".

Tanto é así que Otero consegue na súa tese, a través da evolución da vestimenta, ver tamén a evolución das liberdades das mulleres durante o réxime e a oposición a moitos dos seus valores. "Eu sempre defendo que a roupa non é algo banal ou superficial, pois ten significados históricos moito máis fondos", asegura a investigadora, que considera que, "de non ser así, as autoridades non estarían tan interesadas en codificar e regular a vestimenta, non só de mulleres civís, senón de militares e, por suposto, de relixiosas". E é que "o discurso eclesiástico estivo moi interesado en que as modas estranxeiras non cambiasen a moralidade pública que se impuxera dende o réxime", afirma. Deste xeito, ao longo da súa investigación, Otero consegue empregar a vestimenta como un fío condutor, atendendo ao que, como puido comprobar, "foi unha realidade moi diversa: dende logo nos anos 40 cambian moitas cousas en España e xa non era a mesma España que nos anos 30 nin tampouco a mesma España que acabou sendo nos 70, porque as cousas nunca comezan da noite para a mañá".

Ademais, resalta que, "mesmo nun contexto ditatorial, sempre hai xente que busca resistir e cambiar as cousas", polo que "non se pode restar valor a eses esforzos que fixeron as mulleres dende os espazos que atopaban, mesmo dende o ámbito cotiá, non necesariamente facendo unha oposición política". E como exemplo unha rapaza que, porque alguén da súa familia viaxara fóra de España, recibira como agasallo un vestido máis curto do que era habitual no país na época, pero que era a moda no exterior, e poñíao para saír á rúa. "En realidade, e sen sabelo, esta rapaza xa estaba facendo unha oposición, porque o cura ía protestar, as amigas ían mirar, a outra parte da familia ía criticar...", exemplifica. E como este hai moitos outros exemplos, que poñen de manifesto que, "ao final, hai moitas máis formas de protesta que a afiliación a un partido político", destaca. "Cando vas aos libros de multas da época ves moitas mulleres infractoras e unha das miñas hipóteses de traballo precisamente parte de que, se non houbese xente que infrinxise, tampouco habería esa obsesión por establecer normas e non sería necesario que ano tras ano se publicasen circulares nas que se establecía, por exemplo, como tiñan que ser os traxes de baño", resalta Otero, que considera que "isto é indicativo de que as propias autoridades eran conscientes de que as cousas estaban cambiando e de que era preciso reforzar as súas ideas".

"O IDEAL DE DOMESTICIDADE NON FOI EXCLUSIVO DO RÉXIME DITATORIAL DE FRANCO, TAMÉN SE FOMENTOU EN ESTADOS DEMOCRÁTICOS"

E malia que alguén pode pensar que ese ideal de domesticidade foi algo exclusivo do réxime ditatorial de Franco, o certo é que, como afirma a investigadora da USC, "había nocións que xa viñan de vello e houbo estados democráticos nesa mesma época que tamén avogaron polo retorno das mulleres ao fogar, como en Estados Unidos trala Segunda Guerra Mundial". Neste caso concreto, "as mulleres, que ocuparan as fábricas e os traballos que os homes deixaran cando foron chamados a filas, foron instadas a volver á casa unha vez rematada a contenda". Esta realidade, como sinala Otero, pódese observar moi ben na obra de Betty Friedan 'A mística da feminidade', na que expón como as mulleres estadounidenses dos anos 50 estiveron tamén sometidas a un discurso de domesticidade que as convidaba a deixar os seus postos de traballo para facilitar a reincorporación dos homes e paliar un alto desemprego masculino.

Deste xeito, "o que pensamos que é algo que só aconteceu na España franquista, en realidade non é tan así, e non debemos perder de vista o que pasaba noutros países do mundo occidental e alén deste". Pois, como moitas veces adoita dicirse, unha sociedade que esquece o seu pasado está condenado a repetilo, pero tampouco podemos obviar a visión de conxunto. "O simple paso do tempo non significa que sempre se avance cara diante e, en calquera intre, pode haber un retroceso de dereitos. Xeralmente, isto sempre afecta primeiro a aquelas persoas que tardaron máis en conseguilos. Neste caso falamos de mulleres, pero tamén podemos falar doutros colectivos minorizados que, en momentos de crise e ao abrigo de discursos de odio, ven limitada a súa existencia mediante leis, políticas de exclusión e persecución", reflexiona Otero. "É moi importante destacar que estas cousas non só aconteceron en réximes ditatoriais do pasado, senón que poden acontecer ou acontecen hoxe, tanto aquí como noutros lugares", conclúe a investigadora da USC.

Muller enfermeira durante o réxime franquista
Muller enfermeira durante o réxime franquista | Fonte: Chat GPT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta