Por X.M. Fernández | Monforte de Lemos | 14/07/2017 | Actualizada ás 00:56
Todo está en marcha para que o venres comece este evento que naceu coa idea de conmemorar os 25 anos da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Esta entidade xunto co Concello de Monforte de Lemos tiveron a iniciativa da organización e coinciden tamén na intención de darlle continuidade nos vindeiros anos.
A carón do Cabe e ao longo do Paseo do Malecón estarán dispostos os stands que darán acubillo a unhas 23 adegas para ofrecer aos visitantes os seus mellores caldos e licores, e tamén postos de artesanía. Moi preto desta zona, na Praza España, terán lugar os diferentes concertos musicais programados nos que destacan Susana Seivane e a formación de moda De Vacas.
Para os máis pequenos haberá obradoiros infantís e sesións de contos divulgativos. Os obradoiros están pensados para contextualizar a cultura do viño e potenciar o lado máis creativo dos rapaces construíndo barcos de rolla, broches de goma eva, cepas e cestos tradicionais. O narrador Anxo Moure encargarase da parte divulgativa e concienciadora a través dos seus contos educativos e interactivos: “Imos vendimar un conto!” e “Imos pescar unha historia”.
E para aqueles que queiran aproveitar o tempo e coñecer a zona hai programadas diferentes rutas enoturísticas, previa reserva, para o sábado 15 e domingo 16. O sábado ás 10.00 h. a ViñoRuta do Miño: “Sabor a Ribeira Sacra” e o domingo ás 10.00 h. a ViñoRuta do Sil: “Safari fotográfico Ribeira Sacra” e a Ruta “Do viño e da auga” ás 17.00 h. Reservas no teléfono 678693566 ou no correo festivalribeirasacra@gmail.com
A apertura de stands terá lugar o venres a partir das 18.00 h e o acto inaugural ás 20.00 h. coa presencia do Presidente da Deputación de Lugo e a Conselleira do Medio Rural. As actuacións musicais previstas para este primeiro día son Oîma ás 22.30 h. e Susana Seivane ás 00.00 h. O sábado ás 22.30 h. estará o Grupo Tanxugueiras e ás 00.00 h. De Vacas. O domingo ás 13.00 h. actuará a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e ás 22.30 o grupo Zoelas. E por se todo isto fose pouco estará tamén o programa da Galega “Aquí Galicia” na Praza de San Antonio o sábado 15 dende as 16.30 h.
Para seguir a actualidade do evento e coñecer ao detalle a programación podedes consultar no perfil de Facebook do evento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.