Por X.M. Fernández | Allariz | 14/02/2019 | Actualizada ás 11:10
Baixo o lema “Namórate de Allariz!” o colectivo de Amig@s de BenComún, entre eles o Concello de Allariz, organiza unha campaña co gallo da celebración do 14 de febreiro,día dos namorados/as ou San Valentín.
Hospedaxes, restaurantes e comercios deseñaron unha atractiva e romántica acción para que tanto veciños/as como visitantes se namoren en Allariz e de Allariz e deixen proba fotográfica dese namoramento.
Entre o 14 de o 24 de febreiro -ambos os dous incluído- localizaranse no casco histórico e no interior dos comercios, hospedaxes e restaurantes participantes, marcos fotográficos para inmortalizar a instantánea romántica que despois deberán compartir nas redes sociais. As fotografías que circulen coa etiqueta #namóratedeallariz entrarán nun sorteo de 3 premios dunha noite e cea para dúas persoas e cinco premios dunha cea para dúas persoas.
E xa pensando na Semana Santa, a Área de promoción económica do Concello de Allariz abriu o prazo de inscrición para artistas que desexen participar no programa cultural da Semana Santa ao Vivo 2019.
Aproveitando a visita de familiares e turistas durante as vacacións desa semana, o concello organiza dende hai uns anos unha proposta cultural que combina arte, tradición e cultura. Entre o 18 e o 21 de abril, as rúas do Casco Histórico acollen a músicos de diferentes estilos, pero tamén danza, espectáculos de maxia ou teatro para amenizar o paso da xente e facer máis amena a súa estancia na vila.
O prazo de inscrición para artistas estará aberto ata o día 28 de febreiro (incluído) e para participar cómpre enviar o formulario debidamente cumprimentado que poderán descargar na páxina www.allariz.gal/xornal. A selección será comunicada ás persoas inscritas, a través de correo electrónico, o día 7 de marzo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.