Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2020 | Actualizada ás 13:20
Galicia realizou exportacións en abril por valor de 772,5 millóns de euros, o que supón un afundimento do 56,2% respecto ao mesmo mes do ano anterior debido ao impacto do coronavirus, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE).
Este esborralle é o segundo maior entre comunidades, só superado por Canarias (-66,4%). O retroceso das vendas ao exterior en Galicia é 17 puntos máis elevado que a media española (-39,3%). Se en marzo a caída das exportacións galegas era do 26,7%, esa cifra duplícase en abril, nun mes no que, tal e como lembra o IGE, a situación da pandemia levou á toma de medidas como "a redución da produción e o peche de fronteiras".
Unha das cuestións que explican esta situación foi o peche temporal da planta de PSA Citroën de Vigo durante abril. E é que as vendas ao exterior de vehículos protagonizan a diminución (-88,7%), seguida do téxtil (-80,3%). No outro extremo, as conservas de carne e peixe rexistran o maior repunte neste mes de confinamento (+45%).
Por destino xeográfico, baixan as vendas a todos os países cos que habitualmente comercia Galicia: Alemaña (-68,1%), Francia (-66,5%), Italia (-60,8%) e Portugal (-52,4%).
DESCENSO ACUMULADO NO ANO
Antes da irrupción do coronavirus as exportacións galegas crecían un 8% entre xaneiro e febreiro, pero marzo rompeu con esa tendencia. De tal forma, Galicia suma dous mes con descensos interanuais.
Así, as exportacións caen un 17,7% entre xaneiro e abril na comunidade. Tamén neste caso supón a segunda peor cifra no Estado, con País Vasco á cabeza (-21,4%). É cinco puntos porcentuais maiores que a española (-12,4%).
BAIXADA DE IMPORTACIÓNS
Pola súa banda, Galicia importou bens por valor de 797 millóns de euros, un 48,1% menos, uns 11 puntos por encima da media española (-37,2%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.