GC Aberto

Dos bosques ás pasarelas: os glamurosos da costa verdescente

Poderán tildarnos ás ecoloxistas de ter prexuízos, pero calquera anuncio conxunto de Inditex e a Xunta cáusanos arrepíos. Cando ao mastodonte téxtil xúntaselle un goberno galego emperrado en facer do futuro o vertedoiro do presente, nin a candidez volteriana agardaría algo bo do asunto.

Por Ecoloxistas (http://www.facebook.com/ecoloxistasenacciongaliza/) | GC ABERTO | 14/12/2020

Comparte esta noticia

Aínda así nun alarde de obxectividade imos evitar colmatar de consignas estas liñas e desmiuzar que é a viscosa e que consecuencias tanto económicas como ambientais terán o plan anunciado de «Levar a madeira dos bosques galegos nas nosas chaquetas» polo que a Xunta pretende captar fondos do programa europeo Next Generation para extraer celulosa e posterior elaboración da tela vexetal denominada viscosa ou raión. E non menos importante, saber se hai algo desa cousa pegañenta nos meus vaqueiros de toda a vida??

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos | Fonte: wikipedia

A viscosa está presente nas prendas estivais, lixeiras e transpirables, pero tamén nos cueiros, gasas para curas ou mesmo nas máscaras que os tempos covid obríganos a usar acotío. A produción de viscosa pode darlle un pulo á explotación madeireira do rural galego tan depauperado polo afundimento do prezo do eucalipto para pasta de papel. A demanda de celulosa para a súa produción potenciaría as labores de silvicultura tanto de montes comunais como privados que podería ser pedra angular dun cambio na política forestal galega.

Os números da portada do proxecto deixan clara a súa potencialidade: unha inversión inicial de 950 millóns para acadar unha produción de 250 mil toneladas de viscosa o que equivale a unha demanda de 1,5 millóns de metros cúbicos de madeira. Antes de continuar, imos contextualizar primeiro estas cifras. En Galicia, o aproveitamento madeireiro alcanza os 10 millóns de metros cúbicos. A explotación é minifundista, un de cada seis galegos posúe unha tira de monte. Actualmente para os propietarios forestais tanto particulares como comunidades de montes supón uns ingresos duns 278 millóns de euros. Uns ingresos que repercuten principalmente no medio rural e contribúe a xerar actividade e rendas tanto a 450.000 propietarios particulares e a 150.000 comuneiros, así como aos miles de traballadores do sector. Pero non todo está tan repartido no sector forestal galego, hai dous grandes acaparadores de cifras bendecidos pola actual política forestal da Xunta.

O eucalipto, a praga dos nosos montes, suma o 60% da cota anual de madeira. O segundo protagonista, e non menos denostado polo ecoloxismo galego, é ENCE. A pasteira mobiliza case un terzo da explotación total. Os propietarios das explotacións non terán nada en contra dun novo e forte poxador pola súa madeira, pero que sucede cos dous grandes protagonistas, como lles afectará a intrusión da viscosa no seu reino. O eucalipto sae indemne, xa que esta especie é idonea para a obtención da materia prima necesaria para a elaboración da viscosa. Isto podería mudar para esta alóctona pirófila cunha nova política forestal que potenciara a replantación con especies axeitadas para a produción de pasta pero menos propagadoras do lume e senon autóctonas alomenos non colonizadoras. A entrada de Inditex no sector forestal non pode deixar impasible a ENCE, acostumada a ditar o prezo da madeira para pasta pode verse forzado a poxar por cada corta se hai hostilidades entre ambos xigantes industriais.

A existencia de materias primas máis que suficientes para satisfacer a demanda marcará seguro un escenario de colaboración para continuar forzando un baixo prezo da madeira. Ante este dumping persistente pouco amparo atoparán no goberno galego os centos de miles de modestos silvicultores que terán que enfrontarse a estos dous xigantes. A asimetría impondrá a súa lei. Se ben as consecuencia ecosociais negativas do proxecto no sector primario poderían solventarse coa acción decidida do regulador, dificilmente pode agardarse esta participación activa do actual Goberno da Xunta que leva un decenio pertrechado no laissez faire. Hai medidas concretas que podemos esixir ao regulador sen que de novo nos tachen de pretender furar os pilares do sistema. Algo tan sinxelo como prohibir as cortas de árbores de menos de 30 anos. Marcar así como limiar unha lonxevidade que garanta que o espécimen tallado capturou moito máis dióxido de carbono que o liberado no proceso de transformación de materia prima en produto final.

Esta medida, ademais de incidir positivamente no quecemento global, dotaría ás comunidades de montes e pequenos cultivadores dunha vantaxe competitiva coa que facer fronte ao dumping persistente. Abordemos agora o propio proceso de elaboración da viscosa. Se ben este, concentrado nas plantas de procesamento, non terá unhas consecuencias tan espalladas pola xeografía galega como o extractivismo madeireiro, por contra parece que as súas consecuencias ambientais non serán menos graves, xa que o proceso de produción da viscosa depende en gran medida de produtos químicos tóxicos como o disulfuro de carbono, o hidróxido de sodio e o ácido sulfúrico, utilizados para romper a celulosa e transformala en fibra de viscosa. Por suposto hai solucións técnicas para a elaboración non carrexe residuos contaminantes. Non son medidas ignotas: encapsular os procesos contaminantes, depurar os refugallo e reciclar máis reutilizar os reactivos contaminantes.

Pero estas medidas profilácticas teñen un custe que o fabricante non quere descontar da súa conta de resultados senón é obrigado polo regulador. Outra vez batemos na mesma pedra, un regulador ausente e permisivo coas agresións ao medio ambiente. Tantas veces topamos as ecoloxistas co mesmo modus operandi industrial e complicidade gobernamental que podemos oficiar de arúspices con só recitar de memoria: “a vertedura destas substancias químicas nos regatos aledaños sen un tratamento previo axeitado afectará gravemente ao delicado equilibrio natural dos ecosistemas, o que provoca a morte de peces e outros organismos acuáticos, máis as afeccións a través da cadea trófica. A exposición tanto dos traballadores das factorías como dos habitantes locais aos produtos químicos, conducirá a graves problemas de saúde, tales como síntomas neurolóxicos e psiquiátricos, ataques cardíacos e accidentes cerebrovasculares.” Seica o primer paso para impedir que a cidadanía sexa enganada e esixa ao regulador amparo é desmontar as campañas de greenwashing, tanto as deseñadas por estas grandes corporacións como as dos gobernos que as auspician.

Cinco anos despois da aprobación dos acordos de París necesitamos menos publireportaxes edulcurados de verde na prensa e máis medidas reais contra a contaminación industrial. Esgótase o tempo mentres agardamos medidas gubernamentais ambiciosas para atallar o dererioro ambiental e climático. A única medida coercitiva contra estos xigantes industriais é articular unha maioría social capaz de desafiar o seu poder e apostar por unha transición xusta cara a un modelo económico que respecte a vida no planeta. Pero non confundamos consignas con pronósticos, distamos moito dese empoderamento cidadán, aínda resta unha gran tarefa de polinización para acadar esa maioría de cambio.

O tic tac ecolóxico ecoa na nosa cabeza e a historia roéndonos na caluga danos folgos para enfrontanos a estes xigantes sen que nos amedrenten. Son máis ben algúns muiños o que comeza a arrepiarnos. Por qué non aproveitar a oportunidade que nos brindan os fondos europeos para explorar novos modos de subsistencia sostíbles que creen un verdadeiro tecido productivo que alimente o país, en troques de seguir espoliando os recursos naturais e a paisaxe galega?

Chegados a este punto, co colapso dos ecosistemas a petar na porta e co cambio climático xa moi presente na nosa terra, non parece prudente afondar nun modelo de consumo de “usar e tirar” e nun modelo forestal baseado en especies pirofíticas, que xa deu mostras da súa perigosidade en tempos recentes. Son tempos de reflexión, pero tamén de supervivencia. Esa supervivencia, dada da emerxencia climática na que xa estamos inmersos, obríganos a replanxear moitas cousas, tamén a nosa economía.

Patricia Grela, Alberto Rivero e Cristóbal López. Ecoloxistas en Acción de Galiza

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nrGA

Poñer un imposto a producción de especies pirófitas, e promover especies propias de rápido crecemento como os bidueiros de Finlandia, tamén estaría Ben.