GC Aberto

Os deputados no economato

Os políticos teñen conferidos un conxunto de privilexios alleos á demanda da súa función representativa, que lles reporta un status especial con blindaxe de seguridade ante os contratempos e reveses que si ten que aturar estoicamente o resto da cidadanía.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 09/01/2019

Comparte esta noticia

Momento da votación da comisión de Angrois no Congreso
Momento da votación da comisión de Angrois no Congreso

 

Algo así como un economato é o que teñen á súa disposición as súas señorías na Carreira de San Jerónimo, xusto ao interior do Congreso dos Deputados, un establecemento no que os nosos representantes poden tirar de consumición a moito menor prezo que nos establecementos da contorna, mesmo inferior ao do seu propio custo. Vantaxosa prestación á que poden acollerse os beneficiarios porque aos  españois vía impostos repercútesenos o diferencial, ou o que é o mesmo, temos  de pagar relixiosamente 1.155.000 euros para que os deputados poidan seguir tomando canas de cervexa a menos de 1euro.

 

Algo máis do dobre que os 556.200 euros que os contribuíntes sufragaban xusto dez anos atrás, e por tanto, un incremento desproporcionado especialmente cando se produce no marco temporal dos peores exercicios da dobre recesión económica e no contexto dunha situación na que a gran maioría das familias víronse afectadas nos seus dereitos polas políticas de recortes e o radical austericidio.

 

Un servizo subvencionado ao que se engadimos as instalacións de iguais características radicadas nos Ministerios e o Senado, arroxa un cómputo anual de 8 millóns de Euros, e todo, para que os beneficiarios entre outras contraprestacións poidan champar un menú consistente en (dous pratos máis sobremesa e bebida) polo módico prezo de 3,40 euros.

 

Non hai dúbida que co paso do tempo os obxectivos cambiaron, e se nas súas orixes os economatos laborais creáronse perseguindo unha finalidade social determinada, tal era complementar o poder adquisitivo da retribución duns traballadores con escasos ingresos económicos, na súa nova modalidade a función é diametralmente oposta pois na actualidade están a utilizarse ingresos do Estado para subvencionar a bebida e comida duns deputados que cunha retribución superior aos 3500 euros/mes superan con fartura a media de ingresos dos españois do montón.

 

Agravio comparativo que xustifica de sobras suprimir este trato preferente, deixando en suspenso a irracional inxección de diñeiro público para que os deputados como o resto dos mortais paguen do seu peto os prezos de mercado pola prestación do servizo, porque neste país hai millóns de necesidades de maior calado e moito máis perentorias que esixen preferencia.

 

Resulta intolerable que mentres a repercusión das políticas de austeridade e recortes mantén baixo mínimos os niveis de prestación social, ese economato do Congreso dos Deputados sexa o bar máis barato de España á conta do peto dos cidadáns, que para sufragar a comida e bebida das súas señorías cústalles a nada desdeñable cifra de 4000 euros por deputado cada ano.

 

Pero as súas prerrogativas non quedan aí, tendo en conta que como especie protexida que son aínda cando se lles suprimiron dispensas que raiaban no obsceno, o trato de preferencia que ostentan segue diferindo no substancial do recibido polos seus representados, e así aínda cando as súas señorías están afiliados no Réxime Xeral da Seguridade Social como a maioría dos traballadores, a diferenza é que no seu caso, o abono das cotizacións corre integramente a cargo do Orzamento do Congreso en razón a un convenio especial subscrito co INSS polo Parlamento.

 

E sobre a base dun tratamento especial que lonxe de dignificar a política a demoniza, por canto a pervivencia e continuidade dos privilexios veñen a deslexitimar á propia institución, desde o punto e hora que exime aos parlamentarios do cumprimento das decisións que toman nas Cortes e que si afectan o resto da poboación, cando o seu debese ser predicar co exemplo.

Regalías que fan aflorar a dobre moral das súas señorías, e moi especialmente a daqueles deputados que reproban de plano o incremento do salario mínimo interprofesional ata os 900 euros polos prexuízos que ao seu entender entraña tal subida na economía do país, e con todo, na súa contradición non reparan en lexitimar a percepción dunha dieta tres veces superior (1800 euros mes), para sufragar o importe do seu aloxamento na vila e corte.

 

Pero as concesións non quedan exclusivamente en recompensas de índole económica, pois a maiores pola excepción que lles reporta a blindaxe da súa condición de aforados, teñen conferida preferencias xudiciais; de tal modo, que os deputados en supostos de procesamento teñen  de ser xulgados exclusivamente polo Tribunal Supremo.

 

Un tratamento diferenciado que causa suspicacias ao ser eles mesmos os que pactan a composición desta estancia xudicial.

 

Sendo por iso que teña de excluílos da miña felicitación de Nadal, que si fago extensiva aos bos e xenerosos.

 

Bo Nadal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta