Por Lois Pérez Leira | Caracas | 02/07/2019 | Actualizada ás 22:00
Sobre as relacións diplomáticas con España, o chanceler venezolano critica certos pasos que ten tomado o Goberno de Sánchez. “Hai pouco o meu homólogo español Josep Borrell, dixo nunha entrevista que os estadounidenses aseguraron a algúns gobernos europeos, entre eles ao seu, que o golpe dado polo fantoche da Asemblea Nacional (Juan Guaidó) sería apoiado polo pobo e a Forza Armada Nacional Bolivariana. Por iso, deron pasos en falso recoñecendo a un goberno inexistente e agora buscan retomar a sindérese. Por iso ten que haber unha reflexión no mundo”, asegura.
Tras o fracaso do golpe pide unha relación de “respecto mutuo, de igualdade e de cooperación con Venezuela” e que se opoña “ás imposicións imperialistas” do goberno Trump. Aposta, para iso, en aumentar o investimento das empresas españolas no seu país. “En Venezuela no sector petroleiro, no de telecomunicacións, é moi importante a cooperación española. Nós queremos ter boas relacións con España baseadas no respecto mutuo”, destaca o xefe da diplomacia bolivariana.
LPL: A súa familia ten unha historia moi vinculada á diplomacia venezolana. O seu pai foi parte do corpo consular nas Illas Canarias e en Galicia. Pode comentar como foi esa parte da súa vida nestes dous lugares tan emblemáticos para as relacións entre España e Venezuela?
JA: Efectivamente, o meu pai foi cónsul de Venezuela en Tenerife en 1975, non tiña eu aínda dous anos. Os meus primeiros recordos son de Canarias, de Tenerife; cando cumprín os catro anos, a miña primeira vez na escola, o meu primeiro xogo de fútbol. Os meus agarimos están en Canarias, no Teide; no Puerto de la Cruz; na Praia das Teresitas, no Parque municipal.
Recordo que a primeira vez que me subín a un avión foi para visitar Fuerteventura, as miñas primeiras vacacións. Despois o meu pai foi destinado ao Caribe e posteriormente regresa, xa como Cónsul Xeral, a Galicia, en Vigo.Pasei entre os 12 e os 14 anos en Vigo. Fixen grandes amizades e vinculeime moito coa esquerda de Galicia; estudei nun colexio de independentistas e socialistas que se chama Rosalía de Castro, que queda nos arredores de Vigo.
Alí comecei a activar as miñas ideas políticas, na Galicia dos anos 80, foi unha experiencia marabillosa. Eu aínda sufro de “morriña” como din os galegos e gustaríame volver pasear as rúas de Vigo, as Ramblas, o Club Náutico, a visitar o Castro, son recordos moi fermosos e moi presentes na miña vida.
LPL: En que lugar viviu en Vigo? Coñezo que foi moi preto da Alameda...
JA: Si, viviamos na Rua García Barbón. Nun edificio, no 4-B, lémbroo perfectamente. Iso foi nos anos 87; son recordos que de verdade manteño moi vivos e non puiden volver e gustaríame, porque quero moito a Vigo.
LPL: Que lembranzas ten en xeral da cidade, ademais dos que xa comentou do Colexio Rosalía de Castro?
JA: Recordo de Vigo a súa actividade a pesar do clima, chovía moito. Unha soa vez nevou no tempo que estiven alí, puido ser no 88 ó o 89. Respirábase un ambiente moi progresista vinculado cos obreiros dos estaleiros, cos pescadores, os mexilloeiros; as bateas na Ría, os campesiños. Onde está o colexio esa é unha zona rural e naquela época aínda se podían ver arados con bueyes. O meu mellor amigo era fillo de campesiños, fixen vida cos seus pais, cos seus avós, xente de moi bo corazón. Con eles aprendín a comer un cocido galego e outros pratos típicos.
Eran tamén anos difíciles para España. Estaba a producirse o referendo para sacar as bases da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), con aquel goberno de Felipe González que aparentaba ser socialista, e deu dous ó tres pasos á fronte e logo como cincocentos en retroceso. Eran momentos de moita esperanza, estaba a ingresar España á Comunidade Europea. Foi un momento moi interesante para min e a miña nai tomou previsións; regresamos antes de tempo polo problema da proliferación das drogas.
LPL: Acórdase dalgún político galego naquel entón?
JA: Nese momento, hai que recoñecelo, o líder en Galicia era Manuel Fraga, da dereita. Pero xa xurdían, opcións de esquerda aínda que esa foi unha rexión moi conservadora sempre. Lembremos que Francisco Franco era do Ferrol, e iso tivo moito impacto na vida de Galicia. Con todo, sentía xa con moita forza o Bloque Nacionalista Galego de Beiras e alianzas que se deron para tratar de contrarrestar á dereita.
O pobo español en xeral, pero eu diría que especialmente en Galicia, é un pobo co xerme da Revolución, porque son obreiros, campesiños, pescadores; son traballadores dos portos, dos estaleiros. E son os traballadores os que levan a cabo os grandes cambios da historia da Humanidade.
MR: Hai unha gran cantidade de galegos vivindo en Venezuela. De feito, hai un vínculo forte con Galicia. Cre que hai unha campaña de desinformación sobre a situación actual que busca xerar odio e rexeitamento cara aos venezolanos independentemente da súa tendencia política?. Que lle diría vostede á comunidade galega sobre o que sucede hoxe no noso país?
JA: A comunidade galega que veu a Venezuela, veu traballar. Moitos viñeron antes ou despois das guerras, a civil ou a mundial. Algúns viñeron sen nada e aquí lograron saír adiante, con traballo. E tamén nos ensinaron moito. Hai xeracións de galegos nados en Venezuela, fillos de galegos e venezolanos. Eles son xente de ben e coñecen a realidade.
Venezuela está a ser agredida desde 1999, cando deu inicio a Revolución Bolivariana. Foi unha intervención e unha agresión permanente, e estamos no momento máis álxido da mesma. O galego que viviu as consecuencias, as secuelas da guerra na economía e na sociedade, estou seguro que sabe polo que pasamos e é solidario co noso pobo.
As decisións de Trump sobre a nosa economía, teñen un carácter xenocida. Negar o acceso aos medicamentos, aos alimentos, á materia prima para a produción incidindo nos postos de traballo, debe considerarse un crime de lesa humanidade. Nos bancos occidentais hai retidos máis de 6 mil millóns de dólares do Estado venezolano que estaban destinados á compra de alimentos e medicamentos.
É moi forte o “amarelismo” nos xornais sobre Venezuela, todos os días mentindo, terxiversando, sobre o que pasa aquí. Hai un ataque mediático a Venezuela todos os días e os pobos de España están sometidos a esa desinformación.
Oxalá que podamos abrir, quizais será con movementos sociais, partidos políticos, forzas de esquerda, canles de comunicación para que se coñeza a nosa verdade e que cada quen saque as súas conclusións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.